Perante a apoteose agresiva: rebeldía ou distorsión paralizante?

Na Galiza están confluíndo, arestora, os efectos dunha crise económica capitalista cos derivados de decisións, agresións, políticas, marcadamente discriminatorias e negativas para a nosa economía e a nosa sociedade.

Por Francisco Rodríguez | Ferrol | 24/02/2011

Comparte esta noticia

 Así, de forma explosiva, mestúranse as consecuencias decorrentes da maneira como se afronta oficialmente a crise do capitalismo, e a incidencia de medidas gobernativas contrarias aos intereses económicos de Galiza, relacionadas coa forma de facer a división internacional do traballo, ou da produción, a escala europea e estatal. Esta mestura remítenos a un deseño que é, para nós, antisocial e antinacional a un mesmo tempo. Non é que sexa un fenómeno novidoso. Mais nunca foi tan intenso, concentrado e descarado, como o está a ser neste preciso momento. Pode estrañarnos que, malia a nosa avellentada poboación, o paro medre máis aquí que no resto do Estado e que a emigración se agrave?

A verdade é que a desatención, o desinterese e a discriminación da Galiza foron unha constante desde que existe o Estado español capitalista e, dígase o que se diga, centralizado, con distintos réximes e gobernos, por non nos remontar máis na historia. Non en balde, a restauración da nosa literatura escrita, en forma cualitativamente superior, como é a de Rosalía de Castro -cómpre lembralo precisamente o día do seu nacemento-, pivotou na desafección a España, sempre a desprezarnos. O antiespañolismo rosaliano (“Galiza, non debes chamarte nunca española…”) non foi un exabrupto momentáneo. Foi a lóxica derivación da constatación racional da indiferenza, desprezo e burla para co noso pobo, dentro da sacrosanta unidade de España, unha nación inventada, construída ideoloxicamente durante o século XIX, como moi ben demostraron algúns historiadores estranxeiros e tamén algúns, poucos, dos nosos, veraces e destemidos. Foi a opción pola rebeldía fronte a tanta discriminación e marxinación. Precisamente unha das motivacións da saña contra aquela muller galega tan digna e consciente foi a asunción da súa condición de galega, estraña, estranxeira, distinta, como o era a súa patria, Galiza, na España. A súa posición resultaba insolente e debía ser castigada. Non puideron impedir a súa popularización póstuma. Lograron desvirtuala.

Temos, pois, séculos de experiencia discriminatoria colectiva, como pobo, detrás. Non nos faltou quen a analizase e tirase as conclusións oportunas. De asumilas, teríamos efectos moi positivos, hixiénicos, saudábeis, con derivacións prácticas moi proveitosas materialmente tamén para Galiza. Castelao, no ronsel rosaliano, após vivir experiencias sociais, artísticas, políticas e persoais, moi ilustrativas, xa nos advertiu que os galegos só impoñeremos respecto cando aprendamos a vivir con absoluta independencia de España. Sinceramente, coido que estaba pondo o dedo na chaga, indicando a principal febleza da nosa conciencia, da nosa psicoloxía persoal e colectiva. Estaba a cavilar sobre un pobo moi diferente, con grandes capacidades, lastrado, ás veces até a caricatura, por un síndrome de dependencia, de subordinación ou de impostura, que o leva ao suicidio. Na orixe está a inoculación dun sentimento de españolidade marcado por millentas argucias, manipulacións e opresións tamén seculares. Non me cansarei de repetilo.

Na actual apoteose agresiva, no momento presente de descaro absoluto, como galegos e galegas, que podemos pensar da converxencia de factores destrutivos, en mestura inusitada, contra as maiorías sociais, os traballadores, e contra a nosa nación? Pode pensarse que é froito do azar, dunha necesidade inexorábel que vai atinxir todos os pobos da península e da Europa por igual, que nada hai de diferente e preocupante verbo doutras latitudes, ou que simplemente xa nos salvarán desde fóra, pois temos entregado o noso destino aos campións da modernidade e do progreso? Seguiremos atordados por unha visión tan universalista, como individualista, do que acontece ao noso arredor, como para non detectar a súa gravidade e a súa especificidade? Teremos só pensamento, valoración, posicionamento, para xulgar e sentenciar, mesmo bramar, sobre o que acontece, segundo os medios, a miles de quilómetros de distancia, mentres a abulia, a indolencia ou a resignación agocha o que nos acontece aquí?

Aquí si estamos vivindo unha encrucillada. Falamos dunha combinatoria letal para o noso futuro. Nesta combinatoria, a política de involución en materia de dereitos sociais e laborais vai acompañada da discriminación insolidaria -o decreto do carbón-, do roubo atropelado dos nosos recursos financeiros -decreto-lei sobre as caixas-, do imparábel e sádico proceso de eliminación da nosa capacidade produtiva -sector naval, leiteiro e pesqueiro e mesmo enerxético…-, do desprezo polos nosos dereitos lingüísticos e a nosa cultura, da redución do autogoberno a unha ferramenta inerme e inerte que nos deixa na indefensión total… Os deseños da UE e os de España elabóranse como se Galiza fose inexistente, un boi de palla, en expresión do precursor Xoán Manuel Pintos, disposto a que mallen nel con crueldade e arrogancia. Son moitos anos de democracia con maltrato. Agora aínda de forma máis incisiva, descarada e perigosa. Non é falta de capacidade popular para protestar e resistir. Galiza está á cabeza en capacidade mobilizadora. Non é carencia de alternativa política. En todo caso, non existe unha confluencia total, suficiente, da discrepancia popular, arroupada e organizada polo nacionalismo maiormente, fronte ao trato e a inxustiza que cometen con nós, e a alternativa política nacionalista. A contradición entre os intereses de Galiza e os deseños de España e da UE adoitan ser extremos, alén de específicos, vividos en solitario, precisamente por discriminatorios. Calquera reclamación galega, para ser atendida, esixe maior esforzo. A maiores, a dualidade mental da maioría social entre ver o problema e as súas causas e non actuar con consecuencia política está reforzada a mantenta. A distorsión cultívase até tal extremo que é notoria no xornal de maior tirada da Galiza. Trátannos mal, mais a solución está en máis España, máis UE, menos autogoberno, máis globalización…

Temos que nos librar da sombra de España, deixar de estar asombrados por ela, perder o medo reverencial e a intimidación confusionista que nos inxecta. Hai que actuar con independencia de criterio e ánimo suficiente para plantarnos perante os causantes de tanto desastre. Asumámolo de unha vez, no canto de dar voltas, como o burro na noria, a cada paso máis esmorecidos e famélicos. Hai unha semana, o sr. Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa, secretario xeral de Anfaco, entrevistado no xornal da distorsión delirante, afirmaba que se Alemaña producise atún, a UE nunca tería asinado un tratado así con Papúa, de graves consecuencias para as conserveiras galegas. Non sabemos cantos van en detrimento dos nosos intereses, coa compracencia de España. A seguir eximía de responsabilidades políticas ao PP e ao PSOE. Xa se sabe das dificultades da política europea… Até cando tanta comprensión e adulación cos de fóra en contraste coa desvalorización dos de dentro? Desde logo, as clases traballadoras e os que de verdade defendan o dereito a traballar e vivir no país, os axentes e destinatarios da política nacionalista, non podemos seguir o criterio suicida da indolencia e a parsimonia que a política española predica e espalla na Galiza, de que o mundo é así, cando non opta abertamente por xustificar o inxustificábel. Acreditamos en que temos dereito a existir como pobo galego. Esta opción contra a discriminación, a marxinación, a inxustiza e a desigualdade, é a mellor maneira de servirnos a nós mesmos, que tanta falta nos fai. Seguro que estamos cumprindo así tamén os nosos deberes respecto da Humanidade, no momento presente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA