Francisco Castro: “A cultura galega non vive subvencionada, sae adiante a conta e risco de quen a produce”

Por que o libro electrónico non despega cando, por exemplo, a versión dixital d’A Esmorga anda polos 6€ e en papel uns 12€? Esta é unha das cuestións que aborda Francisco Castro nesta entrevista. O papel da Xunta na edición en galego (Galaxia di que só o 3% dos seus libros recibe axuda), a expansión por Sudamérica e as novas coleccións de libros son outros dos temas da conversa que mantemos co flamante novo director da histórica Editorial Galaxia.

Por Manuel Vilas | Vigo | 03/01/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Vostede leva moitos anos traballando en Galaxia, pero tamén é certo que Francisco Castro (Vigo, 1966) pertence a unha xeración completamente distinta á de Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951), o anterior director. Que cambios lle gustaría introducir na xestión da editorial?

Na propia pregunta está un pouco implícita a resposta. Efectivamente, eu son doutra xeración, que non é nativa dixital por idade, pero no meu caso si o son por vocación. Isto tense que notar e van cambiar moitas cousas. Nas dúas ou tres próximas semanas, espero que xa se comecen a facer visíbeis certos cambios. 

Francisco Castro
Francisco Castro

Como cales?

Por exemplo, abriremos novas coleccións máis acordes cos tempos que estamos a vivir. Faremos unha aposta moi potente por autores e autoras novos. Ademais, seguiremos coidando unha liña de traballo que nos deu moitas alegrías nos últimos tempos, na que eu xa levo tempo traballando, como son os produtos de infantil, especialmente os libros acompañados de música infantil en galego e de calidade. Ademais, temos que meternos por completo no horizonte da dixitalización 2.0, aínda que lamentablemente o modelo de negocio do libro electrónico aínda non está nada claro.

Fala de novas coleccións de libros, podería aclararnos sobre que temáticas van xirar?

Imos anuncialo nas próximas semanas, polo de agora estamos cambiando deseños e esqueletos editoriais, proximamente presentarémolas en detalle. 

Autores, directivos e traballadores de Galaxia
Autores, directivos e traballadores de Galaxia

Citou os problemas que está a ter o libro electrónico para facerse cun mercado significativo. O Goberno anunciou o descenso do IVE para a prensa electrónica e para os libros electrónicos, do 21% ao 4%, para equiparalo co papel. Esta medida pode supor un salto cualitativo importante para o despegue do libro electrónico?

O problema é moito máis profundo. Oxalá fora moito máis simple, e con cambiar o tipo de IVE xa se solventase! Gran parte do problema é que aínda non hai unha costume sólida de ler en formato electrónico. Ademais, hai un tema de difícilísima abordaxe, que esa idea tan consolidada en occidente, e sobre todo no Estado español, sobre que non se debe pagar por consumir algo en formato electrónico. Ninguén discute que hai que pagar por ir ver un partido do Celta de Vigo, pero si hai quen discute sobre se hai que pagar por ler unha novela. A realidade é a que é, os os datos son datos, e as cifras din que hai moitísima máis lectura dixital que venda dixital. Case todo o que se lee en dixital é de balde; é algo incrible, porque estamos a falar duns prezos ridículos.

E cal é a estratexia de Galaxia no referido aos libros electrónicos?

Arestora, temos uns 399 libros electrónicos xa editados. A miña idea é realizar unha aposta clarísima por este formato e que a edición electrónica sea ao mesmo tempo que a edición en papel. Imos apostar polo libro electrónico pero tamén con prudencia, porque por unha banda están os nosos desexos e outra a realidade que di que non hai unha liña de negocio clara. Pero o plan é editar ao mesmo tempo electrónico os libros de texto corrido, non os albumes, e facelo no prazo deste curso.

Vostede intúo que é lector en formato electrónico. Como animaría a outro lector a que dea o salto ao formato dixital?

Si, son lector de libros electrónicos, aínda que sigo adorando o papel. O primeiro que hai que destacar é que o importantísimo que é ler. O reto que temos como editores, e que teño eu como director de Galaxia, é que haxa máis lectores e lectoras en galego sexa no formato que sexa: en papel, en descarga, contra a nube, en electrónico ... Do formato electrónico destacaría a comodidade que supón poder ler un libro en calquera soporte, por exemplo podes ler unha mesma obra no libro electrónico pero tamén no móbil ou no ordenador. Ese é o primeiro gran argumento a prol do libro electrónico, máis alá da evidente comodidade para almacenalos. Aos que nos gusta ler gústanos construírnos unha boa biblioteca, e incluso facer torres de libros, pero co formato dixital tes unha enorme facilidade para gardalos e acceder a eles cando queiras.

