O Salón Teatro de Santiago estrea 'Desconexión', de Xurxo Cortázar

A compañía do creador e intérprete Xurxo Cortázar ocupa esta semana o Salón Teatro de Santiago, onde estreará o venres o espectáculo 'Desconexión', que ofrecerá funcións ata o domingo.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2017 | Actualizada ás 08:09 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A compañía do creador e intérprete Xurxo Cortázar ocupa esta semana o Salón Teatro de Santiago, onde estreará o venres o espectáculo 'Desconexión', que ofrecerá funcións ata o domingo.

Estas serán as primeiras representacións para público xeral desta montaxe, que conta con dramaturxia e dirección de Santiago Cortegoso, como conclusión ao traballo técnico-artístico que está a desenvolver dentro do programa de residencias do Centro Dramático Galego (CDG).

No marco dese plan de actividade, no que a compañía pública de teatro presta apoio ás formacións galegas, xa pasaron polo Salón Teatro con anterioridade os espectáculos 'Salvador', de Borja Fernández, e 'Política de terra queimada', da compañía Santa Nómina.

Ademais, en próximas datas beneficiaranse tamén deste sistema as montaxes 'Tropical', de Elefante Elegante, e 'Elisa e Marcela', a cargo da Panadaría en coprodución co CDG.

En 'Desconexión', o individuo 724/2013 FK3 cumpre a súa condena conectado a un semáforo regulando o tránsito de peóns. Ten dobre personalidade: cando viste traxe verde é amable e deixa pasar; cando viste traxe vermello é malencarado e manda parar. Xornada tras xornada, desenvolve a súa rutineira misión, sen poder esquecer o seu obxectivo soñado: fuxir cara á liberdade e converterse nun ser humano.

Así, mediante a metáfora da dualidade do personaxe, en 'Desconexión' trátanse temas inherentes ao ser humano como a rutina e as ganas de fuxir dela, a necesidade de formar parte de algo e a necesidade de individualidade, o afán de estar conectado ou de desconectarse, entre outras cuestións nas que planea a falta de liberdade.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta