Temas: FOTOGRAFíA FOG

“É na administración pública onde máis se violan os dereitos de autor dos fotógrafos”

Os fotógrafos galegos veñen de dar un paso que mudará a súa relación con medios, empresas, institucións, administracións públicas e a sociedade en xeral. Por primeira vez, o gremio toma as rendas do seu destino creando a FOG - Asociación da Fotografía Galega. Falamos co seu presidente fundacional, Tono Arias, sobre os retos e desafíos nun contexto marcado polo uso de novas ferramentas tecnolóxicas que están a mudar o labor fotográfico, pero tamén polo instrusismo, a precariedade laboral, os despedimentos e a caída dramática dos prezos.

Por Alberto Quian | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Recuperar o valor capital e a función transcendental da fotografía como arte, medio de información, documento social e histórico, e activo cutural e económico; dignificar e defender os intereses da profesión e devolver os fotógrafos ao lugar que lles corresponde, a primeira liña de acción, para contar pequenas e grandes historias en imaxes. Estas son as principais ideas que se poden extraer da constitución da FOG - Asociación da Fotografía Galega e da lectura dos seus estatutos. Aprobada o pasado 13 de xaneiro, a FOG nace cun plan de acción revolucionario no gremio dos fotógrafos galegos ante os retos e desafíos que afrontan, nun contexto marcado fundamentalmente pola revolución tecnolóxica e comunicacional, os despedimentos e a precariedade, o intrusismo e a competencia desleal, a desvalorización da profesión e a caída dramática dos prezos.

Á primeira reunión da FOG - Asociación da Fotografía Galega acudiu medio cento de profesionais
Á primeira reunión da FOG - Asociación da Fotografía Galega acudiu medio cento de profesionais | Fonte: FOG.

Coa intención de artellar por primeira vez en Galicia unha organización que sirva aos fotógrafos como instrumento de defensa dos seus intereses, a constitución da FOG supón un cambio nas regras de xogo no que respecta ao exercicio da profesión e o uso da fotografía como medio transformador na sociedade.

Este breve manifesto dos seus impulsores resume os seus propósitos, tamén recollidos nos seus estatutos:

Para solucionar os problemas do sector, pensamos que a única opción é a creación dunha asociación de fotógrafos galegos que teña como fin:

- Representar os intereses dos fotógrafos nos foros nos que se tomen decisións que nos afectan a todos.

- Fomentar a solidariedade das persoas afiliadas mediante a promoción e creación de servizos comúns de natureza asistencial.

- Sensibilizar a organismos e entidades da administración e a opinión pública sobre a importancia cultural e económica da fotografía.

- Organizar actividades de utilidade para os asociados.

- Ser fonte de información e de debate.

- Defender os intereses dos fotógrafos.

- Promover o contacto entre fotógrafos e outros colectivos do sector cultural.

- Identificar a profesión como tal e defender os dereitos dos fotógrafos conforme ás leis, convenios e tratados internacionais, priorizando a erradicación das condicións de ilegalidade e clandestinidade que aínda rexen algunhas relacións profesionais no noso sector; e fomentar a conciencia social dos propios fotógrafos a este respecto.

Sobre estas e outras cuestións que afectan o labor dos fotógrafos profesionais galegos falamos con Tono Arias, primeiro presidente da FOG. 

A FOG - Asociación da Fotografía Galega, nace para defender os dereitos dos profesionais da fotografía en Galicia
A FOG - Asociación da Fotografía Galega, nace para defender os dereitos dos profesionais da fotografía en Galicia | Fonte: FOG.

- Cando, por que e de quen xorde a idea de poñer en marcha esta iniciativa?

- A idea xorde despois dun evento chamado P2P (encontro de fotografía) celebrado en Dispara no ano 2013. Neste encontro de xente interesada na fotografía xurdiu a necesidade de constituír un grupo ou asociacion para como mínimo relacionarnos coas administracións públicas.

"A precariedade laboral está moi estendida no noso sector".

- Con cantos asociados ou interesados comeza a FOG? Teñen un censo de cantos fotógrafos poderían atraer?

- O número de interesados é difícil de calcular. Á reunión constituínte celebrada na Escola Antonio Failde de Ourense asistiron máis de 50 persoas. Temos unha listaxe de correo electrónico composta por unhas cen persoas interesadas en asociarse en canto se conforme a asociación. A maiores, temos un grupo creado en Facebook no que hai actualmente unhas 600 persoas.

