Unidade por Jimmy

Os catro grupos con representación no Concello coruñés aproban por unanimidade unha proposta na que se esixe a reapertura da causa pola morte do seareiro deportivista "para dar cos culpábeis".

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 10/01/2017 | Actualizada ás 08:41

Comparte esta noticia

Todos os grupos con representación na corporación municipal da Coruña --Marea Atlántica, PP, PSOE e BNG-- aprobaron unha moción presentada polos nacionalistas na que se reclama a reapertura da causa pola morte do afeccionado do Deportivo Francisco Javier Romero Taboada Jimmy "para dar cos culpábeis".

A moción demanda tamén ás instancias xudiciais "o máximo dos esforzos" para acabar "coa impunidade que existe en torno a este caso", mentres que cuestiona que se teña arquivado o expediente baixo o argumento de que non se pode identificar os autores.

Na lectura da moción, a concelleira nacionalista Avia Veira expresou "a desolación e perplexidade" pola decisión xudicial. Pola súa banda, o concelleiro socialista Fito Ferreiro pediu "xustiza" e cuestionou que se levase a cabo un arquivo "en contra da Fiscalía e da Policía".

Por parte do PP, o concelleiro Francisco Mourelo tamén expresou o respaldo deste grupo á moción. "Estamos a falar dun asasinato", sentenciou. Por iso, pediu que as instancias xudiciais "non escatimen as actuacións oportunas" para esclarecer o caso.

En representación da Marea Atlántica, o concelleiro José Manuel Sande sumouse á petición do "esclarecemento da verdade" nuns feitos que vinculou coa "extrema dereita". Tamén lamentou o tratamento deste caso nos medios de comunicación e as declaracións do presidente da Liga de Fútbol Profesional, Javier Tebas.

A marcha ata Riazor para lembrar a Jimmy, coa nai do seareiro á dereita da pancarta.
A marcha ata Riazor para lembrar a Jimmy, coa nai do seareiro á dereita da pancarta. | Fonte: @JimmyVive

Concentración de apoio a Jimmy nos xulgados coruñeses.
Concentración de apoio a Jimmy nos xulgados coruñeses. | Fonte: Twitter
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Por fin unanimidade en algo!!! XUSTIZA PARA JIMMY !!!