Por Walter Burns | Santiago | 22/02/2010 | Actualizada ás 22:50
A Xunta reacciona á nova de Galicia Confidencial sobre unha consultora, na que traballa a sobriña do ex-conselleiro Romay Beccaría e ex-colaboradora directa de Feijóo, que leva todos os plans de novas tecnoloxías do novo Goberno.
Máxima puntuación en todo menos na oferta económica
O comunicado da Secretaría Xeral non desmente ningún dos datos aportados por este Confidencial. Nin que Atos Origin gañou dous concursos pola vía de urxencia, nin que nos outros dous concursos venceu tras recibir a máxima puntuación en todos os criterios salvo o máis obxectivo, a oferta económica.
Agora ben, o Goberno destaca que as adxudicacións a Atos Origin son unha pequena parte de todo o contratou esta Secretaría. "O orzamento correspondente aos contratos adxudicados a esta empresa representan o 7% (602.640 euros) do orzamento total das adxudicacións realizadas entre xuño do ano anterior e o pasado mes de xaneiro", explica o Executivo.
Dúas adxudicacións negociadas
Galicia Confidencial sinalou que a empresa na que traballa Carmen Martín de Pozuelo Romay gañou a redacción de todos os plans de novas tecnoloxías, non todos os concursos relacionados coa sociedade da información.
Sobre os concursos pola vía de urxencia, Modernización argumenta que "adxudicáronse mediante procedemento negociado, como corresponde ás accións cun importe que non supere os 100.000 euros máis ive, un total de catro contratos, dous deles a Atos Origin e outros dous ás empresas Idom s.a. e Ascent Iberia s.l.".
Membro do Gabinete na CPTOV de Feijóo
Galicia Confidencial destacou a proximidade das carreiras de Nuñez Feijóo e Carmen Martín Pozuelo Romay. Un dato novo é que o presidente da Xunta fichouna, ademais de para a cúpula Correos, para o seu gabinete da Consellería de Política Territorial.
A continuación publicamos íntegro o comunicado da Xunta:
A Xunta de Galicia traballa con máis de 60 proveedores do sector tecnolóxico tanto multinacionais como empresas de ámbito local e nacional
Santiago, 22 de febreiro de 2010.- A Secretaría Xeral de Modernización e Inovación Tecnolóxica adxudicou, entre xuño de 2009 e xaneiro de 2010, a prestación de servizos e subministros a un total de 15 empresas distintas por un importe que supera os 8,6 millóns de euros.
Adxudicáronse mediante procedemento negociado, como corresponde ás accións cun importe que non supere os 100.000 euros máis ive, un total de catro contratos, dous deles a Atos Origin e outros dous ás empresas Idom s.a. e Ascent Iberia s.l. As 21 adxudicacións restantes, de importe superior, realizáronse a través de procedemento aberto, sendo dúas delas para Atos Origin. O orzamento correspondente aos contratos adxudicados a esta empresa representan o 7% (602.640 €) do orzamento total das adxudicacións realizadas entre xuño do ano anterior e o pasado mes de xaneiro pola Secretaría Xeral de Modernización.
Actualmente, as empresas beneficiarias dun ou máis dos 25 procedementos de contratación sacados a licitación desde xuño de 2009 por Innovación son Unisys España s.l., Marka Informática s.l., Foga, Altia, Inforhouse s.l., Tecnocom s.a., Satec, Microsoft, Indra, El Corte Inglés, Coremain, Idom s.a., Atos Origin s.a.e., Ascent Iberia s.l. e Telefónica. Estas 15 empresas son unha parte dos máis de 60 proveedores do sector tecnolóxico cos que traballa a Xunta de Galicia, tanto multinacionais como entidades de ámbito local e nacional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.