El Correo Gallego perde a batalla xudicial contra o alcalde de Compostela

A Audiencia Provincial arquiva o caso "sen posibilidade de recurso" e sostén que non houbo revelación de segredos por parte de Martiño Noriega ao facer pública a débeda millonaria do Grupo Correo. O tribunal advirte de que esas contas "xa foran difundidas" antes por "un xornal dixital", en referencia ás informacións adiantadas por GC sobre os problemas financeiros do grupo mediático. O alcalde expresa a súa "satisfacción" pola sentenza e acusa ao PP de "instrumentalizar politicamente" o caso. A dirección de El Correo rexeita pronunciarse.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/04/2017 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

A causa xudicial aberta contra o alcalde de Santiago, Martiño Noriega (Compostela Aberta), a quen o diario El Correo Gallego denunciou por revelación de segredos tras publicar unha entrada en redes sociais na que daba datos sobre a crítica situación financeira do grupo, foi arquivada "sen posibilidade de recurso" pola Audiencia Provincial da Coruña.

Feijóo nunha gala de entrega dos premios Gallegos del Año, organizada polo Grupo Editorial Compostela, matriz de El Correo Gallego
Feijóo nunha gala de entrega dos premios Gallegos del Año, organizada polo Grupo Editorial Compostela, matriz de El Correo Gallego

O propio alcalde compostelán expresou hoxe a súa "satisfacción" pola decisión xudicial. Noriega asegurou que tivo "a sensación de ter unha cámara oculta detrás" ao recibir a denuncia do grupo mediático compostelán despois de publicar en redes sociais "unha información veraz na que respondía a outra información publicada" en 'El Correo Gallego'.

En concreto, o preito iniciouse hai dez meses, cando Martiño Noriega decidiu responder nas redes sociais a unha campaña do Correo que o acusaba de discriminar a este xornal na repartición da publicidade e de beneficiar a outros medios, como La Voz ou a Cadena Ser. O 3 de agosto de 2016, Noriega defendeuse a través dos seus perfís persoais de Facebook e Twitter, argumentando que a lei prohibe ás administracións públicas contratar con empresas que teñen débedas coa Seguridade Social e fixo públicas as do Correo: case un millón de euros.

Foi entón cando El Correo Gallego deu un paso máis na súa particular batalla contra o alcalde de Compostela e interpuxo unha denuncia pola vía penal para tentar inhabilitalo por, segundo os avogados do xornal, valerse do seu cargo institucional para revelar datos secretos e causar un prexuízo irreparable á empresa editora. Agora, a Audiencia Provincial decidiu botar atrás a demanda do xornal e arquiva a causa sen posibilidade de recurso.

AUTO

No auto de seis páxinas, asinado polos maxistrados Ángel Pantín, José Gómez e Jorge Cid o pasado 21 de abril, o tribunal sostén que o alcalde de Compostela non incorreu nun delito de revelación de segredos xa que a débeda do Correo coas Administracións Públicas non o son. E advirte de que "xa foran difundidas por un xornal dixital" en 2015en referencia ás informacións publicadas por GC.

Martiño Noriega.
Martiño Noriega.

"Non se trata dun dato interno da propia empresa reservado e coñecido por un determinado circulo de persoas, senón un dato referente a unha débeda de natureza pública que a empresa denunciante mantiña coa Facenda Pública. Non consideramos que a existencia da devandita débeda revista o carácter de segredo e de feito a Administración Pública puxo en coñecemento dos posibles debedores da entidade a existencia da débeda e a iso obedece a orde de embargo. É incompatible o segredo coa difusión da información promovida pola propia Administración acredora", conclúe o tribunal.

Os maxistrados tamén enmarcan a revelación do alcalde no "contexto de enfrontamento" entre as partes, agüíndose que a publicación de Noriega responde á información anterior do xornal na que se lle acusaba de penalizalo na repartición de publicidade e de castigar aos seus empregados, en pleno ERE. 

