Galaxia convoca un novo premio literario para menores de 35 anos

O Premio Illa Nova de Narrativa busca estimular a creación entre novos autores. Está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2017 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

A Editorial Galaxia pon no panorama literario galego un novo premio. Trátase do Illa Nova de Narrativa, para autores menores de 35 anos, co que se busca estimular a creación entre novos talentos da literatura galega.

Editorial Galaxia.
Editorial Galaxia.

A primeira convocatoria do novo premio coincide co gallo do 60 aniversario da colección Illa Nova, que Editorial Galaxia botou a andar en 1957. A colección naceu para dar continuidade ao proxecto da editora a través das novas xeracións, sempre con vontade de renovación.

Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección onde saíron algunhas das principais obras do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”.

Con esta mesma finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria, nace o Premio Illa Nova de Narrativa, informa a editorial.

O novo premio coincide, ademais, coa chegada de Francisco Castro á dirección da editorial, en substitución de Víctor Freixanes.

BASES

Este premio concederase de acordo coas seguintes bases:

1º Poderán optar ao premio as persoas menores de 35 anos na data da resolución do premio, de calquera nacionalidade ou procedencia, sempre que as obras se presenten en lingua galega, conforme á normativa vixente, sexan orixinais, rigorosamente inéditas e non fosen premiadas en ningún outro certame, nin en parte nin na súa totalidade.

2º Poderán concorrer novelas ou un conxunto de relatos cunha extensión mínima de 100 páxinas, tamaño DIN A4, mecanografadas en Times New Roman 12 a dobre espazo por unha soa cara. Deberán enviarse seis copias impresas, encadernadas ou cosidas, e copia dixital en CD coa obra en formato pdf ao enderezo: Premio Illa Nova de Narrativa, Avenida de Madrid, 44, baixo, 36204 – Vigo. O prazo de admisión de orixinais pecharase o 31 de marzo de 2017.

3º Os orixinais irán asinados cun pseudónimo e un lema, que aparecerán tamén no exterior dun sobre que debe conter no interior os seguintes datos: nome, apelidos, enderezo, fotocopia do DNI e teléfono de contacto.

4º O xurado estará composto por lectores/as e persoas do mundo cultural e literario galego. Serán un total de cinco membros e un secretario ou secretaria en representación da Editorial Galaxia con voz, pero sen voto. O xurado terá plena facultade para interpretar as presentes bases naqueles supostos que o precisen.

5º O premio outorgarase á obra que por unanimidade ou, no seu defecto, por maioría de votos, sexa considerada merecedora da distinción. O xurado pode declarar deserto o premio.

6º A decisión do xurado será inapelable e farase pública nun acto en Vigo que se celebrará en abril de 2017, reservando a entidade organizadora o dereito a modificar esta data ou lugar se así o considera.

7º Entregarase un único premio, indivisible, de 3,000 euros. O autor ou a autora recibirá, ademais, unha escultura simbólica conmemorativa do Premio Illa Nova de Narrativa. A cantidade recibida computará en concepto de adianto de dereitos de autoría.

8º A obra premiada será editada e comercializada pola EDITORIAL GALAXIA na súa colección Literaria.

9º Os orixinais non premiados serán destruídos se despois de 1 mes da decisión non son retirados.

10º A Editorial Galaxia reserva, durante o prazo de 1 mes a partir do día en que se faga pública a decisión, un dereito de adquisición preferente da edición de calquera obra presentada ao premio que, sen alcanzar o galardón, sexa considerada de interese, previa subscrición do oportuno acordo entre as partes.

11º A participación neste premio implica a plena e total aceptación destas bases.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Fartodalingua

¿Y por qué no puede un autor gallego escribir en español y presentarse al premio? La normativa plantea la promoción del jallejo no la abolición del español. Estos nazionatas...

1 Un de paso

E quen dixo que non podía presentarse? Le ben as bases, anda. Outra cousa é que non poida optar ao premio, como eu non podería optar ao Planeta se envío unha novela en galego. ; )