Irmandade’, Palabra do Ano 2016

O termo impúxose, na votación popular a eleccións, alburgada, porcoril, xenofobia e populismo no ano do centenario da fundación das Irmandades da Fala.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 27/12/2016 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

Irmandade foi elixida a Palabra do Ano 2016 na votación popular promovida polo Portal das Palabras, o proxecto que comparten a Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a difusión da nosa lingua. Os participantes nesta iniciativa quixeron así renderlles homenaxe, no centenario da súa fundación na Coruña, ás Irmandades da Fala, e tamén salientar a vixencia das súas reivindicacións. Este movemento pulou no primeiro terzo do século XX pola modernización e a dignificación da lingua e da cultura galegas, defendo o uso do idioma propio de Galicia en todos os contextos.

Unha das xuntazas das Irmandades da Fala
Unha das xuntazas das Irmandades da Fala | Fonte: intergalcome.uvigo.es

“Tendo en conta o obxectivo que impulsou a súa actividade, a súa acción transversal e mais a súa maneira colectiva de actuar, non hai dúbida de que irmandade é a palabra que os membros deste movemento puideron escoller para se presentar á historia”, apunta a RAG nun comunicado. Así, lembra que “entre eles tratábanse de irmáns e irmás”, e con este apelativo figuraban nos seus carnés, a xeito de contestación simbólica contra a oficialidade establecida. 

Irmandade convértese na Palabra do Ano 2016 tras recibir os votos de 623 das máis de 2.000 persoas que participaron na segunda fase desta iniciativa, á que chegaron seis termos como finalistas.

Porcoril e alburgada

En segunda posición, con 481 votos, quedou o curioso neoloxismo porcoril, que triunfou nos medios de comunicación para nomear o cruce de porco vietnamita e xabaril. En terceiro lugar, con 372 apoios, sitúase alburgada, termo tradicional que rexurdiu no uso ao funcionar como algo semellante á voz posverdade. Os demais votos repartíronse entre as outras tres palabras finalistas: eleccións, populismo e xenofobia.

Os seis termos finalistas foron elixidos  entre todos os recibidos na primeira fase da campaña atendendo a tres criterios: cales son os máis populares, cales tiveron unha maior proxección pública ao longo de todo o ano e aqueles destacados ben pola súa carga significativa, ben pola súa construción morfolóxica. En 2015 e termo gañador foi refuxiado e en 2014, corrupción.

Co gallo do centenario das Irmandades da Fala, a Real Academia Galega impulsou distintas iniciativas de divulgación e posta en valor do seu herdo. Coorganizou, da man da Deputación da Coruña e do Museo do Pobo Galego, a exposición Saúde e Terra irmá(n)s!, que pode verse ata este martes, 27 de decembro, no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta