Burela, deica logo a Primeira

Santiago Futsal cumpliu ao puntuar ante Cartaxena pero os mariñaos non puideron pasar do empate (4-4) ante Levante en Vista Alegre e descenden a Segunda División tras cinco anos na elite. "Canto antes poidamos regresar a Primeira, moito mellor", avisa o presidente.

Por gcdeportes | Burela | 29/04/2017 | Actualizada ás 08:26

Comparte esta noticia

A tan só un gol e a tan só un punto da salvación. O Pescados Rubén Burela non puido pasar do empate (4-4) ante un Levante que non xogaba nada e descende a Segunda División despois de cinco anos na elite. Día triste para a familia laranxa. “Canto antes poidamos regresar a Primeira División, moito mellor”, asegura o presidente Manuel Blanco, disposto a liderar o proxecto para devolver o Burela onde se merece.

Os mariñaos tiñan que gañar a Levante e agardar algún dos dous resultados posíbeis para salvarse. Gran Canaria venceu 2-1 a Palma e acadaba a permanencia, pero Santiago Futsal, malia non xogarse nada, botou unha man aos seus irmáns galegos e puntou (2-2) en Cartaxena. O partido de Murcia rematou antes, e só quedaba a vitoria do Burela, que nese momento aínda perdía 3-4. Antoñito fixo o 4-4 con seis minutos por diante, pero Burela, malia o apoio de Vista Alegre e malia a loitar ata a bucina final con xogo de cinco, non puido marcar o gol da vitoria. E a familia laranxa chorou polo descenso.

E iso que as cousas principiaron ben, con goles de José Carlos e Iago Rodríguez para o 2-0 en seis minutos. Pero Burela precipitouse, Levante reaccionou e púxose 2-3. José Carlos, a pase de Iago Rodríguez, empatou o partido, pero de novo un Emilio Buendía trigoleador puxo o 3-4 antes do descanso. Trala reanudación, os nervios atenazaban Vista Alegre, pendente das outras pistas. Matamoros e Hélder tiveron o empate, pero este non chegou ata o minuto 34, obra de Antoñito. Segundos despois, o visitante Lucho recibiu a segunda amarela, pero o Burela non soubo aproveitar a súa superioridade. Con Antoñito de porteiro-xogador, os laranxas tentárono ata a bucina final, pero o gol da salvación non chegou.

O adestrador Tomás de Dios asumiu a responsabilidade polo descenso e recoñeceu que era un momento “moi doloroso”, o peor tras 25 anos de carreira, pero lanzou unha mensaxe: “Toca comezar de cero. Que este equipo volve a onde se merece”. Está disposto Manuel Blanco, que se presentará a reelección como presidente: “Canto antes poidamos regresar a Primeira, moito mellor”. Tras cinco anos espectaculares en Primeira, cunha clasificación histórica para a Copa, tras unha tempada difícil con moitas lesións e troco de adestrador, o Burela descende a Segunda. Que sexa por pouco tempo.

Ficha técnica
Pescados Rubén Burela 4:
Edu, Iago Míguez, Isi, Renato, José Carlos -cinco inicial- Cuco, Iago Rodríguez, Antoñito, Hélder, Álex e Matamoros.
UDDM Levante 4: Yeray, Lucho, Borja Milán, Sena, Tripodi -cinco inicial- Cecilio, Márquez, Kiko, Emilio Buendía, Oviaño e Ignacio.
Goles: 1-0: José Carlos (minuto 1). 2-0: Iago Rodríguez (6’). 2-1: Tripodi (7’). 2-2: Emilio Buendía (11’). 2-3: Emilio Buendia de penalti (13’). 3-3: José Carlos (18’). 3-4: Emilio Buendía (19’). 4-4: Antoñito (34’).
Árbitros: Felipe Madorrán (País Vasco) e Urdanoz Apezteguia (Navarra). Amarelas a Renato (minuto 13), Isi (minuto 13) e Antoñito no Burela e a Kiko (minuto 12), Lucho (minuto 24 e 34) e Yeray no Levante.
Incidencias: partido da 30ª xornada 30 da LNFS disputado nun ateigado pavillón Vista Alegre, coa presenza da secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez, e do seleccionador español José Venancio López.

Os xogadores laranxas saúdan a afección que encheu Vista Alegre.
Os xogadores laranxas saúdan a afección que encheu Vista Alegre. | Fonte: @burelafs

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta