O Breo asalta Melilla

O Cafés Candelas, que chegou a gañar de vinte no terceiro cuarto, necesitou unha prórroga para vencer 101-105 en Melilla. Matt Stainbrook, o MVP dos lucenses con 21 puntos (6 no tempo extra) e 8 rebotes. O vindeiro venres, derbi co Leyma no Pazo.

Por gcdeportes | Lugo | 18/03/2017 | Actualizada ás 00:25

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Melilla 101:
Jorge Sanz (6), Marcos Suka-Umu (30), Pablo Almazán (19), Van Wijk (5), Oliver Arteaga (15) –cinco inicial- Edu Gatell (12), Manzano (1), Eloy Almazán (2), Fred Ott (11) e Massine Fall (0).
Cafés Candelas Breogán 105: Josep Franch (19), Rafa Huertas (14), Salva Arco (11), Fakuade (6), Matt Stainbrook (21) –cinco inicial- Lobito Fernández (12), Iván Cruz (12), Thomas Bropleh (0), Sergi Quintela (1), Gilling (9) e Mario Cabanas (0).
Parciais: 21-30, 13-20 (34-50), 26-26 (60-76), 32-16 (92-92), 9-13 (101-105).
Árbitros: Juan G. Carpallo Miguélez e Esperanza Mendoza Holgado. Eliminaron por cinco faltas persoais a Edu Gatell no Melilla.
Incidencias: partido da 28ª xornada da LEB Ouro no pavillón Javier Imbroda de Melilla. Debutou Mario Cabanas co Breogán.

Matt Stainbrook, 21 puntos e 8 rebotes, na defensa de Van Wijk.
Matt Stainbrook, 21 puntos e 8 rebotes, na defensa de Van Wijk. | Fonte: @melillabcto

Chegou a gañar de vinte (52-72) no terceiro acto, pero ofuscouse no último cuarto, encaixou un parcial de 32-16 e tivo que sufrir arreo para gañar na prórroga. O Breogán asaltou Melilla por 101-105 e recuperouse despois da decepción no Pazo ante Gipuzkoa. O equipo local sumaba 11 vitorias consecutivas na casa dende a última derrota en outubro co Barça B (64-80). Seis breoganistas estiveron por riba dos dez puntos, sendo o MVP lucense Matt Stainbrook, con 21 puntos (6 na prórroga) e 8 rebotes. En Melilla, que non puido contar co mancado Pedro Rivero, destacou Marcos Suka-Umu, con 30 puntos e catro triplas.

Arrasou o Breo no arrinque, con 7 puntos de Rafa Huertas para poñerse 2-14 e Melilla tivo que parar o partido. A segunda tripla de Huertas, un 2+1 de Stainbrook e a diferenza mantíñase (14-27). Tras unha tripla de Suka-Umu, 21-30 tras dez minutos.

Iván Cruz anotou 6 puntos consecutivos, sumouse Fakuade e Breogán recuperou a vantaxe (27-40) malia outro tempo morto de Melilla. Natxo Lezcano parou o partido con 34-46 tras unha tripla de Ott, e Breogán chegou coa máxima diferenza ao descanso: 34-50.

Na reanudación, os puntos de Salva Arco e Josep Franch mantiñan cunha vantaxe cómoda ao Breo, moi concentrado e controlando o ritmo do encontro. Melilla tentaba meterse no partido a base de triplas (Suka-Umu, Jorge Sanz), pero Stainbrook puxo a máxima vantaxe do partido (52-72). A falla de dez minutos, 58-76.

Josep Franch, autor de 19 puntos en Melilla, lanza a canastra.
Josep Franch, autor de 19 puntos en Melilla, lanza a canastra. | Fonte: Nuria Roca (Melilla)

Todo parecía controlado, pero Melilla apertou en defensa e o Breogán foise do partido. Con 66-82, parcial de 7-0 para os locais (73-82). Os de Lezcano non vían o aro rival, e o parcial medrou ata un 17-4 e un 83-86 no marcador. Un 2+1 de Suka-Umu empatou o encontro (88-88). Con 92-92, Josep Franch errou unha entrada a canastra a dez segundos do final, menos mal que Melilla tampouco acertou no último ataque.

Na prórroga, o Breogán foi mellor, da man dun colosal Matt Stainbrook, que anotou 6 puntos case consecutivos. Josep Franch pescou un rebote ofensivo decisivo e anotou un 2+1, e o Breo púxose 94-101. Pablo Almazán achegou cunha tripla a Melilla (101-104), pero Lobito Fernández sentenciou dende o tiro libre. Ao final, 101-105 e a vindeira cita, derbi no Pazo con Leyma Coruña o vindeiro venres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta