O baile das caixas

Quen queira avaliar o nivel de coherencia das organizacións políticas nesta longa controversia que estamos a vivir a respeito do futuro das Caixas de Aforro galegas, dispón de moito material de consulta.

Por Xesús Veiga | Santiago | 27/02/2010

Comparte esta noticia

Pode acudir, por exemplo, ao Diario de Sesións do Parlamento de Galicia correspondente ao 23 de Marzo de 1999 e comprobar cómo D. José Antonio Orza Fernández, conselleiro de Economía e Facenda do goberno de Fraga, manifestaba a súa oposición explícita á demanda do BNG en favor dunha presenza do Parlamento nos órganos de goberno das Caixas.Dez anos despois, aquela inaceitábel mostra de “intervencionismo” foi defendida e consagrada polo PP de Feijoo na Cámara do Hórreo.A lectura do Diario de Sesións tamén permite constatar a distancia que vai entre unha voceira socialista –Dª Dolores Villarino- que defendía hai 11 anos a fusión de Caixavigo, Caixa Ourense e Caixa Pontevedra porque “iso é bo para Galicia” e a mesma persoeira que participa na recente manifestación convocada por Abel Caballero contra a eventual fusión de Caixanova con Caixagalicia.

Quen desexe emocións fortes pode seleccionar as contundentes declaracións de Núñez Feijoo advertindo que os máximos directivos das Caixas non son os seus propietarios e contrastalas co elocuente silencio que mantivo no ano 2004 cando era vicepresidente dun goberno que non quería modificar o sistema de selección e control dos executivos das entidades financeiras galegas.Daquela, o señor Feijoo xa sabía que o actual presidente de Caixanova –D. Julio Fernández Gayoso- ocupaba o posto de máxima dirección executiva dende 1965 e que o director xeral de Caixagalicia –D. José Luis Méndez- viña desenvolvendo semellante responsabilidade dende 1981.Con eses niveis de permanencia nos cargos era previsíbel que eses administradores considerasen as Caixas respectivas como partes substanciais das propias biografías profesionais.

Consultadas as hemerotecas e feita unha análise comparativa non resulta aventurado concluír que, nas dúas últimas décadas, a única organización política que foi quen de manter un elevado nivel de coherencia neste asunto foi o BNG.Porque unha cousa é cambiar de opinión por mor da aparición de novas realidades ou asumir unha saudábel existencia de posicións diferentes no seo dunha forza política e outra moi distinta é mudar de postura sen dar ningunha explicación convincente ou adoptar o punto de vista en función de exclusivos cálculos de mercadotecnia electoral.O primeiro é síntoma de madurez democrática.O segundo é a conversión da política nun baile de máscaras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.