Unha moción de censura xustificada

O anuncio da presentación dunha moción de censura por parte de “Unidos-Podemos”, “En Comú Podem” e “En Marea” ten provocado unha morea de reaccións nas restantes formacións políticas e nas persoas que emiten opinións nos medios de comunicación.

Por Xesús Veiga | Santiago | 04/05/2017

Comparte esta noticia
Os principais reproches que se formulan a esta inciativa concentranse no agardado fracaso da mesma (xa que o explícito rexeitamento de PSOE e Cidadans impide a consecución dos 176 votos requiridos para que prospere); na decisión unilateral adoptada polos promotores -sen consulta previa con outras forzas relevantes- e no seu carácter estritamente propagandístico.Convén lembrar que, poucos días antes, a grande maioría das mesmas persoas que emitiron estas consideracións críticas tiveron a ben descualificar o chamado “tramabús” alegando que un grupo político cunha importante presenza parlamentaria debía evitar os espectáculos “circenses” na rúa e realizar propostas no seo das institucións, nomeadamente no Congreso dos deputados.A incongruencia argumental destes sectores está servida:se a prioridade debe estar no labor que se desenvolve na Cámara lexislativa, por qué non se avalía positivamente o feito de que o terceiro grupo en dimensión numérica decida utilizar unha ferramenta contemplada no ordenamento xurídico para expresar o máximo nivel de oposición ao goberno que preside Mariano Rajoy?
 
Os precedentes históricos son coñecidos.Deixando aparte aquelas que triunfaron (por exemplo:a protagonizada no ano 1987 polo PSdG, Coalición Galega e os escindidos de AP) houbo dúas no Parlamento estatal (as mocións do PSOE contra UCD e de AP contra o executivo de Felipe González) e tres no pazo do Hórreo (a moción do BNG contra o PP no ano 2001 polo asunto das vacas tolas e as propostas pola organización nacionalista e mais polo PSdG no ano 2002 por mor do desastre do Prestige) que merecen ser lembradas na actual situación política.En todas elas, non houbo consulta previa coas restantes organizacións políticas de ámbito parlamentario.
 
Aínda que cada período histórico ten a súa singularidade indiscutíbel, nas mocións presentadas contra os gobernos de Fraga había unha circunstancia moi parecida á que se rexistra neste momento:estabanse vivindo acontecimentos da máxima gravidade e os gobernantes non reaccionaban ante o clima de alarma existente en amplos sectores da sociedade.Daquela, BNG e PSdG botaron man do último recurso parlamentario que tiñan para propiciar un debate específico co presidente da Xunta e trasladar á institución o estado de indignación que se expresaba nas rúas.Sabían que non tiñan a forza suficiente para derrubar ao PP pero querían sintonizar co malestar social e deixar constancia de que era posíbel construír unha alternativa fronte aos que ocupaban as cadeiras gobernamentais.
 
Esta moción de censura que se ven de anunciar está xustificada pola insoportábel reiteración dos casos de corrupción na estrutura dirixente do PP e o intento de cortocircuitar os mecanismos propios do funcionamento dun Estado de dereito (autonomía na actuación da fiscalía e independencia do poder xudicial).A inviabilidade dun pacto político que posibilite a derrota de Rajoy no trámite parlamentario non desautoriza a pertinencia da súa presentación.Fraga mantivo a súa maioría absoluta despois da moción polas vacas tolas (onde, por certo, o PSdG abstívose) mais non foi quen de repetila no 2005 (transcorridos dous anos dende a censura polo Prestige).Os efeitos dunha acción destas características non se perceben, necesariamente, no curto prazo e dependen de moitos factores:estado de ánimo do corpo social, acerto na forma de abordar o debate parlamentario e actitude das restantes forzas políticas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.