Por que debemos comezar a usar a auga con máis sentidiño

Tomas Michel Mayer é un dos maiores expertos sobre auga en Europa. Doutor en microbioloxía pola Universidade de California, na actualidade é presidente da Plataforma Europea da Auga (WssTP) e director de relacións científico-técnicas do Grupo Suez, unha das maiores multinacionais do sector Estivo en Santiago polo Día Mundial da Auga, 22 de marzo. Falamos con el durante sobre o presente e futuro do máis imprescindíbel dos líquidos.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 23/03/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O científico defende a necesidade de implantar unha economía circular na auga que consumimos. O de economía circular é un concepto (creado por Ellen MacAthur, a regatista inglesa famosa polas súas voltas ao mundo en solitario) que propón modificar os nosos modelos de produción de xeito que todos refugallos sexa susceptíbeis de reutilización. 

Tomas Michel Mayer
Tomas Michel Mayer | Fonte: cetaqua

Aplicado a auga, isto significaría que o líquido dos nosos desaugues acabe sendo reutilizado a escala masiva en, por exemplo, o rego de xardíns, colleitas, sistemas de enfriamento, lavados de vehículos, etc. Malia as cada vez máis frecuentes secas, Mayer denuncia que esta estratexia está infrautilizada. A penas do 2,4% da auga en Europa é reutilizada. España, condicionada pola aridez do sur peninsular, é un dos que máis reutiliza, ao redor dun 9%. Estados Unidos,  a pesar dos seus vastos desertos, só un 4%.

A reutilización da auga é unha estratexia que reivindican non só expertos coorporativos, como Mayer, senón tamén moitos ecoloxistas, por exemplo os galegos de ADEGA. Por que non se aposta por ela? “Os números para a reutilización da auga non saen porque o prezo da auga que pagamos non é sostíbel e os cidadáns nin sequera podemos saber claramente canto pagamos por ela”, responde Mayer. 

Na maioría das cidades do país un metro cúbico de auga non custa nin 1,5 euros. É dicir, estamos pagando algo así como menos de 0,0015 euros por litro. Unha cantidade que, obviamente, non chega para sufragar o mantemento da traída e quen ten un serio problema engadido de opacidade.  O prezo por litro é unha de moitas cifras incluídas nos recibos municipais, que a miúdo inclúen a taxa do lixo . Ademais. a maior parte do que se paga non é polo produto en si, senón impostos. 

Cal dos dous sistemas favorece unha xestión máis responsábel da auga, a xestión directa pública ou, como sucede na maioría dos concellos do país, as concesións a empresas privadas? Mayer opina que non hai un modelo mellor per se, pero salienta que os concellos pequenos resúltalles moi complicado prestar un bo servizo a un prezo razoábel por si sós. 

Inaguración do CIGAT, especializado na investigación sobre a auga, parte do Cetaqua, no campus sur de Santiago
Inaguración do CIGAT, especializado na investigación sobre a auga, parte do Cetaqua, no campus sur de Santiago

Ademais, indica que os grandes operadores -como o Grupo Suez, para quen traballa- teñen músculo dabondo para investir en I+D. Como exemplo, sinala ao delegación galega Cetaqua, ubicado no campus da USC, onde “20 mozos están investigando aportando un valor adicional”. Na súa opinión, o debate público/privado sobre auga “non se pode mirar só políticamente, porque estariamos enganando aos cidadáns” senón que “hai que facer números” para cada caso particular. 

Este factor económico da xestión da auga será cada vez máis releante a medida que se deixan sentir as consecuencias do cambio climático. Pero é o cambio climático algo real, como defende a maioría da comunidade científica ou un invento chino como di o presidente dos Estados Unidos?

“Isto é real, o único que non cre nel é o señor Trump” responde sen dubidar o directivo. Por iso di que moitos dos actores económicos máis importantes do mundo xa están a tomar posicións. “É tan real que unha maquinaria enorme como é Bruxelas logrou poñerse en marcha para mobilizar millóns de euros para isto. Os americanos son un mal exemplo agora mesmo ..., pero tamén multinacionais súas potentísimas que dependen da auga -como Coca Cola, ou grupos cervexeiros. están investindo billóns en implementar estratexias para asegurar a dispoñibilidade de auga. Tamén o están a facer empresas do téxtil como Zara que gastan moita agua ou as papeleiras. Se isto non fose real, podo asegurar que toda esta xente adicaría tal cantidade inxente de diñeiro a outras cousas …”

Admais, Meyer responde que no seu grupo están a percibir cada vez máis episodios de escaseza cada vez con máis frecuencia, como a prealerta por seca existente dende hai meses en Galicia. O científico sinala que estas secan non se dan unicamente na Europa do Sur, senón tamén no centro e no norte do continente. 

Episodios que na súa opinión débense sen dúbida a un paulatino cambio no clima e que nos obrigarán a xestionar a auga dun xeito diferente.  “Non estamos ante un problema de escaseza, é un cambio de modelo. O modelo ao que estamos acostumado é que en inverno neva, en primavera chove e se funde a neve, etc. O cambio climático o que fai é comprimir moitísimo estes períodos, provocando precipitacións moi abundantes en poucos días e períodos longos de seca”, relata. 

Daquela, se no pasado loitamos guerras por mor do petróleo, no futuro loitaremos guerras por mor da esquiva auga? O experto cre que “xa as loitamos, as estamos loitando e as loitaremos no futuro”. Do pasado pon como exemplo o conflito árabe-israelí por control de zonas como Cisxordania e os Altos do Golán ou os conflitos entre a cidade de Los Ángeles e os gandeiros e agricultoras de Owens Valley. Do presente próximo apunta aos conflitos políticos no Estado por mor dos trasvases, nomeadamente o Taxo-Segura.

Que nos agarda no futuro? Resulta significativo escoitar a un representante corporativo tan importante -o seu grupo controla Viaqua, a concesonaria en ducias de cidades e vilas galegas, Augas de Barcelona e moitas outras operadoras de augas- falar en termos tan duros. Tendo en conta ademais de que falamos de algo tan vital como a auga, mellor reflexionarmos sobre esta advertencia: “Non é factible producir enerxía sen auga -salvo a éolica- e non é posíbel alimentar a poboación sen auga; nun escenario de cambio climático no que se reduce a dispoñibilidade local de auga, con ademais cunha  poboación que segue a medrar e concentrarse en zonas urbanas,  isto é unha bomba de reloxería, unha tormenta perfecta”.

Graves inundacións en Sada en 2016
Graves inundacións en Sada en 2016 | Fonte: FB Albeert Perez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta