Temas: ENTROIDO

O “Carrabouxo” e Isabel Risco, pregoeiros no entroido de Verín

O debuxante Xosé Lois González “Carrabouxo” e a actriz Isabel Risco serán os encargados de realizar esta noite o tradicional pregón dunha das xornadas máis participativas, orixinais e emblemáticas do Entroido de Verín: o Xoves de Comadres.

Por GC Tendencias | Verín | 23/02/2017 | Actualizada ás 11:33

Comparte esta noticia

Tras as tradicionais ceas das comadres nos restaurantes da vila, amenizadas polas charangas Támega, Nova Terra de Trives , Jalácticos, Vakapinta e Fuego, miles de mulleres disfrazadas dirixiranse á Casa de Escudo, no barrio de San Lázaro, onde, sobre a 00:30 horas, partirá a procesión da vela e as sabas brancas para recibir ao Entroido e á Raíña do Carnaval. A comitiva encabezada por Don Carnal descenderá polo camiño Real e dirixirase á Praza Maior para  escoitar o pregón que pon punto seguido ás longas noites de festa do Entroido de Verín. Pregón que este ano terá como protagonistas a dous humoristas comprometidos co pais e profesionais da retranca, Xosé Lois “Carrabouxo” e Isabel Risco.

Xosé Lois 'Carrabouxo'
Xosé Lois 'Carrabouxo'

Xosé Lois “Carrabouxo”

Xosé Lois González Vázquez, alcumado O Carrabouxo, é un reputado debuxante galego. Traballou como xefe provincial de Telecomunicacións en Ourense ata a súa xubilación en 2009, labor que compartía coa súa faceta de humorista gráfico. Foi membro da directiva da Agrupación Cultural Auriense e presidente deste colectivo durante 13 anos.

Colabora con regularidade nos xornais La Región de Ourense e Atlántico Diario de Vigo e tamén na revista Tempos Novos e o xornal dixital Sermos Galiza publicando viñetas do Carrabouxo, personaxe que creou en 1982 e que lle dá a sona e o pseudónimo ao autor.

Participou tamén en publicación colectivas, entre as que destacan: Humor gráfico galego, Os humoristas e a lingua ou Humor y tolerancia, From Galicia whit humor, Visto para sentencia-vamos a reirnos muy en serio del racismo-europa se rie del racismo, e tamén nas publicacións da Bienal da caricatura de Ourense e na mostra internacional portuguesa Humorgrafe. Recibiu a Medalla Castelao en 2008.

Isabel Risco
Isabel Risco

Isabel Risco

A actriz galega Isabel Martínez-Risco Valdivieso, coñecida como Isabel Risco, comezou no teatro universitario en 1997. Exerceu de presentadora de galas, contadora de contos e traballou na radio. Porén é como actriz televisiva como máis se lle coñece xa que durante a década de 2000 a 2010 ademais da súa actividade teatral ininterrompida desenvolveu unha intensa presenza na canle autonómica. En 2004 debutou concursando en O rei da comedia e colaborou en Máxima audiencia. Zapping Commando deulle o seu primeiro papel protagonista, e a partir deste momento a súa vertente cómica abriulle as portas doutros diversos títulos da TVG, da man do equipo creativo Zopilote. En 2009 colaborou humoristicamente con Víctor Fábregas como “A estraña parella” no programa Luar. Tamén ten traballado en curtametraxes, longametraxes e ficcións como a recente “Augasquentes” na Galega. Como monologuista é moi coñecida polo seu espectáculo “Nabiza Girl” onde interpreta o papel dunha superheroína galega e rural.

Entre os seus premios e recoñecementos cabe destacar o Premio Mestre Mateo, que lle foi entregado en 2014, á mellor intérprete feminina de reparto, por Era visto! serie na que traballou en sucesivas tempadas ata a actualidade.

Cartel 2017
Cartel 2017
Temas: ENTROIDO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta