O Lugo repite guión

O equipo lucense empata 1-1 co Mallorca tras adiantarse cun gol de Pablo Caballero e encaixar o tanto do empate na recta final do encontro, e calca o mesmo resultado a domicilio por cuarta xornada consecutiva. Os de Luis César suman tan só 3 dos últimos 15 puntos.

Por gcdeportes | Lugo | 11/03/2017 | Actualizada ás 19:43

Comparte esta noticia

Ficha técnica
RCD Mallorca 1:
Cabrero; Juanjo (Adrián Dalmau, 72’), Ansotegui, Héctor Yuste, Angeliño; Raíllo, Juan Domínguez (Dejan Lekic, 46’), Enmanuel Culio, Sasa Zdjelar (Pol Roigé, 56’), Lago Junior e Brandon.
CD Lugo 1: Roberto Fernández; Jordi Calavera, Carlos Hernández, Marcelo Djaló (Ignasi Miquel, 60’), Serge Leuko; Fernando Seoane, Carlos Pita (Sergio Gil, 66’); Iriome, Campillo, Fede Vico (Manu, 75’) e Pablo Caballero.
Goles: 0-1: Pablo Caballero (minuto 17). 1-1: Lekic (87’).
Árbitro:  Pulido Santana (canario). Amarelas a Carlos Pita (38’), Ignasi Miquel (61’), Jordi Calavera (72’), Fede Vico (72’) e Carlos Hernández (79’) nos lucenses e a Angeliño (19’) no Mallorca. Pita e Carlos Hernández perderanse o vindeiro partido pola quinta tarxeta amarela.
Incidencias: partido da 29ª xornada de 2ª División no estadio Son Moix ante 7.531 espectadores. O meta chantadino Roberto Fernández debutou na Liga co Lugo aos 38 anos.

O Lugo encaixou o gol do empate no minuto 87.
O Lugo encaixou o gol do empate no minuto 87. | Fonte: lfp.es

Unha historia xa ben coñecida. O Lugo volveu adiantarse no marcador (en ausencia de Joselu, Pablo Caballero no minuto 17), pero fíxoselle longo o partido e acabou pedindo a hora despois que de que Lekic empatase para o Mallorca no minuto 87. Outros dous puntos que voan na recta final do encontro, e os de Luis César que repiten o mesmo resultado de 1-1 lonxe do Anxo Carro (Zaragoza, Sevilla Atlético, Valladolid e agora Mallorca) por cuarta xornada consecutiva.

O conxunto lucense controlou o choque na primeira metade. Bastoulle ter a posesión para apenas pasar apuros en defensa e adiantarse no marcador. Foi no minuto 17, tras un centro de Djaló, remate de Iriome e Pablo Caballero que aproveita o rexeite de Cabrero para marcar o 0-1 para desesperación da bancada local. Poucas ocasións claras ata o descanso: Lago Junior disparou ao traveseiro tras petar en Djaló na mellor dos baleares, pero Iriome puido facer o segundo nun disparo cruzado ante o meta rival que se lle foi desviado.

O Lugo perdeu a posesión no segundo tempo, no que os mallorquinos buscaron o empate. Jordi Calavera e Campillo tiveron senllos remates no que puideron sentenciar o choque, pero o Lugo non pechou o partido e acabou pechado na súa área para defender unha vantaxe mínima. O empate víase vir, e chegou no minuto 87, nun córner no que a defensa non despexou e Lekic marcou no segundo pau. E menos mal que un minuto despois, Adrián Dalmau rematou ao pau e o Lugo puido salvar un punto. Con este empate, o Lugo suma xa cinco xornadas sen gañar (só 3 dos últimos 15 puntos) e queda no medio da táboa con 38 puntos en 29 xornadas. O vindeiro sábado (18.00 horas), o Mirandés no Anxo Carro.

Pablo Caballero celebra o 0-1 en Son Moix, o seu segundo gol na Liga.
Pablo Caballero celebra o 0-1 en Son Moix, o seu segundo gol na Liga. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta