A Xunta ultima o traslado ao centro do 112 na Estrada (Pontevedra), que incrementa os postos de atención directa

O cambio de instalacións realizarase na noite do martes ao mércores, "sempre que non se produza ningunha emerxencia"

Santiago de Compostela | 11/04/2017 | Actualizada ás 18:42 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Xunta ultima o traslado ao novo Centro Integral de Atención ás Emerxencias (CIAE-112), situado na Estrada (Pontevedra), que conta cunha superficie de máis de 4.600 metros cadrados --dez veces superior á dimensión actual--, que permitirá acoller 77 postos iniciais de atención directa.

As novas instalacións do 112 Galicia na Estrada (Pontevedra).
As novas instalacións do 112 Galicia na Estrada (Pontevedra). | Fonte: Europa Press

Segundo informou a Vicepresidencia da Xunta, isto supón incrementar nun 125 por cento a atención de resposta ao cidadán.

Ademais, as instalacións dispoñen dos recursos materiais e técnicos necesarios para "prestar unha resposta integral ás emerxencias, grazas á integración doutros operadores".

Así o manifestou este martes o director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, quen compareceu en rolda de prensa acompañado do xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Juan José Muñoz, para explicar as características do novo centro, así como os detalles do traslado.

O novo centro, no que se investiron máis de doce millóns de euros, segundo destaca a Xunta, "aproveita as sinerxías coa Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), o que "permite unificar nun mesmo espazo a atención, a xestión e formación das emerxencias, un aspecto pioneiro a nivel estatal", segundo engade.

Tamén a Xunta recalcou que as instalacións "dispoñen dos medios técnicos necesarios para permitir unha integración paulatina doutros operadores relacionados coas emerxencias", como é o caso do 061, ou dos representantes da Policía Nacional ou da Garda Civil.

Deste xeito, segundo explicaron, poderase "ofrecer aos cidadáns unha resposta integrada, rápida, eficaz, coordinada e sen duplicidades".

NOVIDADES

Outra das novidades destacadas pola Xunta radica na nova plataforma tecnolóxica, "deseñada de modo específico para este centro" e que permite "integrar maior número de información a tempo real" o que, segundo apostila, "redundará nunha maior axilidade e precisión na toma de decisións".

Actualmente esta plataforma "está en plena produción e non se detectou ningún problema de funcionamento", segundo incide a Xunta. Ademais, os traballadores xa recibiron a formación necesaria para operar nesta nova plataforma.

DETALLES DO TRASLADO

A Vicepresidencia da Xunta explicou que a data elixida para o traslado ao novo centro é o vindeiro martes 18 de abril, "sempre que non se produza ningunha emerxencia".

"A elección da data baséase en criterios obxectivos, e tendo en conta que xa se cumpren todas as condicións técnicas necesarias para empezar a traballar no novo centro", esgrimiu a Xunta.

Respecto diso, as mesmas fontes concretaron que o traslado "conta cunha programación detallada e cun comité de seguimento, coa finalidade última de prestar o servizo con todas as garantías".

En concreto, o traslado realizarase na noite do martes ao mércores "por razóns estatísticas", segundo matiza a Xunta, "xa que polas noites redúcese notablemente o número de incidencias e porque, ademais, o martes son os días que presentan menor número de avisos no histórico".

As instalacións actuais, segundo engadiu a Xunta, pasarán a ser un "centro de respaldo", xa que "conta cun sistema de replicación de datos". "Deste xeito, se se producise algún problema no CIAE da Estrada, poderían empregarse as instalacións de Santiago para atender as emerxencias", segundo conclúe.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta