Por Francisco Rodríguez | Ferrol | 11/01/2010
O sábado, día 2 de xaneiro deste ano 2010, a TVE emitiu no Inform Semanal un programa adicado ao Pórtico da Gloria do Xacobeo. Non pronunciaron nen unha soia vez a palabra Galiza ou galego. Poderiase tirar a impresión de que se trataba dun fenómeno e dunha orixinal realidade artística extra-terrestres. Foron aludidos os nomes propios de Mateo e Fernando II, director artístico do Pórtico da Gloria e monarca impulsor, respectivamente, pero sen xentilicio algún. Emporiso, para colmo, este rei galego por lingua, consciente da entidade do seu reino de Galiza, vinculado á súa nobreza laica e eclesiástica e por ela educado, emterrado na catedral de Santiago por vontade explícita, foi designado como rei de León exclusivamente. Os entrevistados, deán arquiveiro da catedral, membros da equipa rehabilitadora- italiáns e españois-, experto en arte románica, non fixeron a máis mínima alusión ao contexto histórico e social, á realidade política do Reino de Galiza de entón, onde se xestou e construiu o pórtico románico máis esplendoroso de Europa, obra de galegos. O responsábel da política cultural da Xunta, o Conselleiro Roberto Varela, perante a imponente fachada do Obradoiro –aínda bautizado en língua galega no século XVIII-, tranquilizounos coa boa nova de que os peregrinos terían asegurado un espazo onde deixaren as mochilas para non entraren no recinto catedralicio con tanto vulto perturbador. Máis unha vez as imaxes impresionaban pola grandiosidade e fermosura; porén, o verbo acompañante era abstracto, retoricamente tecnicista, vulgarmente turístico e topicamente relixioso. Non había nen carne nen materia, nen historia nen pobo.
A verdade é que, con estes sarillos, é difícil que, por moito que declaren patrimonio da Humanidade algunhas evidencias artísticas do noso país, a Humanidade se inteire de que Galiza existe. Aliás, non se inteira de que Santiago foi produto dunha dinámica histórica específica, a de Galiza, non un apéndice máis da españolidade, ou unha simple manifestación de europeísmo cristián, como agora se pretende desde o Vaticano e os seus acólitos na UE. Créanme, sería impensábel un programa televisivo sobre a Alhambra de Granada ou A Mezquita de Córdoba sen aludir a Al-Ándalus, como o sería sobre o románico catalán, sen enmarcalo no seu contexto histórico concreto, nacional, o de Catalunya. Con nós non só é posíbel, é o natural. Naturalmente inexistentes, embora a a realidad empírica sexa contundente. Esta realidade empírica contundente hai que explicala, alumeala, co verbo consecuente, necesario, revelador. Xustamente todo o que agachan e que tanto nos custa desvendar e facer aboiar…