- Van ter algunha plataforma de comunicación: páxina web, redes sociais, etc.? Que contidos teñen pensado incluír e compartir? 

- Agora mesmo temos un grupo de Facebook e comunicámonos enviando correos electrónicos de consulta e información ás persoas interesadas. No inicio fixemos unha enquisa online para consultar distintas opinións sobre como lle gustaría á xente organizar a asociación. Cando a asociación esté legalmente constituída comezaremos por construír unha páxina web onde estará toda a información, tanto para as socias e socios coma para os que se queran asociar. Do mesmo modo, FOG buscará ter visibilidade nas redes sociais máis habituais.

- Nos estatutos establecen que o galego é o idioma oficial da asociación. En que medida é importante para a FOG identificarse coa lingua galega?

- É o idioma do territorio onde vivimos e tamén a lingua utilizada pola maioría dos asociados e asociadas. Pensamos que é o que nos diferenza dos demais, e iso tamén témolo que aproveitar.

"A profesionalidade non se pode rexir polos resultados obtidos nunha imaxe, que isto non o discutimos, xa que é subxectivo".

- Teño entendido que se van organizar mediante comisións ou grupos de traballo. Pode explicar en detalle como se vai facer?

- Queremos que sexa unha organización horizontal, transparente e por suposto democrática e de participación. Temos unha Xunta Directiva (como requesito legal para poder funcionar). Pretendemos poñer en marcha mesas de traballo que representen os distintos sectores da fotografía: prensa, social, editorial, publicidade, empresas... Organizaremos mesas en función dos socios que teñamos e o sector ao que estean vinculados. Pretendemos como inicio redactar un documento que analice a situación, necesidades e posibles actuacións de cada sector e este será o traballo dos compoñentes das distintas mesas de traballo.

- Respecto da Xunta Directiva, xa hai asignados?

- A Xunta Directiva quedou aprobada o día 13 de xaneiro na asamblea celebrada na Escola Antonio Failde de Ourense —que escollemos como sede símboloca da FOG— e está composta por: presidente, Tono Arias; vicepresidenta, Tamara de la Fuente; secretario tesoureiro, Iván Nespereira; vogais (representando as catro provincias), Iria Rivas, Pilar Abades, Nacho Gómez e Luís Díaz.

- Nos estatutos din que poderán ser asociados aquelas persoas físicas e xurídicas que “teñan interese na fotografía”. Non é un pouco ambiguo? Poderán ser asociados persoas afeccionadas á fotografía? Cal é realmente o criterio?

- Pensamos que é mellor non pechar portas a ninguén nin crear muros entre o mundo “profesional” e o dos “amadores”. Cremos que estando xuntos podemos educarnos mutuamente no que respecta a temas tan delicados como o intrusismo, etc. Eu, dende logo, prefiro educar dende cerca que loitar na trincheira, o cal non nos leva a ningún lado e consume moita enerxía. Por outra banda, é moi complicado poñer un límite á profesionalidade nos tempos que nos toca vivir; hai moi bos profesionais que non están dados de alta en autónomos, que traballan esporadicamente. A precariedade laboral está moi estendida no noso sector. Xente que circula de beca en beca, de residencia artística en residencia... Xente que non ten posibilidade de afrontar os custos excesivos no réxime de autónomos... Pechar as portas a esta xente non sería ser fiel á totalidade do sector fotográfico galego.

 "Parécenos necesario algún tipo de regulación, cando menos para traballar coas administraccións públicas e organismos que se xestionan co diñeiro de todos".

- Que liña separa a un fotógrafo profesional dun afeccionado?

- Cremos que un profesional debe estar dado alta ou traballar por conta allea e pagar os correspondentes tributos, e ten os medios e os coñecementos necesarios para realizar o traballo con calidade. Ademáis, non se trata soamente de loitar contra quen fai competencia desleal, senón contra a falta de consumo responsable de quen decide contratar a uns ou a outros. Porén, un amador non debería comerciar co seu traballo. Agora mesmo, coa fotografía dixital é certo que un fotógrafo amador pode obter moi bos resultados técnicos na fotografía, pero a cuestión é como se utilizan esas imaxes. é dicir, a profesionalidade non se pode rexir polos resultados obtidos nunha imaxe, que isto non o discutimos, xa que é subxectivo.

- Consideran necesario regular ou establecer mecanismos de protección para a fotografía profesional e contra o intrusismo?

- Si. Parécenos necesario algún tipo de regulación, cando menos para traballar coas administraccións públicas e organismos que se xestionan co diñeiro de todos. Actualmente non existe ningún tipo de premisa para poder traballar para as administracións. Así, temos casos de persoas realizando todo tipo de traballos fotógraficos para organismos públicos sen estar nin dados de alta en ningun tipo de epígrafe. Son persoas que en moitos casos teñen outro tipo de traballo e fan fotos no seu tempo libre.

"Faremos presión nas empresas e nos organismos públicos para que se cumpran as leis de propiedade intelectual e de dereitos de autor".

- Que entenden por intrusismo profesional?

- Intrusismo profesional é, como vimos dicindo, o labor que fan todas aquelas persoas que sen estar dadas de alta e non estar contratados traballan cobrando, gratis ou por debaixo do prezo de mercado, rompendo así as regras básicas do mercado laboral.

- Falan de solucionar os problemas do sector, pero cales identifican como os máis urxentes?

- Os problemas do sector son moitos. Nós trataremos de ir pouco a pouco. Primeiro, todas as mesas van identificar eses atrancos e logo trataremos de poñerlles arranxo. Empezaremos sempre polos do círculo máis amplo para ir pouco a pouco centrándonos nos detalles. Quero dicir, primeiro os problemas xerais que afectan a maioria, que, cremos, son os que afectan os dereitos de autor, que onde máis se violan é precisamente nos contratos de traballo coa administración pública. Outro problema grave é o intrusismo. Tamén nos preocupa o noso patrimonio fotógrafico e o que está a pasar cos magníficos arquivos dos excelentes fotógrafos que tivemos no país, é dicir, como se está a conservar, difundir e poñer en valor ese material.

- Van actuar como vixiantes, é dicir, van controlar e denunciar malas praxes por parte de medios, outras empresas ou institucións e mesmo tamén de fotógrafos?

- A nosa vocación non é a de ser vixiantes; son temas sobre os que a asemblea xeral terá que tomar decisións ao respecto. Pero por suposto que faremos presión nas empresas e nos organismos públicos para que se cumpran as leis de propiedade intelectual e de dereitos de autor, que se traballe con prezos xustos e que se respecte a fotografía e se lle dea a importancia que ten como medio cultural e económico. E tentaremos reducir o intrusismo cos medios que teñamos ao noso alcance. Pero máis que perseguindo, educando.

"O xornalista fotógrafo, ademais de facer o traballo gráfico, é tamén un notario, alguén que nos di que aquilo que aparece na imaxe ten veracidade".

- Que lle dirían a todos os redactores que aceptaron as ordes de editores e directores de xornais para que fagan tamén traballo fotográfico cos móbiles, substituíndo aos fotógrafos profesionais en cadros de persoal?

- Creo que cando se empecen a publicar crónicas dos propios espectadores ou do público no xornal daranse conta da súa actuación. Cremos que o xornalista fotógrafo, ademais de facer o traballo gráfico, é tamén un notario, alguén que nos di que aquilo que aparece na imaxe ten veracidade, aínda que xa sabemos que isto ultimamente é relativo.

- E aos editores e directores de xornais?

- Diríalles que se pregunten por que cada día teñen menos clientes pola súa perda de credibilidade. Que se pregunten se os temas que pubican son os que o público na rúa está esperando deles. E diríalles que unha boa calidade da fotografía contribuiría sen dúbida a que este público non desapareza.

- E para o público en xeral, que xa non só é espectador, senón tamén autor de imaxes, que mensaxe teñen?

- Pedímoslle un pouco de responsabilidade, de moralidade, que poden gozar da fotografía, ser felices cun dos pasatempos máis atraíntes que hai e que non é necesario vender, publicar, expoñer... Hoxe teñen moitas ferramentas na rede para valorar o traballo que fan e darse conta de onde están. A fotografía é sobre todo un exercicio individual e solitario; estás ti só ante a imaxe. A fotografía non se pode practicar en manda. Pensamos que se ten que desenvolver cun comportamento educado e cívico.

- Van buscar algunha vía de achegamento ou colaboración co Colexio de Xornalistas e as Facultades de Comunicación e Xornalismo ou mesmo Belas Artes?

- Nos estatutos está impulsar a relación e intercambio con outras asociacións e entidades culturais, e por suposto que a teremos. A idea é construír unha sociedade mellor e máis xusta para todos e isto non se pode facer en soidade. 

- E coa Xunta?

- Coa Xunta será a primeira das actuacións que queremos pór en marcha. Redactaremos un documento que entregaremos en todos os departamentos e consellerías asi como no AGADIC [Axencia Galega das Industrias Culturais], no que a fotografía non aparece en ninguha das súas multiples actuacións.

- Respecto das institucións e organismos culturais, especialmente os museos, van tamén abrir vías de comunicación, colaboración e/ou sensibilización?

- Por suposto. Estes organismos son xeradores de moito traballo ao longo do ano. Falaremos con eles, por suposto. Estamos moi preocupados polo feito de que os artistas nunca teñan recoñecido os seus honorarios cando se organizan exposicións. Moitas veces estes organismos pensan que están promocionando un artista e en realidade están xerando precariedade nos mesmos.

"É preciso que as administracións se conciencien do valor dos arquivos históricos de moitos fotógrafos do pais".

- Falemos das distintas funcións e valores da fotografía. Primeiramente, sobre a fotografía como expresión artística. Estase a perder esta consideración?

- Penso que non. A fotografía até hai pouco non era considerada arte e agora mesmo é a arte que mellor representa as inquedanzas e características do noso tempo. Ademáis dos fotógrafos de “oficio”, outros artistas procedentes de displinas diferentes están a utilizar a fotografía nas súas obras. Pero a fotografía como expresión artística segue a ser algo minoritario; por unha banda é lóxico e está ben que así sexa, ten que ir medrando en público pouco a pouco, vai ao ritmo no que a sociedade se vai formando e precisando de consumir como necesidade propia a cultura fotográfica.

- Da fotografía como medio de información, está a perder valor, consideración ou protagonismo na prensa, en xeral, e en Galicia en particular?

- A fotografía como información está a ter máis importancia ca nunca. O que pasou é que a forma e os axentes que a producen cambiaron. Hai información das redes sociais que está a ser quizais máis importante cá dos propios medios. A inmediatez das redes fai que as novas se publiquen antes no Instagram e no Twitter que nos propios medios tradicionais, que se están a nutrir precisamente destas redes. O perigo disto é para o traballo de notario que facía o xornalista; así acontence que se publican tantas novas falsas ou claramente terxiversadas.

-A fotografía como documento social e histórico, é hoxe valorada suficientemente e dunha maneira xusta?

- Non. No noso país non está valorada, xa que a xente descoñece que existe, pero cando ven esas imaxes danse conta do valor que teñen. Non hai máis que ver a afluencia de público que tivo a exposición do CGAC de Cristina García Rodero ou a de Virxilio Viéitez no MARCO. É preciso que as administracións se conciencien do valor dos arquivos históricos de moitos fotógrafos do pais, que faga o que está nas súas mans para conservar de forma correcta os arquivos. Hai que catalogar e conservar as fotografías históricas. Parécenos que neste campo hai unha gran carencia, xa que moitos destes arquivos históricos se atopan en condicións non aptas, ameazados pola humidade e o desinterese institucional.

- E a fotografía como activo económico?

- Estamos empezando a traballar como asociación, pero queremos saber cales son os datos económicos da fotografía no país. Estou seguro de que serán uns números moi importantes. Por exemplo, en Euskadi publicaron un estudo no que a metade das vodas que se facían no país eran realizadas por ilegais.

"Os retos universais da fotografía amplíanse sen dúbida para Galicia".

- Hai problemas, desafíos e retos universais para os fotógrafos, en todo o mundo, derivados desta revolución tecnolóxica e tamén do desprezo que a prensa, en xeral, amosa agora polo labor dos fotoxornalistas. Pero, hai problemas, desafíos e retos singulares en Galicia tamén?

- Os retos universais da fotografía amplíanse sen dúbida para Galicia. Non somos unha comunidade pioneira ou cun avance especial respecto doutros países nos que hai moitas cousas que xa están superadas, onde ás institucións e empresas, por exemplo, non se lles ocorre contratar servizos con provedores non profesionais e que entenden que son os dereitos de autor e os honorarios xustos.

- Son conscientes de que avances tecnolóxicos como os drons e o seu uso para cubrir dende o aire catástrofes naturais, accidentes ou conflitos bélicos, ou para facer reportaxes ou guías de espazos naturais ou urbanísticos, por exemplo, serán cada vez máis habituais, substituíndo a figura do fotógrafo sobre o terreo? Como encaran estes cambios?

- Os fotógrafos terán que adaptarse ás novas tecnoloxías e os retos que elas supoñen. Xa o fixeron coa introducción da tecnoloxía dixital, que cambiou por completo a forma de traballar. Os que o precisen, alugarán un dron e os máis atrevidos faran un curso de piloto de dron.

- Fan tamén autocrítica? Que hai da solidariedade no gremio ou do desactualizados que semellan algúns fotógrafos respecto ás novas tecnoloxías e os novos xeitos de comunicar en rede?

- Autocrítica, sempre. Cómpre autoavaliarse para mellorar a situación actual da fotografía, que en parte é responsabilidade nosa. O individualisno desta profesión é a consecuencia de moitos dos atrancos que ahora nos toca resolver. En canto á desactualización do sector, é relativa. Penso que o esforzo feito por persoas que na maioria non somos nativos dixitais é moi grande. Na FOG trataremos de resolver isto. Pretendemos organizar cursos de formación, en moitos casos impartidos por empresas e polos propios asociados.

"Aos fotógrafos que regalan o seu traballo pediríamoslles un pouco de responsabilidade e honorabilidade. Esta actitude non conduce a nada". 

- Que lles dirían aos fotógrafos que regalan o seu traballo ou venden as súas fotografías por un euro, como está a suceder, para simplemente seguir publicando e que o seu nome apareza nun xornal ou nunha revista?

- Pediríamoslles un pouco de responsabilidade e honorabilidade. Esta actitude non conduce a nada e pensamos que isto só se soluciona con educación, educación e educación.

- A tendencia actual na prensa é desfacerse de boa parte dos fotoxornalistas e os poucos que queden, que traballen como freelances ou autónomos, moitos en precario, sen seguros, tendo que cubrir os custos relacionados cos desprazamentos, dietas, equipos, etc. Por que está a suceder isto e que solucións plantexan?

- Non sabemos cantos fotoxornalistas estarán asociados. Eles, na súa mesa de traballo, serán os que terán que analizar a súa situación e entre todos buscaremos as posibles solucións. Está claro que a situación semella grave e tamén parece irreversible, pero seguro que poderemos facer cousas para mellorar todos xuntos se individualmente están perdidos.

- Que opinan de plataformas e repositorios de imaxes como Flickr, Pixabay ou Pinterest? Fixeron dano ou son unha oportunidade para a profesión?

- Según a quen lle preguntes, os profesionais ou amadores. A min, persoalmente, non me soe interesar o que se publica nesas plataformas, pero para outros son escaparates do seu traballo

- E por que cren que a fotografía viu reducido o seu valor en Internet?

- Pensamos que a fotografía dixital cambiou a maneira de negocio e en certo modo é lóxico; o valor da fotografía é o que lle damos cada un. O importante non é a ferramente utilizada, senón como e cando se dispara, e que resultado se obtén.

- Como se pode competir contra todo isto: os repositorios gratis en Internet, o chamado xornalismo cidadán, os redactores exercendo de fotógrafos, os despedimentos e precarización da profesión, a desvalorización da fotografía no mercado, etc., etc.?

- Na FOG non facemos maxia. Son moitos os campos de traballo, de reivindicación. Nós tamén temos que adaptarnos ás novas circunstancias do sector. O que si temos claro é que a imaxinación e o traballo serán os medios que usaremos para exercer presión. Cremos que tamén hai que mudar as maneiras de protesta.

- Que lle diría aos mozos e mozas que pensan hoxe en dedicarse á fotografía profesional?

- Dirialles que se compren un bo par de zapatos e que viaxen todo o que poidan. Agora mesmo o mercado laboral non os vai a recibir cos brazos abertos. Temos unha precariedade laboral tremenda. Aínda con todo iso, gustaríanos que non perdan a esperanza e que traballen e fagan fotos, que se formen, que isto mudará mais pronto que tarde, e para cando iso ocurra deberán estar preparados. Iso si, o mercado laboral xa non será nunca como antes; hai que afacerse a irse fóra a traballar.

Primeira reunión da FOG - Asociación da Fotografía Galega, na Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Failde de Ourense
Primeira reunión da FOG - Asociación da Fotografía Galega, na Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Failde de Ourense | Fonte: FOG.
Temas: FOTOGRAFíA FOG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

4 Coira_de_Lugo

Todo isto é un negocio montado por catro amigos para sacar cartos das institucións a costa dos que pagan as cuotas de socio. Pasen señores pasen!! e paguen... así descansan os "profesionais" ríndose dos aficionados. Lamentable, patético e por sorte: efímero.

3 Informático

Algo parecido pásanos aos informáticos http://www.galiciaconfidencial.com/...

2 Outro xornalista

Simplemente comparando a calidade non só técnica senón tamén xornalística das imaxes destas dúas portadas de xornais —unha feita por un profesional para un xornal con criterio e a outra por non se sabe quen para un medio que despediu fotógrafos—, xa non hai máis que dicir. Está na man da xente decidir se queren calidade profesioonal ou bazofia afeccionada. https://pbs.twimg.com/media/CwWWjuu...

1 galegoexiliado

Vaites. Outro jrupo de iluminados, enviados polos deuses, que se creen posuidores da única verdade e que veñen a poner portas ó campo, no que solo eles están autorizados pa amosar as suas grandes capacidades artísticas, e decirnos quén pode ou non traballar e amosar ou vender as suas fotografías. Nun mundo dixital e globalizado so os "profesinais" autorizados polos deuses poden traballar, publicar, vender e cobrar o seu traballo, o resto os "amadores" que se limiten a amosar a suas fotos ó cuñado que ven de visita ou nas tertulias do bar. Os mesmos que propoñen que nas ruas e actos públicos os "profesionales" leven chalecos e distintivos e que os "amadores" sexan apartados polas fuerzas del orden público. Os mesmos que cando un turista, ou un "amador" tenta facer una foto se lles meten diante impedindolle tomala, e que logo os critican porque non teñen ténica ou "lenguaxe fotográfico". Como decía un de estos "en Galicia mando yo, y publica quién yo quiero".

1 Anonymous

Nin idea do que dis nin respecto pola profesión. Vaille mercar carne a un que mate o porco nun piso sen garantías sanitarias, ou contrata como avogado a un paiaso ou como músico a Leonardo Dantés. Mellor, dinos a que te dedicas ti ou a túa familia para facer o voso traballo eu gratis, anque non teña nin idea, e quedarvos no paro. Agora todo o mundo é fotógrafo profesional, si, e xornalista e economista e avogado e bailaríns de ballet... Estades moi flipados algúns.

2 Xornalista

galegoexiliado, ti te cres que por saber poñer os dedos no acorde de MI no mástil dunha guitarra xa eres Keith Richards. Veña, a outro conto, meu.

3 galegoexiliado

Non sabía eu que por darse de alta na SS, ou ir a un cursiño impartido por algún coñecido xa da calidade ó teu traballo superior a de alguén que traballa por libre. Nun mundo libre o importante é a calidade do traballo, non a titulitis e moito menos os cotos privados, En cincuenta anos no mundo da información estou canso de ver "profesionales" e "artistas" dando leccions e impedindo o traballo dos demais. Afortunadamente quén merca e paga o traballo paga a calidade e non a titulitis. YES WE TRUMP

4 Fotógrafo

Calidade, dis, ahahahahahahaha. Escacho de risa. Compara un traballo profesional cun afeccionado e déixate de dicir parvadas: https://pbs.twimg.com/media/CwWWjuu...

5 galegoexiliado

Vale "fotógrafo", si eres tan bo ¿Dónde está o problema? o cliente mercarache a ti e non o "amador" (afeccionados, chamaslle ti). E si, cando queiras podemos comparar os teus traballos "profesionales" cos da "amadora" (que cita o sr Arias) Cristina Rodero cando traballaba de mestre e facía fotos no seu tempo libre polos pobos e aldeas, ao mellor sónache algún dos seus primeiros libros, cando era unha "amadora". E poderíamos citar moitos mais cuxos libros son pa vos biblias e referencias.

6 Fotoxornalista

Non é certo, os xornais están publicando fotos moi malas tomadas por redactores ou calquera —aí están, á vista de todos— por non pagarlle aos fotógrafos. Dálles igual a calidade, o tema é que lles saia barato ou gratis. Menos demagoxia co tema, galegoexiliado.