Galaxia embarcouse nos últimos anos na edición de obras galegas en castelán e portugués para o mercado brasileiro e arxentino. Que valoración fan da experiencia? Van continuar con ela?

Non tería moito sentido non seguir con algo que empezou a andar no mes de abril. Para nós este mercado é unha liña estratéxica, iniciada o pasado ano en Arxentina e mais timidamente en Brasil. Pero queremos facelo de xeito que Mar Maior -sendo unha filial de Galaxia e nós a casa matriz- sexa cada vez máis independente. Así, hai un par de semanas constituíuse formalmente a empresa en Arxentina e tamén asinamos un acordo cunha das distribuidoras arxentinas mais importantes, para que os nosos libros cheguen a todos os sitios que teñen que chegar. Nós en Arxentina non estamos para competir cos grandes nomes da industria editorial, pero si para fornecer de referentes á colectividade galega, aos galegos e aos seus descendentes, que poden ser xa de cuarta xeración, para que teñan medios para seguir en contacto coa cultura do seu país.

O número de libros editados en galego caeu un 50% dende 2010.  É sostible unha editorial en galego sen o apoio da administración?

En Galaxia hai bastantes anos que estamos a contabilizar os que saen do prelo con calquera axuda, sexa da Xunta, dunha deputación ou de calquera administración. Os nosos libros subvencionados a penas superan o 3 por cento da produción. Isto serve para contrarrestar esa idea, esa idea que algúns difunden e que é malintencionada, de que a cultura galega vive subvencionada, a cultura galega non vive subvencionada, sae adiante a conta e risco de quen a produce, como Galaxia.

Daquela cal é o papel que debe xogar a Xunta de Galicia?

A responsabilidade da Administración pública é grandísima. Nesta era de recortes do gasto público, un dos sectores máis prexudicados é o da cultura, non só o editorial. A responsabilidade da Administración é moita porque non está a recortar noutros sectores que non xeran a riqueza que si xera o sector da cultura galega. Hai dous anos, coñeciamos uns datos moi abraiantes; todo o PIB da industria cultural galega está case o nivel do que aporta, por exemplo, o sector naval.  E é subministración quen ten que axudar a coidar o sector, gustaríanos ter moito mais apoio. Para min, as subvencións son algo moito menos importante que calquera outro factor. Por exemplo, a Administración non pode descoidar a compra de fondos para ter unhas boas bibliotecas ou unhas boas axudas á tradución, que son necesarias para podermos ler en galego as grandes obras da literatura contemporánea  como poden facer, por exemplo, os lectores en español. Eu non quero subvencións públicas, quero un marco que facilite que poida facer ben o meu traballo.

De todo o seu novo catálogo, recoméndenos un libro de Galaxia para empezar este 2017 …

¿De que tipo? Infantil, xuvenil ...

Non, non; para o lector típico de GC, que ten entre 25 e 40 anos e unha boa formación académica ...

Ben, daquela eu rencomendaríalle sen ningunha dúbida o último de Iria Collazo López, A Soidade das Medusas; pola forza narrativa e porque fala de grandes temas da literatura actual, como por exemplo que o azar pode destruír todo en calquera momento.

Francisco Castro, escritor e director da Editorial Galaxia
Francisco Castro, escritor e director da Editorial Galaxia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 anonimo

Si no fuera porque obligan a leer ciertos libros en gallego a los estudiantes, no venderíais un colín.

1 Comunista

Se non fose porque obrigan a ler libros, non se lería nada.

2 Fendeferro

O voso odio ao galego lévavos a defender o indefendible, que os cativos no aprendan unha lingua e que non lean. Sodes heraldos da ignorancia e así quedaredes retratados na Historia. Parabéns.

1 Gamela

e que pasaría se Galaxia vendera un pack que incluíra o libro en papel o libro electrónico e un trebello e-book de baixo custe e boa calidade para animar á lectura aos futuros consumidores ? Se son tempos novos debera notarse...!