Retrinco cultural

Con certa estupefacción, malia ser previsíbel, comprobei como, nos últimos anos, algunhas asociacións de veciños de Ferrol organizaban Ferias de Abril, con impostura imitativa, á maneira sevillana.

Por Francisco Rodríguez | Ferrol | 27/04/2011

Comparte esta noticia

Souben, máis tarde, que tamén nos seus locais se impartían clases de sevillanas, sempre empregando fondos públicos. A do barrio no que vivo non ficou atrás. Vén de incorporarse a esta devoción mimética, que nos achega ás esencias da españolidade: ¡pobres colonizados, debemos afogar todo vestixio do noso pecado orixinal galego, lavándoo coa graza e o «salero andalú». Unha caricatura.

El será que esta devoción responde a unha moda que aparece como espontánea e sen maior significado para quen a promove? Endexamais o crin. Agora, menos. Nunca a Asociación de Veciños do meu barrio fixo uso por escrito do noso idioma, o galego, nin na documentación nin na propaganda. Pois, miren por onde, acaba de me sorprender usándoo para anunciar, polo menos nalgúns pequenos cartaces, a Feria de Abril coas súas sevillanas. Prodúcese así unha retorta intencionalidade. Queren pór unha venda para non sentirmos a ferida. Porén, a ferida resulta aínda máis fonda. Desexan agochar e encubrir a impostura cultural, afondando na burla e na desconsideración. Algunha conciencia teñen de estaren a promover algo que debe ser velado, marxinalmente, cunha careta galega. Xa se sabe, iso de nós máis galegos que ninguén…

Aproxímanse as festas dos maios. Aínda unha tradición viva no meu barrio, Canido, mantida á marxe e malia as modas miméticas e os desprezos da españolidade. Lamentarei, máis do que nunca, non ser quen de cantar cantigas e bailar os bailes do meu país. Alguén privou a grande parte da poboación dunha rica tradición, que se pode revivir e actualizar. Sei que é a miña e a orixinal do meu pobo. Como moitos outros veciños e veciñas, engalanarei o meu balcón con flores e, nesta ocasión, cunha obra gráfica de Castelao. Mesmo, se se dá o caso, deslizarei, con torpeza máis con empeño, os meus pés e moverei o meu corpo e os meus brazos, ao ritmo da gaita, o pandeiro e o tamboril, cando menos, que non han de faltar en forma de alborada, muiñeira ou xota, como outros anos…

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA