Unha páxina na historia celeste

O Celta, coa vantaxe do 3-2 na ida e co mesmo once, afronta hoxe en Bélxica (21.05 horas) ante o Genk a cita decisiva coa “ilusión” de clasificarse por primeira vez na súa historia para unhas semifinais europeas. “É un dos partidos máis importantes da miña carreira”, di Iago Aspas.

Por gcdeportes | Vigo | 20/04/2017 | Actualizada ás 08:39

Comparte esta noticia

Ilusión por escribir unha nova páxina na historia celeste. Un partido dos máis importantes na súa carreira, segundo Iago Aspas. Coa vantaxe do 3-2 hai unha semana na ida, o Celta busca hoxe en terras belgas ante o KRC Genk (21.05h) o pase por primeira vez na súa historia a unhas semifinais da Europa League.

Os xogadores celestes celebran o gol de Guidetti na ida en Balaídos.
Os xogadores celestes celebran o gol de Guidetti na ida en Balaídos. | Fonte: @EuropaLeague

Sempre antes, nas tres tentativas anteriores ante Olympique de Marsella, Lens e Barcelona entre 1999 e 2001, o Celta caeu en cuartos. Pero nunca antes, os celestes chegaran con vantaxe, aínda que mínima, ao partido de volta decisivo. Aínda así, o Toto Berizzo avisa que o seu equipo, fiel ao seu estilo, non especulará co resultado no Luminus Arena e sairá a gañar. As tres últimas citas dos celestes en Europa esta campaña, remataron con vitoria por 0-2: Panathinaikos, Shakhtar Donetsk e Krasnodar. “Para pasar hai que gañar aquí, hai que saír ao ataque e defendéndonos moi ben ante un rival con xente perigosa”, sostén Berizzo.

“Como os meus xogadores, teño unha grande ilusión que comenzou hai dez meses neste mesmo país. O seu esforzo mantívoo vivo e sabemos da importancia histórica do partido. Imos dalo todo por escribir unha nova páxina da nosa historia”, apuntou Berizzo xa en Genk na véspera do choque. Para pasar á historia celeste, o técnico arxentino confiará no mesmo once de Balaídos, o que se impuxo como titular nesta campaña, que agás o porteiro, descansou na liga en Granada: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Fontàs, Jonny; Radoja, Tucu Hernández, Daniel Wass; Pione Sisto, Iago Aspas e John Guidetti. Berizzo agarda un partido “aberto” pola vocación ofensiva do rival, moi semellante á dos celestes, pero confía na ilusión dos seus xogadores, e que comprendan a importancia do partido para o celtismo.

Un dos que con máis expectación agarda o choque é Iago Aspas: “Estou desexando que chegue o partido porque aos futbolistas gústanos estar dentro do terreo de xogo. Polo que hai en xogo, é un dos partidos máis importantes da miña carreira”, indicou o dianteiro galego, gañador da Europa League co Sevilla, quen tamén destaca o potencial ofensivo do rival belga: O de Moaña aposta por facer "unha boa presión” no centro do campo para impedir que o Genk estea cómodo e de paso levar o peso do partido.

Ao igual que Berizzo, o técnico holandés do Genk, Albert Stuivenberg, tamén apostará, case con toda seguridade, polo mesmo once de Balaídos, xa que reservou boa parte dos titulares na liga: o meta Mathew Ryan; Castagne, Brabec, Omar Colley e Uronen en defensa; Malinovsky e Berge no dobre pivote; Trossard, Álejandro Pozuelo, Boetius e o tanzano Mbwana Samala en punta. En Balaídos, Boetius e Thomas Buffel, o primeiro troco, marcaron os goles.

Frouxo en defensa (encaixou tres en Vigo, pero ata cinco goles en San Mamés na fase de grupos), contará co apoio total da súa afección (preto de 25.000 afeccionados) para tentar remontar a eliminatoria. Os do Toto Berizzo deberán estar concentrado os 90 minutos en defensa (os goles en Balaídos chegaron por dous erros propios) para clasificarse e escribir unha páxina nova da historia celeste, a páxina dunha semifinais europeas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta