Ningún partido apoia expresamente á xuíza De Lara

A revelación de que dous xuices amenazaron a instrutora da Pokemon non desata gran solidariedade entre os partidos galegos. O PP evita o tema e o resto pídelle a maxistrada que apure na instrución da multitude de causas que ten abertas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2017 | Actualizada ás 19:23

Comparte esta noticia

Todas as forzas con representación na Cámara galega (PPdeG, En Marea, PSdeG e BNG) coincidiron este martes en defender que a Xustiza debe actuar con "eficacia" e "axilidade", co fin de non prolongar "eternamente" as instrucións para que se cumpra coas garantías dos investigados e, ao tempo, evitar "facilidades" para a anulación dos procesos.

Pilar de Lara, instructora do caso Pokemon
Pilar de Lara, instructora do caso Pokemon

O debate chegou ao Pazo do Hórreo a raíz dun informe de Vixilancia Aduaneira, no que dous maxistrados de Galicia descualifican a Pilar de Lara así como esa entidade que participa en investigacións da xuíza de Lugo, ligada a varias 'macrocausas' que investigan supostos de corrupción na comunidade tales como as operacións Pokémon e Cóndor.

Nas conversacións intervidas incluídas no informe, recollido por Europa Press e adiantado este martes pola Cadena Ser, un xuíz galego descualifica, cando fala cun empresario investigado por branqueo, o traballo da xuíza. De feito, un dos maxistrados di ao seu interlocutor que "a xuíza De Lara está tola perdida".

"Non son a persoa adecuada para falar de cuestións sub iudice", replicou, preguntado ao respecto, o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, quen, ademais de asegurar que descoñece a cuestión, aludiu á "división de poderes" antes de subliñar que, dende o Lexislativo, é "particularmente oportuno ser respectuoso co poder xudicial, que fala fundamentalmente a través de sentenzas".

"Non teño ningunha opinión sobre esa información que sexa digna de ser feita pública", esgrimiu o dirixente popular, quen, en todo caso, apelou dende unha perspectiva máis xeral ao "vello aforismo de que unha xustiza lenta non é xusta", cuestión que ve "aplicable a este ou a calquera outro caso no que se alonguen os procesos de instrución".

Engadiu que a opinión de que é preciso axilizar as instrucións é "compartida por todos" e mesmo a defendeu o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas.

"NON DEBERÍA DAR LUGAR A SANCIÓN"

O seu homólogo no grupo de En Marea, Luís Villares, procedente do ámbito xudicial, si entrou no fondo da cuestión ao manifestar que considera que "as conversacións do ámbito privado que realicen dous maxistrados é algo que non debería dar lugar a ningún tipo de sanción", toda vez que "o exercicio da crítica" ás resolucións xudiciais ou a unha forma de actuación dun xuíz "forma parte do debate público".

"Non creo que mereza ningunha sanción", insistiu, para engadir que, dende unha perspectiva máis xeral e como xa manifestou noutras ocasións na súa faceta previa de voceiro de Xuíces para a Democracia, "as instrucións non poden durar eternamente". Ao seu xuízo, é "inaceptable" que unha instrución "dure cinco anos".

Ao respecto, apuntou que "ás veces faltan medios" para que os maxistrados poidan facer "ben o seu traballo" e subliñou que conseguir determinadas probas (como unha análise de ADN ou dun correo electrónico) pode levar "meses", se ben engadiu que a lei de axuizamento criminal prové vías para evitar atrasos, como a posibilidade das pezas separadas, e exemplificou coa instrución do Caso Palma Arena. Así, insistiu en que tan necesario é "tirar do fío" como "trocealo" cando se esixe.

O que, ao seu entender, non é "normal" é que haxa xulgados "con atrasos anormais de forma sistemática" como consecuencia "da súa forma de instruír". Para Villares, é preciso "corrixir" esta "anomalía", posto que a "duración indefinida" dunha instrución é "inaceptable" dende o punto de vista das persoas investigadas e, ademais, "facilita" que un proceso sexa anulado.

Ante a insistencia de se debería investigarse se hai presións sobre De Lara, o voceiro de En Marea reafirmouse na súa intención de non se pronunciar sobre "conversacións particulares".

EVITAR DETERMINADOS "EPISODIOS" NA XUSTIZA

O socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, pola súa banda, reivindicou o funcionamento "dilixente, eficaz e correcto" do Poder Xudicial como "elemento básico" do Estado de Dereito.

Fíxoo antes de lamentar "episodios" como o publicado este martes en relación a De Lara, que "poñen en cuestión dende dentro" o funcionamento das institucións e "non contribúen para nada" a avanzar nunha "democracia máis xusta" na que "os dereitos dos cidadáns estean máis seguros".

"Todos deberían facer un esforzo para que o Poder Xudicial non só funcione máis eficazmente, senón que reforce a súa lexitimidade a ollos dos cidadáns. Non se trata de que a Xustiza sexa eficaz, senón que tamén parézao. Estes episodios non son nada edificantes", resolveu.

"AXILIDADE" E ACLARAR SE HAI PRESIÓNS

A voceiro parlamentaria do BNG, Ana Pontón, incidiu en que "a Xustiza que ás veces actúa non é neutra nin cega" e lamentou que haxa casos xudiciais "con sumarios abertos que non se finalizan e grandes operacións mediáticas que non chegan a ningunha conclusión, onde parece que pode haber persoas que teñen unha mancha pero que a Xustiza non acaba resolvendo".

Por iso, pediu "dotación, rapidez e axilidade" na Xustiza e que se aclare "se hai algunha presión" porque, que a haxa, "non sería de recibo". "Pero tampouco é de recibo que haxa grandes operacións abertas durante 10 anos sen conclusión. Iso non é Xustiza, é sementar dúbidas acerca de todo o mundo", remarcou.

Por último, sinalou que en España hai "moitos exemplos" de Xustiza que "actúa ao ditado ou de forma moi paralela aos intereses de certas formacións política", e manifestou de que se produza unha "reforma" que garanta a independencia xudicial, "unha materia pendente, como outras moitas, no réxime xurdido do ano 78".

"Hai moitos pasos que dar para que a Xustiza funcionase de forma independente", resolveu.

Tags: #Pokemon
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Gamela

Pois sí, semella que De Lara está tola perdida... ou cando menos está PERDIDA pois leva anos "disparando contra todo o que se move" sen chegar a ningures... A última idiotez do ordenador do avogado (?) pode deixar fóra de xoga calquera proba que atope e mesmo acabar con ela fóra da carreira xudicial (Garzón) Efectivamente hai xente que pensa que é DEUS e non é ise o papel da Xustiza... Se abrise xuizo dunha vez contra alguén faría un mellor servizo á comunidade que buscando agullas en palleiros (VegaSicilia)

1 Balbino Fernández

Normal: Partido Podre, P$$$oEspañol dos Gal e Beneguai están enzoufados polas investigacións da xuiza. E as Mareas de Podemos son uns queda ben, pobres dos que agardan polos oportunistas para facer xustiza. Un escándalo máis que os partidos do réxime se encargan de tapar.

1 La pastillita

Si que investiga mucho loquito y cierra siempre los casos y condena muchos es que le tienen miedito