Por que non arrancan as empresas fotovoltaicas en Galicia?

Hai sol e condicións, pero non vontade política. Empresas de enerxía fotovoltaica animan a investir no aproveitamento do sol no país abrindo o camiño a posibles alternativas ao modelo actual de produción e consumo, mentres os partidos enrédanse no habitual barullo parlamentar.

Por Erik Dobaño | A Coruña | 15/02/2017 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

“A cuestión é se queres seguir tendo alugada a enerxía ou ser dono da túa enerxía”, resumiu nun slogan afortunado José Antonio González, que para algo é director de marketing de Red-Fotovoltaica. E dixo máis: se non estades investindo xa en solar, estades perdendo o paso doutras comunidades autónomas onde hai máis sol e amortízase antes a inversión. Autoconsumo é a poción máxica.

Paneis solares en diversas vivendas
Paneis solares en diversas vivendas

No Reino de España unha vez, non hai moitos anos, a raíña era a enerxía solar. Pero as bruxas das eléctricas envexaban como lucía e pechárona nunha prisión. A chave que abre a porta chámase autoconsumo. No presente, en Alemaña instálase nun ano a potencia fotovoltaica que en España leva dez instalar. “Pagamos a curva de aprendizaxe, pero non temos os réditos”, apunta Daniel Pérez, avogado nunha consultora, resumindo a frustración do sector. 

As empresas de enerxía fotovoltaica reunidas este martesna Coruña pola UNEF (Unión Española Fotovoltaica), asociación de máis de duascentas compañías, desde produtores a instaladores, enxeñerías ou distribuidoras, levan tempo queixándose de que o goberno de Mariano Rajoy non lles quita o pé de enriba. Mesmo en decembro pasado ese goberno vetou unha lei que relaxaba as trabas e as taxas sobre o aproveitamento solar. Xa hai outra en trámite agora que o PP non ten maioría absoluta.

Mentres, Daniel Pérez traballa desde a súa consultora nun servizo (solardirecto.com) de axuda á tramitación e legalización de instalación de autoconsumo. Así funciona o mercado: onde se fode un negocio, xorde outro e as leis incentivan as dúas cousas. 

Os problemas para as fotovoltaicas

As fotovoltaicas non gustan de mirar moito para atrás para non perder de vista a Rajoy e o seu goberno, pero sempre que teñen ocasión lembran que España foi líder europeo en produción cando o custe da instalación andaba polos 7 euros/vatio e hoxe ten a enerxía máis cara do mundo cando o custe de instalación está en 1 euro/vatio. E din tamén que coa crise, a quen máis lle recortaron (as axudas) foi ás enerxías renovables. 

Mesa redonda sobre a enerxía solar en Galicia
Mesa redonda sobre a enerxía solar en Galicia | Fonte: Erik Dobaño

Pero o ollo téñeno en Rajoy. “Haberá outro veto, e se non o hai, haberá inseguridade. Porque que pasará si dentro de catro anos volve a ter maioría absoluta o PP?”, preocúpase Fernando Romero, director xeral de EDF, unha das grandes do sector, que conta 400 MW instalados en Galicia e prevé instalar outros 10 máis este ano. “Non nos importaría pagar a taxa do sol se con iso conseguimos que os trámites se flexibilicen”. E reclamou un camiño acordado e “non imposto” para rematar coa “vergoña para a marca España” de que Inglaterra se instalen 8 GW cada ano e aquí “practicamente nada”.

A marca España xa non dá para exportar tecnoloxía a Europa, dixo Carlos Rivas, de Elsina, unha empresa de instalación de inversores solares que tivo que buscar mercados fóra porque aquí, despois do 2010, empezaron a baixar as vendas. Na actualidade venden en América Latina. 

As potencialidades de Galicia

Hoxe en día, a enerxía máis barata é a fotovoltaica, afirmou José Antonio González dirixíndose á clientela, e en Galicia non ten porque non selo tamén. Hai sol suficiente no país. Mirade se non un sitio como Alemaña. O caso é que hai sol suficiente e a temperatura suave precisa para que os xeradores funcionen con máis eficiencia que en zonas máis cálidas, apuntaron desde pequenas empresas para desbotar a idea de que no país é máis difícil amortizar ca en Barcelona, por exemplo. “Todo o de atrás, o que pasou até hoxe, o modelo enerxético, xa non vale, as renovables, quéirano ou non, son o futuro”, concluíu González como si estivera advertindo sobre o que viría despois: discursos gastados. 

A mesa dos partidos políticos foi irrelevante. A maioría das organizacións políticas teñen cada vez máis dificultades para comprender os mundos nos que se insiren e despachan calquera asunto reproducindo o pim pam pum parlamentar de xeito que acaban todas metidas no mesmo saco. O do home das eléctricas, representante informal das bruxas agochado entre o público, que gabou a independencia de todos os partidos sen que ninguén lle levase a contraria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta