SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2017 | Actualizada ás 20:12 por EUROPA PRESS
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves que un total de 3.462 parroquias, o 91,3%, beneficiaranse do programa de impostos cero para a adquisición de vivendas no rural.
Feijóo fixo este anuncio na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta, onde destacou que con esta medida, o seu Executivo cumpre "un dos compromisos electorais" adquiridos antes das pasadas autonómicas.
Segundo explicou o máximo mandatario autonómico, o obxectivo é "delimitar todas as zonas rurais pouco poboadas, independentemente do concello no que se atopen". "Pode haber municipios moi poboados pero parroquias no ámbito deses concellos moi pouco poboadas", sinalou.
Deste modo, estas 3.462 parroquias beneficiaranse da "rebaixa fiscal" posta en marcha polo seu Goberno. "O total do territorio onde se pode comprar unha vivenda con impostos cero é o 91,3%, onde vive case o 33% da poboación", sinalou.
BENEFICIARIOS
Na súa intervención, Feióo precisou que, con esta iniciativa, os mozos galegos, as familias numerosas e as persoas con minusvalidez que compren a súa vivenda habitual en áreas rurais non terán que pagar nin o imposto por Transmisións Patrimoniais nin o de Actos Xurídicos Documentados.
Calquera persoa interesada en saber se a parroquia na que desexa mudarse está incluída no plan de impostos cero deberá consultar no Instituto Galego de Estatística (IGE) se está cualificada como zona pouco poboada.
Por provincias, as máis beneficiadas son Lugo, con 1.251 parroquias; e Ourense, con 895. Séguelle A Coruña, con 813; e Pontevedra, con 503 parroquias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.