A Xunta aposta pola unidade de asesoramento para incrementar a base territorial das granxas

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, clausurou en Lugo a 'X Xornada Técnica de Produción de Leite', onde destacou que o seu departamento está a traballar na creación da Unidade de Asesoramento e Xestión de Explotacións co fin de intercambiar activos agrarios entre as explotacións lácteas e cárnicas e que as granxas poidan incrementar a súa base territorial.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2017 | Actualizada ás 19:05 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, clausurou en Lugo a 'X Xornada Técnica de Produción de Leite', onde destacou que o seu departamento está a traballar na creación da Unidade de Asesoramento e Xestión de Explotacións co fin de intercambiar activos agrarios entre as explotacións lácteas e cárnicas e que as granxas poidan incrementar a súa base territorial.

Ángeles Vázquez informou aos presentes de que, con esta ferramenta, levará a cabo un traballo de intermediación entre particulares para que as explotacións que están en activo poidan "aproveitar a bagaxe das que finalizan a súa actividade".

Isto será posible, explicou, a través do reforzo da coordinación e do intercambio de información entre distintos departamentos da consellería, como son o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

A conselleira mostrouse optimista sobre o futuro do lácteo galego e, neste sentido, dixo que é "primordial" o "incremento da base territorial das explotacións".

Na actualidade, apuntou, Galicia está ante "un cambio de tendencia neste campo", algo que evidencia o feito de que "os gandeiros máis novos son os que teñen as granxas máis grandes e, cada vez, son máis os que apostan polo sector do lácteo". No pasado ano incorporáronse á actividade agraria un total de 618 mozos a través das axudas que destina a consellería, por un importe total de 24,3 millóns de euros.

Ademais, Vázquez tamén ratificou un "claro interese polo asociacionismo como forma de impulso no sector", xa que "un de cada catro gandeiros" de Galicia están agrupados e prodúcese "máis da metade do leite en sociedades limitadas, anónimas ou cooperativas".

CHARLAS

A facultade de veterinaria de Lugo celebrou este venres a X edición da xornada técnica de produción de leite, que organiza a Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos (Africor) en colaboración coa revista Afriga.

Nesta nova edición tratáronse temas como o control de enfermidades nas asociacións de defensa sanitaria, a prevención de enfermidades nas explotacións en xeral e no periparto en particular ou os factores a ter en conta cando se introducen vacas novas nas granxas.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta