A ritualización dos 100 días

Analisar os 100 primeiros días de actividade gobernamental forma parte dunha regra non escrita vixente en moitos sistemas parlamentares para realizar unha avaliación inicial do novo executivo xurdido do correspondente proceso electoral. Semellante práctica ten sentido cando nos atopamos diante dun cambio relevante na orientación e na composición das equipas xestoras dos asuntos públicos dun país.

Por Xesús Veiga | Compostela | 01/03/2017

Comparte esta noticia

En troques, carece de significado avaliar ese prazo do labor gobernativo cando estamos ante a continuidade da hexemonía do mesmo partido, reforzada, ademais, coa repetición nominal das persoas integrantes das distintas áreas de xestión.

A celebración organizada por Núñez Feijoo para lembrar os 100 días transcorridos dende a constitución do seu actual goberno converteu esta tradición democrática nun rito superficial concebido para encher as xenerosas posibilidades publicitarias que lle ofrece o sistema mediático galego.

Despois de 8 anos de maioría absoluta, qué novidades substantivas podía ofrecer o presidente da Xunta cun goberno fotocopiado do existente antes dos comicios de Setembro do ano pasado? Aprobar os orzamentos de 2017 nos prazos establecidos regulamentariamente e sen aceitar ningunha das emendas presentadas polas forzas da oposición? Impór unha lei de acompañamento que segue sendo un caixón de xastre utilizado para evitar a necesaria discusión específica de cambios normativos importantes que non gardan unha relación directa coas contas públicas presentadas na institución parlamentar? Presumir da chantaxe verbalizada a respeito da convocatoria de prazas para o ensino público, culpabilizando preventivamente ás forzas políticas que non aceiten apoiar os orzamentos de Rajoy?

Nestes 100 días invocados na parafernalia propagandística houbo un burato negro oportunamente agachado nas crónicas do evento:o papel desempeñado por Feijoo no recente Congreso estatal do PP. A distancia entre as expectativas xeradas dende a contorna do presidente da Xunta e o que sucedeu no cónclave madrileño foi abismal. O protagonismo do inquilino de Montepío ficou moi por debaixo da súa condición de único mandatario investido con maioría absoluta. E para completar o cadro do incerto futuro que ameaza ao máximo dirixente do PPdG ficou evidenciada a pouca intención de Rajoy para favorecer a súa substitución como candidato nas vindeiras xerais. A partir desa premisa, cabe pensar que a perspectiva de recuncar na cita electoral de 2020 non encaixa coas ambicións exhibidas polo político dos Peares. E preparar o relevo supón asumir algúns riscos importantes: debilitar a monolítica unidade existente arredor da súa figura e non asegurar a consecución dun liderado alternativo con garantía de éxito nas urnas.

O reloxo político de Alberto Núñez ten dúas esferas. A galega marca o ritmo dunha prevísibel rotina burocrática. A estatal está inzada de atrancos e incógnitas que habitan nos despachos da Moncloa. Ao mellor farán falta 1000 días para saber se estamos ante o epílogo da carreira do sucesor de Fraga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.