Na sentenza, o tribunal expón:

"A revelación enmárcase nun contexto de enfrontamento entre a denunciante e o investigado. Neste sentido, a revelación feita polo denunciado está precedida dun artigo publicado no xornal editado por aquela na que se censura o gasto de case 30.000 euros en publicidade por parte do investigado nun diario da Coruña e cadeas de radio de Madrid e pregúntase canto se gastou no xornal e radio de Santiago de Compostela, reprochándolle que non se solidarice coa clase obreira da devandita empresa e emprázase aos lectores para buscar a resposta no Facebook ou no twuiter do alcalde. En resposta ao devandito artigo, que é publicado polo investigado cos dous documentos do Concello, explícase por parte do denunciado que a razón de non contratar a publicidade institucional obedece á existencia da débeda coa Facenda Pública. Este tribunal, cinguíndose ao aspecto xurídico e sen entrar en consideracións doutro tipo, considera que este contexto é importante para xulgar a relevancia da información. Non nos atopamos ante unha difusión espontánea dunha información relativa á empresa, senón que dita revelación se enmarca nunha resposta dada por un representante político ante a publicación dun artigo no que se censura o seu comportamento á hora de gastar o diñeiro público en publicidade institucional. A resposta puido ser excesiva e merecedora doutros reproches, pero non ten a relevancia suficiente como para constituír un ilícito penal".

Ao respecto, Noriega explicou hoxe que el só "informaba de que non había discriminación porque ese medio tiña unha débeda coa Seguridade Social e as administracións non poden contratar coas empresas nesa situación. Entendía que era unha resposta que había que dar porque se me estaba interpelando".

O alcalde defendeu que el sempre enmarcou o seu comentario dentro do que entendía que era "liberdade de expresión" e suxeriu que, tras "esta denuncia por vía penal", atopábase a intención do medio de tentar "inhabilitalo xudicialmente" tras "unha campaña" de "difamacións".

"INSTRUMENTALIZACIÓN POLÍTICA" DO PP

"A denuncia nace nun contexto de non aceptar o resultado das urnas en 2015; difamáronnos a min e a miña contorna, e mesmo á miña contorna familiar", afeou o rexedor, quen espera que este arquivo —que tamén pedira a Fiscalía— supoña "un punto de inflexión" na actitude do medio.

Non en balde, Noriega, quen aínda non pensou se pedirá algunha compensación polo dano á súa imaxe, confesou que algúns momentos foron "difíciles" e reprobou que houbo quen, como o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, tentou "instrumentalizar politicamente" a situación aproveitando que el "non podía" pronunciarse.

O rexedor asegurou que defende "o rol crítico dos medios" e que non quere "medios submisos ou compracentes", pero reivindicou "un campo de xogo no que non se difame, se contrasten as informacións e non se incite ás mocións de censura". Por último, trasladou a súa "solidariedade e respecto" pola cabeceira e os traballadores de El Correo Gallego.

Pola súa banda, a dirección de El Correo, consultado por Europa Press sobre a sentenza xudicial, declinou pronunciarse.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 11 comentarios

7 pericán

na que se o acusaba

6 Berenguela

Parece razoable a decisión da xustiza. O alcalde non desvelou ningún segredo. É pública a delicada, por non dicir desastrosa, situación do Correo Gallego. Agora ben, unha autoridade pública non debería promover o peche de ningunha empresa, e menos cando se trata dun medio de comunicación. Para frear as críticas enténdese que lle negue a publicidade do Concello. Xa o compensa a Xunta dabondo, pero de aí a favorecer a súa desaparición para beneficio da Coz de Malizia non se entende.

1 Kollontai luguesa

Totalmente de acordo no relativo ao da promoción que ti dis. E inda encima aturar aos comentaristas coma o cinco aledándose por odio cara o bloque, sen ter en conta que hai traballadores e familias sufrindo por esta situación... E tristísimo. Así nos vai e así nos irá coma non vaimos máis alá do seudoprogresismo caviar. Mágoa de país!

5 Benito sé fuerte

Mala nova pra El Correo, PP, Bloque e Troleada. A rañala!

1 Juas

Para o PSOE non que agora fala de municipalizacións en actos chulis xunto co transfuga

2 Lores&Louzán

Para que PP, se para privatizar xa está o BNG en Pontevedra?

4 xesc

Como non dá pagado as letras propóñolles que se cambien o nome a O CORREO GALEGO .Que queiras que non xa son 2 letras menos para pagar...

1 o pbeilan

queiro que non

3 Eu mesmo

Normal o resultado da demanda do ECG. Anormal o nivel de gasto en propaganda en medios como LVG. De isto non dí nada o comunista independentista!!!