O hospital Clínico de Santiago é designado como centro de referencia para a atención de enfermidades raras

Unha unidade do CHUS foi elixida pola Unión Europea como centro de referencia para a atención ás enfermidades raras e complexas no campo de patoloxías metabólicas hereditarias.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2017 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

Unha unidade do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) foi elixida pola Unión Europea como centro de referencia para a atención ás enfermidades raras e complexas, en concreto, no campo de patoloxías metabólicas hereditarias.

Unidade do CHUS de atención a enfermidades metabólicas hereditarias
Unidade do CHUS de atención a enfermidades metabólicas hereditarias | Fonte: Europa Press

Así, a unidade de diagnóstico e tratamento de enfermidades metabólicas conxénitas da Xerencia de Xestión Integrada (XXI) de Santiago convértese na única galega en recibir esta distinción, que a agrupa xunto con outras 42 unidades de diferentes hospitais españois.

A Comisión Europea designou 23 Redes Europeas de Referencia para a atención a este tipo de enfermidades, entre as que se atopa a unidade de Santiago, dirixida pola coordinadora de neonatoloxía do CHUS, Luz Couce, e integrada por un equipo multidisciplinar de máis de 20 profesionais.

Este xoves, a xerente do CHUS, Eloína Núñez, acompañou a Couce na presentación do recoñecemento, que suporá a participación en foros e congresos para o intercambio de experiencias coas outras unidades europeas recoñecidas na rede, ademais dunha dotación económica de 200.000 euros.

Grazas á designación como Rede Europea de Referencia, a unidade do hospital compostelán participará na elaboración de guías ou en cursos de formación e intercambio de coñecemento xunto cos outros membros para desenvolver estudos clínicos, novo medicamentos, modelos de atención e ferramentas de saúde electrónica.

Núñez felicitou aos profesionais desta unidade por esta distinción, un "éxito importante" que permitirá "seguir crecendo" para avanzar nunha atención sanitaria "eficaz e de alta calidade".

EQUIPO MULTIDISCIPLINAR

Existen máis de 700 enfermidades metabólicas hereditarias, unhas pataloxías que, como explicou Luz Couce, consisten nunha alteración xenética. Delas, a máis común é a fenilcetonuria, da que existen en Galicia máis de 100 pacientes.

O equipo do CHUS para a atención destas enfermidades está composto por máis de 20 profesionais de diferentes áreas, como hospitalización, urxencias, psiquiatría e psicoloxía, neuroloxía, nutrición, dietética e laboratorio.

Actualmente teñen en seguimento a máis de 400 pacientes e, ao longo do pasado ano, diagnosticáronse 43 casos; cifra que se prevé que aumente en 2017 ata os 50.

Esta unidade, creada en Santiago no ano 1978, foi recoñecida hai dous anos polo Ministerio de Sanidad como CSUR —Centros, Servizos e Unidades de Referencia do Sistema Nacional de Saúde— e imparte o seu propio máster en Enfermidades Metabólicas Heridatarias, único en español en todo o mundo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta