COB, superior ao Leyma

Ourense Provincia Termal vence 81-71 nun novo derbi galego na LEB Ouro, coa mellor entrada do ano no Paco Paz. Christian Díaz, MVP con 17 puntos, 5 rebotes e 5 asistencias. A vindeira semana, Marín-COB e Leyma-CB Clavijo.

Por gcdeportes | Ourense | 12/02/2017 | Actualizada ás 09:17

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Ourense Provincia Termal 81:
Christian Díaz (17), Mitrovic (16), Kyle Hittle (7), Dmitry Flis (10), Fran Guerra (14) –cinco inicial- Martín Rodríguez (0), Kapelan (13), Jukic (0), Tomás Fernández (2) e Devin Wright (2).
Leyma Coruña 71: Zach Monaghan (20), Ángel Hernández (12), Filip Djuran (4), Javi Lucas (0) e Zyle (14) –cinco inicial- Joan Creus (7), Sergio Olmos (12), Pablo Ferreiro (0), Larry Abia (0) e Sabonis (2).
Parciais: 16-14, 13-18 (29-32), 29-18, 23-21 (81-71).
Árbitros: Enrique López Herrada e Alberto Sánchez Sixto. Eliminaron por cinco faltas persoais a Sergio Olmos no Leyma.
Incidencias: partido da xornada 23ª da LEB Ouro coa mellor entrada do ano no Paco Paz de Ourense, arredor de 3.500 espectadores.

Foi mellor o COB tralo descanso (ata 52 puntos). Dominando de xeito claro o rebote (Leyma só colleu catro nos dous últimos cuartos) e con máis acerto no tiro: 11/27 en triplas para os ourensáns e 6/21 para os coruñeses. Os de Tito Díaz, agora si, acusaron as baixas: Dago Peña e o mancado Mikulic. Ourense Provincia Termal venceu 81-71, rachou coa súa xeira de dúas derrotas consecutivas e acada a 13ª vitoria do curso; Leyma queda con 14, pero mantén o basquet-average cos ourensáns (79-67 en Riazor).

Entrou mellor ao partido Leyma, impoñendo o seu ritmo axudado por 6 puntos consecutivos de Zyle (4-10). Pero COB reaccionou con dúas triplas de Hittle e Díaz para empatar o partido. Minutos de moitos erros en ataque e pouco acerto, e 16-14 ao remate do primeiro cuarto. Xa no segundo acto, dúas triplas de Kapelan deron unha pequena vantaxe ao COB (22-16), pero Leyma reaccionou tras unha tripla de Zach Monaghan cun parcial de 0-7. Gonzalo García tivo que parar o partido e Hittle anotou dende 6,75, pero os de Tito Díaz acadaron un parcial de 0-9 para irse por diante ao descanso: 39-42.

Mudou o guión tralo paso por vestiarios: ata 52 puntos anotou COB nos dous últimos cuartos. Liderados por Christian Díaz e Mitrovic, dominando o rebote e freando o ataque de Leyma, Ourense acadou un parcial de 29-18 no terceiro cuarto. Mitrovic puxo por diante aos locais con dúas triplas (44-40) e Christian Díaz abriu unha pequena fenda no marcador con outras dúas: 58-50 a falla de dez minutos, e Leyma que levaba un pésimo 3/15 nas triplas.

Con dez puntos abaixo, obrigado a ir a remolque, Leyma tentou a última reacción coas triplas de Monaghan e Ángel Hernández. Chegou a poñerse 66-62, Gonzalo García parou o partido e entón apareceu Diego Kapelan con dúas triplas para sentenciar o choque (79-65). Ao final, cos dous equipos loitando polos basket-average, 81-71. A vindeira semana, novo derbi, Marín Peixegalego-Ourense Provincia Termal, e Leyma que recibirá a CB Clavijo en Riazor.

Zach Monaghan anota entre a defensa ourensá.
Zach Monaghan anota entre a defensa ourensá. | Fonte: Carlos Domarco (COB)

Devin Wright tenta anotar pero recibe a falta de Sergio Olmos.
Devin Wright tenta anotar pero recibe a falta de Sergio Olmos. | Fonte: Carlos Domarco (COB)
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta