Unha sentenza polémica

O pasado 4 de Xaneiro aparecía recollido no xornal “El Pais” que “O Tribunal Constitucional considera que a liberdade de expresión dos militantes dos partidos está limitada pola súa pertenza a unha organización na que participan voluntariamente e á que, polo tanto, deben fidelidade”.

Por Xesús Veiga | Compostela | 17/01/2017

Comparte esta noticia
Segundo esta información o Tribunal denegou o amparo solicitado pola afiliada socialista asturiana Susana Pérez-Alonso ante a sanción de suspensión de militancia adoptada polo seu partido como resposta á crítica públicada formulada por ela debido á non realización de primarias no concello de Oviedo antes das eleccións municipais de 2007.
 
O Constitucional vai moi lonxe na súa sentenza: considera que os dereitos, mesmo os fundamentais, están limitados pola pertenza a unha organización e, xa que logo, a liberdade de expresión debe ficar subordinada á lealdade debida ao partido. Ate o momento, os tribunais de xustiza limitabanse a comprobar que existía unha congruencia entre a medida punitiva acordada polos orgaos dirixentes dunha forza política e os procedementos establecidos nas súas normas estatutarias. Nesta ocasión, o máximo interprete da Constitución decidíu reforzar a figura dos partidos como pezas básicas do sistema político vixente:quen desexe discrepar abertamente debe asumir as consecuencias disciplinarias que se podan derivar da publicidade dos seus puntos de vista deiverxentes.
 
Curiosamente, esta lóxica non concorda coa prescrición constitucional a respecto dos cargos electos nas institucións representativas: se unha deputada ou un concelleiro resultan apartados dunha determinada organización, non están obrigadas, legalmente, a deixar o escano. A contradicción está servida: non se pode criticar públicamente ao partido -sen correr o risco dunha hipotética expulsión- peró si é posíbel abandonar a súa disciplina sen ter que renunciar ao posto que se ocupa en tal ou cal institución.
 
Esta decisión do Tribunal Constitucional certifica que a xudicialización dos conflitos internos dunha organización partidaria é un camiño con poucas saídas. É, sobre todo, o recoñecemento expreso do fracaso desas entidades para seren capaces de viabilizar uns mecanismos democráticos de calidade na resolución das inevitábeis controversias que xorden no desenvolvemento da súa vida ordinaria. Se as persoas que forman parte dunha forza política non son quen de atopar espazos de consenso ou acordar fórmulas para tratar os disensos, terán dificultades para xestionar a eventual pluralidade dos seus apoios electorais e ficarán acantonadas en redutos tal vez confortábeis pero dotados de pouca incidencia na transformación das estruturas dominantes no tecido social.
 
A politización da xustiza e a xudicialización da política: velaí as duas caras dunha moeda habitual -e indesexábel- que circula con frecuencia pola democracia vixente no Estado español.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.