Galicia Escena PRO selecciona a 27 compañías para o seu programa de espectáculos e 'pitching'

A quinta edición de Galicia Escena PRO ofrecerá en Santiago os novos espectáculos de 17 compañías galegas de teatro, danza, novo circo e maxia, ademais dunha sesión de 'pitching' na que outras 10 formacións avanzarán os seus proxectos para a próxima tempada.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2017 | Actualizada ás 18:41 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A quinta edición de Galicia Escena PRO ofrecerá en Santiago os novos espectáculos de 17 compañías galegas de teatro, danza, novo circo e maxia, ademais dunha sesión de 'pitching' na que outras 10 formacións avanzarán os seus proxectos para a próxima tempada.

Organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) do 12 ao 15 de xuño, o programa do mercado profesional das artes escénicas completarase con dúas montaxes procedentes de Castilla y León e cunha serie de actividades paralelas.

O Auditorio Abanca, a Fundación SGAE, o Salón Teatro e o Teatro Principal volverán ser os escenarios deste evento, a través do que a Xunta lles ofrece ás compañías escénicas un espazo para entrar en contacto directo cos representantes dos teatros, auditorios, salas e mostras de face á contratación dos espectáculos.

Para a categoría de espectáculos, a comisión de selección elixiu 17 títulos galegos, dos que oito son montaxes teatrais para público adulto: 'A noiva de Don Quixote', de Eme2 emoción&arte; 'Castrapo', de Os Náufragos Teatro; 'Estado de graza', de Teatro do Noroeste; 'Helena: xuizo a unha lurpia', de Teatro do Atlántico; 'Normas para saber vivir na sociedade actual', de Sarabela Teatro; 'Resaca', de IlMaquinario Teatro; 'Tropical', de Elefante Elegante, e 'Ubú Rei', de Talía Teatro.

A carteleira inclúe, así mesmo, cinco propostas teatrais para público infantil e familiar ('A meniña que quería navegar', de Redrum Teatro; 'O faiado', de Teatro ó Cubo; 'Pum Pum!', de Baobab Teatro; 'Redondo', de Caramuxo Teatro, e 'Rubicundo', de Teatro Ghazafelhos), dous de danza ('Emoticores', das Tricotouses, e 'Ulises e a meniña durmida. Segunda travesía', de Ánxela Blanco), unha de novo circo ('Outono', de Pistacatro Produtora de Soños) e outra de maxia ('Íntimo. A viaxe da miña vida', do Mago Teto).

Por terceiro ano consecutivo, Galicia Escena PRO incluirá tamén unha sesión de pitching, para a que foron seleccionadas outras 10 compañías co obxectivo de presentarlles aos programadores inscritos un avance dos proxectos nos que están a comezar a traballar cara á próxima tempada.

Este programa foi seleccionado tras a valoración artística das 95 propostas presentadas a ambas as modalidades: 68 para a exhibición de espectáculos completos e 27 para a sesión pitching. Estas últimas presentacións serán de acceso exclusivo para os profesionais acreditados, que poderán formalizar a súa inscrición no mercado a partir da próxima semana a través da web www.galiciaescenapro.gal.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta