Balaídos, 50 anos para o Celta

O alcalde Abel Caballero propón unha nova concesión administrativa ao club celeste para que explote o estadio municipal e os seus anexos. O PP critica a tardanza da proposta, que di copia a súa, e a Marea de Vigo apunta que un canon de retorno é "innegociábel".

Por gcdeportes | Vigo | 21/03/2017 | Actualizada ás 10:04

Comparte esta noticia

Nin venda de Balaídos nin construción doutro estadio. Unha concesión administrativa ao Celta para o uso do estadio de Balaídos e a explotación dos espacios anexos ao campo durante 50 anos é a opción “máis conveniente” tanto para o club como para a cidade, segundo o alcalde Abel Caballero.

Imaxe do estadio municipal de Balaídos.
Imaxe do estadio municipal de Balaídos. | Fonte: GcDeportes

Despois de meses de desafíos do presidente Carlos Mouriño (“se non nos queren en Vigo, teremos que irnos”, avisou), o alcalde aposta por un novo acordo a longo prazo co Celta ante o temor de que o propietario do club cumpra as amenazas e poida construír outro estadio fóra do municipio. Abel Caballero, rexedor vigués, insiste en que Balaídos “é un ben público e a lei prohíbe a súa venda” e a construción dun novo estadio é imposible porque “non está previsto no planeamento urbanístico”, nin no plan de 1993, que está en vigor, ni no do 2008, paralizado polo Tribunal Supremo. Deste xeito, Caballero sostén que unha concesión por 40 ou 50 años é “a opción máis conveniente”, tal e como se está levando a cabo noutras cidades, ao tempo que cumpre coa lei.

Abel Caballero _que chegou a comparar a concesión de Balaídos coa do estaleiro Barreras, que paga un canon ao Porto de Vigo_ agardará a que remate unha auditoría sobre o estadio e os seus anexos e unha análise xurídica sobre a concesión (concurso público ou asignación directa) para trasladar a proposta ao presidente do Celta.

Esta opción do Concello é semellante á que propuxo o PP hai dous meses, segundo a popular Elena Muñoz, que criticou que o alcalde tente agora “poñerse unha medalla que non é súa”. A voceira do PP censurou que Caballero “despreza unha vez máis o pleno” ao non dar información algunha dos seus plans nas dúas sesións extraordinarias sobre Balaídos da semana pasada.

Pola súa parte, o grupo Marea de Vigo reclamou que haxa un retorno económico ás arcas municipais da inversión feita para a reforma de Balaídos, e lembrou que si houbo “propostas de construcción dun novo estadio” en 2003 e 2009. O voceiro da Marea, Rubén Pérez, salientou que unha concesión do estadio por 50 anos permitiría o Celta aportar recursos ao Concello e “amortizar” as inversións públicas no estadio (máis de 20 millóns entre Concello e Deputación). “O retorno ás arcas públicas dunha parte da explotación dos futuros locais comerciais ten que ser innegociábel”, destacou.

O coliseo celeste, nunha imaxe de febreiro.
O coliseo celeste, nunha imaxe de febreiro. | Fonte: GcDeportes
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Don Pimpón

Mantemento gratis 50 anos? Mouriño xoga ao poker DPM! 😋

1 per

Cando se trata de futbol, ninguen se opon a nada.