O Teucro volve á Asobal

O equipo pontevedrés, que empatou 26-26 co Barça B, avantaxa en cinco puntos a Palma del Río, que perdeu en Bordils, e certifica o ascenso á máxima categoría a falla de dúas xornadas de Liga, tan só once meses despois do seu descenso.

Por gcdeportes | Pontevedra | 23/04/2017 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

Once meses despois, o Teucro volve á Asobal, o lugar que lle corresponde a un histórico. E o Municipal de Pontevedra, case cheo, estalou de xúbilo para celebralo. A falla de dúas xornadas aínda para o remate da Liga, o equipo azul, con 47 puntos, é campión da División de Honra B, ao sumar 5 puntos máis que Palma del Río, con 42.

Os teucristas celebran sobre a pista o ascenso á Asobal.
Os teucristas celebran sobre a pista o ascenso á Asobal. | Fonte: Diego Torrado (pontevedraviva.com)

Necesitaba o Teucro facer un punto máis que Palma del Río para ascender, e conseguiuno na recta final dun partido trepidante. Tralo 13-17 do descanso, remontou no segundo tempo, chegou a poñerse tres goles por diante (25-22), para acabar empatando 26-26. A cinco minutos do final, chegou a boa nova dende Cataluña, a inesperada derrota sobre a bucina do rival cordobés co Handbol Bordils (27-26), e o Teucro, co empate ante o filial blaugrana, certificou un novo ascenso. Moitos xogadores se enteraron da boa nova na pista, ao remate mesmo do choque.

O Teucro regresa deste xeito a onde lle corresponde por 72 anos de historia, vicedecano do balonmán español, e por afección. Preto de 2.000 espectadores amosaron que en Pontevedra se respira balonmán, aínda que ninguén no Teucro contaba con ascender xa esta xornada. Había dúas oportunidades máis, pero o Teucro non quixo agardar, e trala bucina final festexou un máis que merecido ascenso. O Teucro volve a Asobal, o seu sitio natural, apenas once meses despois de perder a categoría.

“Os ascensos sempre saben a gloria”, dixo un emocionado Quique Domínguez sobre a pista. O adestrador teucrista destacou “o traballo, a constancia e a confianza” dos seus no traballo dende que en agosto comezou a tempada. “O traballo dos xogadores e do corpo técnico levounos á Asobal”, agradeceu o presidente Carlos García Alén, que lembrou ao mancado Johnny Medina e anunciou festa de celebración para a última xornada, cando o Teucro reciba no Municipal a Handbol Bordils. Antes, a vindeira semana en Córdoba, Palma del Río fará o corredor aos campións azuis. Teucro volve á Asobal, o lugar que lle corresponde, e agarda pola permanencia do Balonmán Cangas (faltan catro xornadas) para que Galicia volva contar con dous equipos na máxima categoría.

A celebración do Teucro no Municipal polo seu regreso á Asobal.
A celebración do Teucro no Municipal polo seu regreso á Asobal. | Fonte: Diego Torrado (pontevedraviva.com)
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta