Pode ser a bicicleta o medio de transporte do futuro nas cidades galegas?

“En calquera cidade media, non so nesta, está comprobado que leva menos tempo desprazarse en bici dun punto a outro que facelo en coche”, apunta Roberto Rilo, presidente da Asociación Ciclista Crunia que fala nesta entrevista da importancia da bicicleta como medio de transporte, conxuntamente con Luis García Gómez, representante da Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma.

Por Erik Dobaño | A Coruña | 30/01/2017 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

Gañar espazo aos coches no asfalto e deixar todo o espazo das beirarrúas para os peóns. Unha proposición simple e suficiente para Roberto Rilo (Bos Aires, 1962), presidente da Asociación Ciclista Crunia e funcionario de profesión, e Luis García Gómez (A Coruña, 1946), representante da Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma e profesor xubilado, que demandan unha visión global da mobilidade na Coruña, abaratar o transporte público e mellorar as frecuencias dos buses para ir rebaixando o uso privado do coche. Peóns e ciclistas dánse a man na procura dunhas rúas habitables e útiles para todos.

Luis García Gómez, representante da Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma e Roberto Rilo, presidente da Asociación Ciclista Crunia
Luis García Gómez, representante da Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma e Roberto Rilo, presidente da Asociación Ciclista Crunia | Fonte: Erik Dobaño

Cal é a vosa experiencia cando vos movedes pola cidade? Que problemas atopades?

Luis García (L.) –Non podo conducir, pola miña discapacidade visual, así que móvome no transporte público e a pé. O primeiro que me gustaría subliñar é que non debería haber enfrontamento entre ciclistas e peóns. Os problemas son sinxelos de resolver, e por iso nos alegra que haxa desde a outra parte xente coma o de Crunia que comparten este punto de vista. No caso dos afectados polo glaucoma, perdemos visión lateral e calquera despiste pode ser grave. Houbo ingresos hospitalarios por atropelo nas beirarrúas, por ciclistas.

Roberto Rilo (R.) –Normalmente móvome en moto ou en bicicleta, moi pouco en coche. Despois de moito tempo circulando en bicicleta, noto unha pequena evolución. Mellorou o respecto aos ciclistas. Eu son dos que sempre circulo por asfalto e considero que ese é o espazo que lle corresponde aos ciclistas. Non as beirarrúas. As normas non o permiten, parece que é algo que se ignora. Un ciclista é perigoso para os peóns, especialmente para a xente maior, os nenos ou persoas con problemas de visión.    

L. –Un atropelo dun peón por parte dun ciclista é como si che caira enriba desde unha altura de case un metro. Ese é o impacto.

A bicicleta pode ser o medio do transporte do futuro nas cidades galegas. Así o cren Luis García Gómez, representante da Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma e Roberto Rilo, presidente da Asociación Ciclista Crunia
A bicicleta pode ser o medio do transporte do futuro nas cidades galegas. Así o cren Luis García Gómez, representante da Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma e Roberto Rilo, presidente da Asociación Ciclista Crunia | Fonte: Erik Dobaño

R. –No caso dos ciclistas o perigo está nos coches. O que recomendo é que se comuniquen co resto de condutores sinalizando cada manobra, utilizando sistemas de alerta con luces, mesmo hai cascos que incorporan estes dispositivos. Se tes certa habilidade, non é perigoso. Pero entendo que o medo leva a algúns ciclistas a circular polas beirarrúas.

Que botas de menos como peón na cidade?

L. –Pois por exemplo, que non se corrixan determinadas condutas dalgúns ciclistas que creo que desprestixian ao colectivo. Tamén boto de menos á policía de proximidade, e que se desenvolva un plan de mobilidade, houbo moitos e moi caros. E tamén que se teña en conta ás asociacións de persoas con discapacidade no consello municipal de mobilidade, que inda non se convocou, e se atendan demandas coma as nosas nas ordenanzas municipais.

Algo respecto do tráfico?

L. –Gustaríame que houbese máis frecuencias nos autobuses urbanos, ampliáronse percorridos, pero non as frecuencias. En canto aos coches, estaría ben que os semáforos lle concederan máis tempo aos peóns e que se calmara o tráfico no centro.

R. –Estou completamente de acordo no asunto do tempo dos semáforos. Vexo ben que se vaian facendo peonís máis rúas. O problema na Coruña é o funil nos accesos. As horas punta son críticas para un ciclista.

Como ves a solución dos carrís bici?

R. –Creo que do que se trata é de que as bicis compartan o asfalto cos coches. A cidade está feita. Nas zonas que se vaian creando, podería ser. Pero o máis razoable é que todos os vehículos compartamos a calzada e as beirarrúas sexan dos peóns.

Gañar espazo aos coches. Pero os peóns pensarán tamén en gañar espazo ao asfalto?

L. –Se o espazo é das beirarrúas é so para os peóns, chegaría co que hai. Inda que habería que educar aos peóns para que sexan conscientes de que teñen que axudar a unha circulación fluída. Logo están eses outros vehículos, os dos patinadores ou dos skaters…

R. –O que se pode facer, e xa se fixo noutras cidades en Europa e España, é habilitar un carril duns dous metros entre a beirarrúa e o resto de carrís no que teñan preferencia as bicicletas. Basta con pintar liñas e sinais no chan. Melloraría a seguridade de todos. Os carrís bici que hai teñen utilidade lúdica, pero non son unha solución para moverse.

L. –É certo que non é unha solución de mobilidade, mais aos peóns dannos certa seguridade porque quedan ben definidos os espazos de cada un.

Imos moi rápido ou moi lento cara esas cidades con transporte limpo, tráfico calmado, con menos coches?

L. –O coche é unha realidade que levará moito tempo erradicar. Habería que avanzar máis en cambiar hábitos e mellorar o resto de modos de transporte. Pero xa se pode ir camiñando e co bus urbano a calquera parte da Coruña.

R. –En calquera cidade media, non so nesta, está comprobado que leva menos tempo desprazarse en bici dun punto a outro que facelo en coche. Imos na dirección de que se use menos o coche. Pero poderíase ir máis rápido. Por exemplo, poñendo fin ao aparcamento en dobre fila. Está por todas partes, e é porque sae gratis. Xa non é unha cuestión de educación. Ou tamén, abaratando moito máis o transporte público.

Fan falta máis zonas peonís?

L. –Xa dixen que, si se usa ben, o espazo para os peóns nesta cidade é suficiente. Si fas máis zonas peonís, estás indo contra outros usos.

R. –Na miña opinión, penso que máis que promover novas zonas peonís hai que promover máis o uso da bicicleta. Cantas máis bicicletas, menos coches. No caso dos peóns, ao mellor bastaría con darlle preferencia en determinados puntos de interxección, penso por exemplo nos semáforos de Catro Camiños.  

En canto a iluminación, como afecta á mobilidade de peóns e ciclistas na Coruña?

L. –Hai zonas agresivas, cun impacto excesivo da iluminación polos dispositivos de publicidade especialmente. Ocorre no Obelisco. Logo hai rúas moi mal iluminadas ou nas que de repente non hai luz a certas horas. Sucede na rúa do Socorro.

R. –Cando se toman decisións de como iluminar a cidade deberíanse facer antes estudos serios. Lembrades aquelas lámpadas cara o ceo no Paseo Marítimo? Vaia desperdicio!

Como son os condutores na Coruña desde o punto de vista dun ciclista e dun peón?

R. –Os condutores son bastante respectuosos. Pero habería que conciencialos máis nalgúns hábitos. Mesmamente, como abrir a porta do condutor para saír do vehículo. Se utilizamos a man dereita ao saír, teremos máis visibilidade.

L. –Concordo, os condutores son bastante respectuosos.

Como hai que abordar a mobilidade nunha cidade coma esta?

R. –Pois eu hai tempo que empecei a elaborar un borrador sobre boas prácticas de mobilidade. Gustaríame que se comprometeran as administracións, as autoescolas, os taxistas, a compañía de tranvías, os clubs ciclistas, os colectivos que atenden a necesidades específicas dos peóns… Con respecto e gañas de aprender, empezaremos a saber compartir o espazo.

L. –Si, precísase unha visión de conxunto. Coches, bicis e peóns formamos un triángulo e hai que buscar unha solución para todos.

Como responden as autoridades ás vosas demandas?

R. –Creo que a anterior concelleira de mobilidade, Begoña Freire, foi até o de agora a que máis fixo. Puxéronse zonas a 30, luces ao nivel do asfalto, mesmo semáforos no que o indicador de cruce é unha bici, está en Catro Camiños. O actual, Daniel Grandío, parece ben disposto. Á reunión que tivemos acudiu en bici, creo que a usa habitualmente.

L. –Nos fomos sempre ben recibidos, déronnos moita información e explicacións. Aprendemos moito. Pero non apreciamos avances significativos. A ver se conseguimos que se poña en marcha ese consello municipal de mobilidade.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

4 citizien

Loosers !!! Con Trump se os va a acabar toda esa mandanga de las bicis. ¡¡¡ Hidrocarburos baratos ya !!!

3 Indurain

En Vigo quixera ver eu a todo o mundo subindo Gran Vía ou Urzáiz do tirón. Isto no é Holanda, nin Valencia amigos. A xente usa moito a bici en Asturias ou no País Vasco ? Igual a orografía influe un chisco. Aquí farían falla bicis con asistencia eléctrica se non queres chegar ao traballo empapado en sudor.

1 Gamela

existen bicis eléctricas por 1.200 euros cunha autonomía de máis de 50 kms ... a miña costoume 500 euros de segunda man e levo 8.200 kms sen cambiar a bateria... Case cheguei a Pekín e sigo pedaleando por Vigo a pesares do tráfico asasino !!! Se vos gusta o proxecto alternativo aquí o tedes para facer RT https://twitter.com/abelcaballero/s...

2 galegoexiliado

Pois seguro que non o verás subindo do tirón, mais ben verálo subindo ó seu aire, sen presa, pois seguro que non ten nada que facer e está a pasear, pero o que si verás detrás de él serán un ou dos buses cheos de xente con presa, algún coche de mercadorías perdendo o tempo tentando facer o reparto e mais algún coche de traballador que non pode chegar ó seu traballo, na oficina ou de autónomo, como me ten pasado a min e teño visto eu mais de unha vez. En un mundo de perroflautas e funcionarios donde ninguén traballe será moi bonito, pero de momento ainda hai que traballar e producir, e non perder o tempo detrás de alguén que anda a pasear en estradas feitas pa xerar beneficio. Por non falar da invasión das beirarruas.

2 Gamela

pasaron 10 anos e agora temos un anuncio... só un anuncio que ninguén alucine! http://xornal.vigo.org/xnnoticia.ph... eso sí, nunca na vida vin un carril bici que se meta polas rúas con maior densidade de tráfico que ten Vigo: Travesas / Camelias / Venezuela / Pizarro / Trav.Vigo.... se fose o día dos inocentes entederíao...

1 Emilio S.D.

Non será polo apoio que lle presta a Marea da Coruña. O PP montou varios postes polo paseo marítimo e Alférez Provisional (hoxe avenida de Oporto) nos que podías hinchar as cubertas ou facer pequenas reparacións. Como a chusma fai das súas roubaron ferramentas e ata as bocas de hinchado. Total, que como o anterior é unha obra do PP non arranxan eses postes e vas hinchar unha roda e non so non podes senón que quedas coa roda deshinchada, o cal fai que te acordes do alcalde, dos concelleiros, das súas respectivas nais e que baixes todos os santos e santas da corte celestial. Ah, es Madrid as bicis municipais son eléctricas, que aínda que a Coruña non é unha pura costa como Vigo, Monte Alto, Agra do Orzán e outros sitios ben chega a pendente.