Temas: ANOVA

A dirección saínte de Anova eríxese en "peza chave" para a unidade popular en Galicia

Bótanlle en cara aos militantes da formación que conformaran a lista Somos Quen para o Consello das Mareas do partido instrumental. Tamén critican a "pinza" de Podemos e EU nos pasados comicios.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2017 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

A Coordinadora Nacional de Anova asegura que foi "peza chave" para a consolidación da unidade popular en Galicia no seu informe de xestión dos últimos dous anos, que foi aprobado na súa última reunión e que será presentado para o seu debate no III Asemblea Nacional, que terá lugar este sábado 18 e na que se prevé que se produza unha substitución xeracional.

Asemblea constituínte de Anova en 2014
Asemblea constituínte de Anova en 2014 | Fonte: Europa Press

No seu informe de xestión, ao que tivo acceso Europa Press, a dirección saínte da formación nacionalista pon en valor o seu papel no camiño da unidade popular nas últimas citas electorais ata a construción do partido instrumental En Marea.

Deste xeito, lembra que o primeiro reto ao que se enfrontaron neste período foron as municipais de 2015, para as que fixou como "prioridade" a conformación de candidaturas de unidade popular. "No proceso de configuración e debate ao redor das eleccións municipais, Anova foi o único actor político nacional que apostou sen ambigüidades polo proceso das mareas", sinala a dirección.

Neste sentido, lembra que esta "aposta firme" desembocou na "elección de 45 militantes" como edís dos 110 electos nas 48 candidaturas participadas; así como o mantemento das alcaldías de Teo e Manzaneda ou a conquista das de Val do Dubra e Sada. É máis, apunta que o "maior éxito daqueles comicios" foi a conquista dos gobernos de Santiago, A Coruña e Ferrol.

ELECCIÓNS XERAIS

Tras as municipais, as organizacións que participaron ou apoiaron as candidaturas de unidade popular (Podemos non contribuíu activamente en todas), os partidos políticos iniciaron os contactos para as xerais de decembro de 2015. Nese momento, Anova, como recolle o informe, iniciou conversacións con Podemos, incluída a dirección estatal, e con Esquerda Unida posteriormente, co fin de "sentar as bases" dun acordo político que fose máis aló dunha coalición.

Anova non pasa por alto as "moitas tensións e contradicións que houbo que superar" e, de feito, a candidatura de unidade popular que frutificou en En Marea acabou presentándose como coalición de partidos. Neste sentido, menciona as posicións "contraditorias" das direccións de Podemos Galicia e EU, que "desexaban limitar o alcance da alternativa a un acordo puntual" entre partidos.

NOME NAS PAPELETAS

No entanto, Anova atribúese que o nome da coalición fose unicamente En Marea, de forma que só en Galicia non figuraron as siglas de Podemos nas papeletas; e destaca tamén a creación dunha mesa de coordinación na que tamén estivo a plataforma cidadá Encontro Cidadán por unha Marea Galega.

De todos os xeitos, a formación nacionalista recoñece que é "innegable" que esta fase do proceso tivo "aspectos negativos", como a "pinza permanente entre Podemos Galicia e Esquerda Unida", que "imposibilitaron unha participación máis activa das mareas e desincentivaron a visión inicial dun proxecto compartido".

Anova analiza que a situación que se deu acabou repercutindo na campaña, aínda que non nos resultados electorais dos comicios de decembro de 2015. Coa nova convocatoria de comicios xerais debido á falta de conformación de goberno, Anova atribúe á situación da coalición e á "nefasta" dirección política da campaña electoral a perda dun escano no Congreso e un representante no Senado. "A confluencia e a unidade popular en Galicia estaban feridas de morte", apunta no seu informe.

DEFENSA DOS ALCALDES

Pero, a uns meses das eleccións autonómicas tras as xerais, Anova realza a "audacia e a valentía" mostrada polos alcaldes de Santiago, A Coruña e Ferrol --especialmente polo rexedor compostelán, o membro da dirección de Anova Martiño Noriega--, que "foron capaces de sacar o barco das rocas". Así, sinala que tras a súa intervención nacería unha comisión plural, na que Anova estaría representada por Antón Sánchez, e na que se estableceron os mínimos necesarios para "recuperar unha certa ilusión e afrontar con garantías" os comicios autonómicos.

Precisamente, de face a esa cita electoral a Coordinadora Nacional de Anova móstrase crítica coa actuación de Podemos Galicia durante o proceso de consolidación do partido instrumental, ante a que Pablo Iglesias acabou por intervir para forzar a súa integración no partido instrumental, a pesar de que non se correspondía cos documentos oficiais da formación morada da secretaria xeral en Galicia, Carmen Santos.

Anova móstrase crítica coa "posición de vantaxe para as candidaturas vinculadas a Podemos nas primarias" de En Marea para a conformación das candidaturas, algo que achaca a que unha parte da confluencia entendeu que "non conceder un tratamento especial que facilitase a súa participación implicaba a posibilidade de volta atrás no avance conseguido".

Con todo, defende a postura da formación nacionalista de "apostar por construír candidaturas que reflectisen a vontade de confluencia transcendendo as estreitas marxes das organizacións preexistentes". Dito isto, engade que as listas participadas por Anova "obtiveron un respaldo significativo" e "reforzaron" a súa imaxe de "organización que realmente acredita na unidade popular".

Ademais, en canto á fase posterior dos comicios, nos que En Marea se fixo con 14 deputados, igualando ao PSdeG en número de escanos pero superándoo en votos, a formación nacionalista lembrou que enfocou os seus esforzos en "materializar a consolidación de En Marea como suxeito", coa convocatoria do plenario e as eleccións para escoller o Consello das Mareas.

CRÍTICAS AOS MILITANTES DA LISTA SOMOS QUEN

Por último, en canto ao proceso de renovación da dirección de En Marea tras as eleccións autonómicas, lembra que a estratexia defendida pasaba por "consolidar a unidade" a través dunha "candidatura ampla" que desenvolvese os acordos de Vigo, como foi a lista 'Máis Alá', encabezada por Luís Villares.

En resposta a ela, asegurou que se "esperaba" que os integrantes do colectivo Cerna --escindido de Anova-- presentasen a súa propia lista. Con todo, recoñecen que non contaban coa lista 'Somos Quen', formada por militantes e "cadros de referencia" orgánica e institucional da formación nacionalista, que "decidiron unilateralmente a presentación dunha candidatura".

Esa lista foi capitaneada polo deputado de En Marea no Parlamento e exalcalde de Manzaneda, Davide Rodríguez, quen, precisamente, asina unha das emendas ao documento político --xunto a unha quincena de militantes de Ourense-- que cuestionan a actuación da dirección actual no proceso de unidade popular.

"No contexto dunha participación baixo mínimos, derivada do esgotamento da base social de En Marea tras un proceso electoral e unha confrontación interna continua, o resultado das eleccións ao Consello das Mareas reflectiu un contundente pero insuficiente vitoria da candidatura 'Máis Alá!', que derivou nun bloqueo para o desenvolvemento de En Marea que no momento da celebración desta asemblea aínda non foi superado", advirte.

Temas: ANOVA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Xavier Perde

Van escoller 45 militantes??? E logo teñen moitos máis??? Estes liberados son peza chave para armar ghaleo en todos lados e van seguir ata o final. Logo xa mirarán de ir montar follon a outro sitio

4 xacobe

Pero fora da dirección, hai alguén?

3 Anova Morrazo)

Luzco el ego y me fumo un talego.

2 Marcelino del Val

Y éstos quien son? Mirad, ya tenemos bastante con los podemitas. Y mentís, pues en Cacheiras no se presentó el Anova éste. Qué banda!!

1 VIEIRA-VILLANA FORA!!!

ABAIXO -VIEIRAS, GALIZA POLA SUA LIBERDADE E GRANDEZA, NON A EXPAÑA - https://www.youtube.com/watch?v=KqN...