O xulgado declarou “ilegais” os servizos mínimos do 100% impostos pola Xunta na folga do 112

A CIG revela a decisión xudicial e lamenta que o Goberno galego teime en trasladar "esta mesma noite" as emerxencias ao municipio da Estrada. A Xunta di estar analizando se os servizos mínimos "son suficientes ou non" para o cambio.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/04/2017 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

A CIG revelou este martes que o xulgado declarou "ilegais" os servizos mínimos do 100% decretados pola Xunta para o 112 e aceptou os solicitados polo comité de folga, do 60 por cento. "Isto debería obrigar á administración para aprazar o traslado, recuperar o sentido común e sentar a negociar cos traballadores para atopar unha saída a un conflito que a propia Xunta creou", advirte o sindicato.

Protesta de traballadores do 112.
Protesta de traballadores do 112.

Con todo, a CIG lamenta que o Goberno galego mantén a súa decisión de facer efectiva "esta mesma noite" o traslado das emerxencias ao municipio pontevedrés da Estrada.

Esta medida é "como mínimo, temeraria" para o sindicato nacionalista, non só porque o persoal está en folga, senón porque os "problemas" que o comité de empresa denunciou nos últimos meses "non foron solucionados".

A modo de exemplo, sinalou que a plataforma informática aínda daba "erros graves" o luns, o que "podería disparar os tempos de resposta e mobilización" para atender "con eficacia" as emerxencias.

"VIDAS EN XOGO"

"O que está en xogo son vidas humanas", advertiu a CIG, crítica coa "incapacidade" da Xunta para sentar co persoal e abordar estas cuestións e tamén as derivadas do traslado.

A este respecto, lembrou que os empregados terán que facer 60 quilómetros diarios para ir traballar, o que supón un maior gasto en combustible, un incremento do horario e un aumento do risco de ter un accidente de tráfico.

RESPOSTA DA XUNTA

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou que os técnicos da Administración autonómica analizan se os servizos mínimos para o 112 "son suficientes ou non", para así determinar se é posible realizar neste momento o traslado ao novo Centro Integral de Atención ás Emerxencias (CIAE-112), situado na Estrada, ou se é necesario pospoñelo "uns días".

Ao ser cuestionado por este tema durante unha visita a Vigo, Rueda incidiu en que a Xunta traballou durante "moitos meses" na planificación do traslado do 112, que estaba previsto que se materializase este martes, co fin de que, asegurou, o servizo experimente "unha notabilísima mellora das condicións na prestación do servizo".

Porén, referendou que ata que se resolva esa fixación de servizos mínimos —recurso ao que avanzou que presentarán as súas "argumentacións"—, a Xunta o que non vai facer, "en ningún caso, é pór en risco a seguridade das persoas".

"Estamos a falar dun centro de atención ás emerxencias ao que a xente chama cando se ve nunha situación de emerxencia; o servizo ten que garantir ao 100% que se vai a atender a emerxencia", sentenciou.

Neste marco, apuntou que se finalmente se reducen os servizos mínimos ao 60%, a Xunta analizaraos, fará alegacións e manterá "sempre a garantía de que o traslado se fará en condicións óptimas para o servizo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 jesuiograde

os do 112 ... que son ... son acaso funcionarios???? muito foi metido polo dedo da popular.... pois que marchen a estrada que é onde deben estar ... outra cousa son os teleoperadores e locutores do 061 que son traballadores dunha empresa privada, o loxico e que sigan en bando sanmarcos nas instalacios da telegaita, incluso poden ampliar o sitio o marchar o 0... non e bo meter duas centrais de emerxencias no mesmo sitio xeografico!