Luces e sombras do Parlamento galego

O último pleno celebrado polo Parlamento galego permitiu comprobar unha circunstancia inédita:o grupo maioritario abandonou o hemiciclo cando facía uso da palabra unha deputada de En Marea.

Por Xesús Veiga | Compostela | 21/03/2017

Comparte esta noticia
Este tipo de protestas xa foran practicadas anteriormente por forzas políticas da oposición (primordialmente BNG e AGE) pero nunca se tiña visto o espectáculo de que o partido que dispón de 41 dos 75 escanos da Cámara lexislativa faga mutis polo foro como xeito de protesta pola opinión emitida por unha deputada nas redes sociais. Se ese comportamento fose protagonizado por En Marea -ou polo BNG ou polo PSdG- a reacción de Feijoo sería inmediata e radical:acusaría aos practicantes de erosionar gravemente á institución parlamentar. E as coñecidas terminais mediáticas multiplicarían a descualificación dos grupos que fixeran esa premeditada fuxida da sesión plenaria. 
 
No pasado mes de Decembro, a Cámara galega cumpriu 35 anos de vida. A envergadura da cifra convida a facer algunhas reflexións sobre as luces e as sombras dunha institución que ten moita importancia no desenvolvemento de calquera sistema político democrático.
 
Calquera Parlamento debe realizar, polo menos, tres funcións básicas: debater e aprobar leis que determinen os dereitos e as obrigas das persoas que conviven no tecido social existente; analisar as opinións e as reivindicacións que se susciten no seo da cidadanía e practicar un rigoroso control do goberno. Semellantes tarefas serán acometidas con maior ou menor eficacia dependendo, nunha boa medida, da composición e do funcionamento regulamentario da propia institución.
 
A capacidade lexislativa do Parlamento galego estivo condicionada polo marco competencial recollido na Constitución de 1978 e no actual Estatuto de Autonomía e, tamén, polo alcance das transferencias acontecidas nas décadas posteriores . Obviamente, non se pode esquecer unha circunstancia decisiva neste período histórico: nos 35 anos -e sen considerar o sucedido nas eleccións do pasado Setembro-, o PPdG administrou unha maioría absoluta de escanos durante 24 anos (16 con Fraga e 8 con Feijoo) e só houbo un goberno diferente durante 6 anos (1987-1989 e 2005-2009). A dinámica da institución padeceu as circunstancias desta hexemonía continuada: mantivose vixente un regulamento restritivo para as minorías e consolidouse unha dependencia excesiva do poder executivo.
 
A pesar destas limitacións significativas, pódese afirmar que a Cámara galega coñeceu e discutiu todos os problemas e demandas relevantes xordidas no corpo social. A actividade desenvolvida polas distintas forzas da oposición permitiu conxurar o perigo dunha desconexión letal entre representantes e representados: todo o que se moveu na rúa foi transladado ao interior da institución. Outra cousa foi a pouca receptividade demostradada, habitualmente, pola maioría parlamentaria e, xa que logo, a pouca capacidade exhibida para mellorar a credibilidade do propio Parlamento ante o corpo electoral.
 
Se ben é certo que a democracia lexitima o goberno da maioría expresada nas urnas tamén resulta indiscutíbel que a calidade deste sistema está directamente vinculada co adecuado exercicio do control por parte das forzas políticas minoritarias.Este labor de oposición só pode acadar niveis óptimos se hai unha elevada transparencia na xestión dos recursos públicos e un clima mediático favorabel ao respeto da pluralidade e da liberdade de expresión (medios públicos non gobernamentalizados e grupos de comunicación privados non enfeudados ao poder político vixente). Neste ámbito, o balance da vida parlamentaria galega presentou serias deficiencias:a continuidade das maiorías absolutas erosionou notabelmente a posibilidade dun control efectivo do labor gobernamental.O complemento dun sistema mediático que, na meirande parte dos casos, non exerceu un contrapeso real ás dinámicas impostas dende San Caetano, dificultou gravemente o emprendemento de propostas rexeneradoras das eivas persistentes durante estas décadas.
 
A conversión do Parlamento galego no centro da vida política da nosa nación segue sendo unha asignatura pendente. Serán necesarios cambios legais e unha maior esixencia cidadan para que esta peza básica da arquitectura institucional do autogoberno galego sexa quen de conectar coas forzas mais creativas que habitan na nosa sociedade.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.