As Administracións actuaron tarde contra a invasión da avespa asiática

Un estudo alerta da "tardanza" das autoridades europea, española, autonómicas e locais para frear e tentar erradicar a presenza da avespa velutina. No caso galego, bota en falla unha xestión máis eficiente da información sobre a presenza de niños.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/12/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

"A resposta institucional non foi, nun inicio, o suficientemente rápida como para responder de forma eficiente ao risco que supón a vespa asiática. Isto contribuíu a unha expansión e establecemento desta especie en toda Europa occidental". Así o conclúe un estudo sobre a expansión en Galicia e noutras áreas en España deste insecto invasor que está a poñer en risco a supervivencia da especie autóctona, a avespa crabro, ademais de producir importantes problemas medioambientais e económicos.

Diferencias entre a vespa galega e a vespa asiática.
Diferencias entre a vespa galega e a vespa asiática.

O estudo, publicado na revista Monfragüe Desarrollo Resiliente por Lidia Gamarra Gómez co titulo 'La regulación de la avispa asiática en el marco de las especies exóticas invasoras', analiza o marco legal na Unión Europea e compara os casos vasco, galego e catalán, ademais de abordar as actuacións locais. Así, "constátase a tardanza tanto en España como na Unión Europea para lexislar en materia de Especies Exóticas Invasoras, a pesar de que o impacto, tanto ambiental como económico destas é moi elevado".

Segundo a autora, o panorama regulatorio actual "deixa entrever que ata hai pouco non se tiveron en conta estas especies como unha ameaza ambiental seria". De feito, subliña que "dá a sensación de que se necesitou que penetrasen especies exóticas invasoras especialmente daniñas para a biodiversidade, como a vespa velutina, para que se comprendese a necesidade de normativizar o seu tratamento". 

Con todo, salienta que "na actualidade se están a desenvolver medidas" para tratar de controlar e erradicar a vespa asiática e das cales, "o programa LIFE STOPVESPA, de ser exitoso, podería supoñer un punto de inflexión na loita contra esta especie".

Doutra banda, Gamarra aconsella aos lexisladores ter en conta os efectos do cambio climático, pois suporá "unha alteración do terreo de xogo que afectará tamén as especies invasoras, de formas non predicibles", o cal "deberá ser considerado ao desenvolver normativa ambiental e requirirá dunha axilidade regulatoria que non existiu ata a data no que respecta ás especies exóticas invasoras". 

Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso
Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso | Fonte: CONTEXTOPLUS.

O CASO GALEGO

Na actualidade, a vespa velutina está presente en oito comunidades autónomas: País Vasco, Navarra, Cataluña, Galicia, Cantabria, Asturias, Castela e León e as Illas Baleares. Destas, Gamarra céntrase en estudar e comparar os casos vasco , galego e catalán por ser os máis substanciais no que se refire á invasión deste insecto. Para isto, tomou como paradigma a normativa vasca, pois "a súa estrutura regulatoria é tal, que se incorporaron mecanismos de loita contra a vespa velutina desenvolvidos polo País Vasco na estratexia estatal". A partir de aí, contrasta este caso coas regulacións de Galicia e Cataluña. 

Estímase que a vespa velutina chegou a Galicia a finais de 2013, tres anos despois da súa chegada a España. Como resposta, a Conselleria do Medio Rural, xunto con outros departamentos da Administración autonómica e en colaboración cos apicultores, aprobou en 2014 o 'Protocolo de vixilancia e control fronte á avespa asiática (vespa velutina)', o cal "está estruturado de forma similar á estratexia estatal" para este especie, expón Gamarra.

Principalmente, o protocolo de actuación galego establece que a alerta de presenza dun posible niño de avespa asiática debe comunicarse a un número específico, o 012, que xestionará a información sobre os niños. Por outra banda, a Xunta ten encomendado á empresa Tragsatec (do Grupo Tragsa) o cumprimento deste protocolo, de xeito que "non son os concellos ou outros axentes os que deben xestionalo, como ocorre no caso vasco", compara Gamarra.

Outra diferenza do marco legal galego respecto do vasco é o modo no que deben ser destruídos os niños de avespa asiática, xa que se permite que "o niño primario se destrúa mediante a súa conxelación".

Fóra deste programa, Gamarra recoñece que existen outras diferenzas con respecto ao caso vasco: "Conxuntamente co programa, na mesma páxina web intégranse un cartel e un tríptico informativo, con carácter divulgativo, que procuran concienciar á poboación sobre esta especie, algo que non é tan evidente na páxina do País Vasco. Ademais, inclúese un ficheiro que se ocupa de diferenciar a avespa velutina da avespa crabro e outro ficheiro con instrucións de construción de trampas artesanais", explica Gamarra.

A autora bota en falla en Galicia a existencia dun sistema de alertas comparable a Neiker, plataforma pública do Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario que ofrece información en tempo real sobre a detección de niños de avespa velutina. Con todo, sinala que en Galicia "si hai é un ficheiro que se actualiza periodicamente, no que se determinan, en función das chamadas ao 012, os concellos nos que se detectou esta especie".

Por último, salienta unha diferenza substancial nos obxectivos das normativas galega, vasca e catalá respecto da estratexia estatal, pois as tres primeiras "non determinan como fin a erradicación da especie, xa que recoñecen, que cos medios actuais, o máximo que poden alcanzar é limitar a súa expansión ou previr que a especie penetre noutros territorios".

Segundo Gamarra, "os métodos de trampeo e eliminación de niños son insuficientes para acabar coa presenza desta especie en España", o cal fai moi complicado acadar o obxectivo da erradicación desta especie invasora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 André

Em Isorna avisamos dum ninho há mais dum mês. Tem-no de retirar a Conselharia do Ambiente mas ainda nom tivo tempo.

2 Gamela

A ver se estou no certo, o 012 coma o 091 ou 092 ou 010 etc. son eses números que facturan fóra da cobertura da tarifa plana / a empresa Tragsatec factura á Xunta por cada servizo e así todos facturamos que é do que se trata...? Non sei se estou equivocado! Outra peste que nin caso fixeron, foi o Picudo Roxo que atacou ás Palmeiras centenarias de Galicia (especialmente nas Rías Baixas) seica agora que hai algúns tratamentos que se poden FACTURAR están comezando a mover ficha... Mesmo as dúas palmeiras que están nos xardíns das torres do Club Financeiro de Vigo e que foron taladas polo Concello, aínda ninguén pagou o servizo (seica hai tres sociedades distintas para xestionar un xardín miserento!) // Administración e NEGOCIO van da man ou non van !!! https://flic.kr/p/zajvhN

1 Sesese

Vexo dous niños de estas avespas todos os días no mesmo sito a carón da estrada donde poden traballar as grúas sin problema ningún. Que fan os bombeiros todo día no parque? Non poderian dedicar unha hora a retirar estos niños?. Aquí todo o mundo pasa de todo , e así nos vai