Gañou Ecuador

Tal vez en días anteriores a concentración fora mais numerosa, pero aquel día, luns 10 de abril, a primeira hora da noite, a poucos de metros da sede do Consejo Nacional Electoral ecuatoriano, na Avenida 6 de Diciembre de Quito, apenas eran un par de centos de persoas, as que denunciaban o suposto fraude electoral na segunda volta das eleccións presidenciais. O grupo víase menos numeroso que a multitude de vendedoras de mazurcas de millo asadas, salchipapas ou bandeiras ecuatorianas que tentaban aproveitar a ocasión para facer negocio.

Por Emilio Martinez | Quito | 05/05/2017

Comparte esta noticia
Un par de horas antes seguira unha marcha de denuncia convocada por CREO-SUMA. Apenas un millar de persoas, nas que chamaba a atención que moita xente era claramente de orixe popular. Xustamente o tipo de persoas que de gañar o candidato da alianza electoral convocante, Guillermo Lasso, sufrirían nas súas propias carnes as políticas neoliberais que poría, mais pronto que tarde, en marcha.
 
O 18 de abril o CNE procedía á revisión de varios miles de actas electorais,  1,2 millóns de votos, e facía oficiais os resultados: o candidato de Alianza País, Lenin Moreno obtiña o 51,16% dos votos, o candidato de CREO-SUMA situábase no 48,84%. 
O sábado 22 de abril, o presidente en funcións Rafael Correa e o candidato electo celebraban na Avenida dos Shirys de Quito, ante miles de entregados seguidores, a vitoria de Alianza PAÍS.
 
O 24 de maio a toma de posesión do novo presidente do Ecuador porá fin a un longo período electoral que comezou xa fai mais dun ano coa elección dos candidatos presidenciais polas diversas forzas políticas.
 
Os resultados acadados por Lenin Moreno pouco teñen que ver cos colleitados por Rafael Correa en 2009 e 20013, cando obtivo a presidencia na primeira volta cun 51,99% (a segunda praza fora para o expresidente Lucio Gutierrez co 28,24%) e  cun abraiante 57,17%, fronte ao 22,68% obtido por Guillermo Lasso. En 2013 Correa impúxerase en 23 das 24 provincias ecuatorianas, a excepción unha pequena, e pouco poboada, provincia da Amazonia na que ganou Gutierrez, e nas tres demarcacións exteriores, nas que se agrupa a numerosa comunidade ecuatoriana que tivo que emigrar..
 
Fai un ano as expectativas electorais de Alianza PAÍS eran calquera cousa menos optimistas. Ecuador é un país hoxe por hoxe altamente dependente das exportacións de materias primas, fundamentalmente de petróleo, e logo produtos agrícolas como o plátano, a piña, o aceite de palma ou o cacao, que teñen en común que cotizan á baixa nos mercados internacionais, o que condiciona de forma directa a situación económica, e a súa vez a capacidade do goberno para impulsar políticas públicas.
 
Unha boa parte dos dez anos de presidencia de Rafael Correa, duración que xa de por si é un éxito nun país que viviu na década anterior un período de convulsión política, teñen transcorrido nun contexto económico internacional na que os altos prezos do petróleo permitiron acometer proxectos públicos de diverso tipo: dende políticas sociais de loita contra a exclusión, melloras visibles nos ámbitos da educación e da sanidade ou unha transformación do sistema de infraestruturas. En economía a extratexia céntrase no denominado “cambio da matriz produtiva”: pasar dunha economía extractiva  e dependente das producións agrícolas non transformadas a unha economía baseada na explotación do coñecemento. Un reto titánico nun país que ocupa, aínda hoxe, os postos mais baixos nos rankings internacionais de innovación ou capacidade científica.
 
A caída dos prezos do petróleo pon en cuestión a supervivencia do modelo desenvolto nos últimos anos. Fronte a un prezo medio do barril de petróleo de 80 dólares USA en 2009, ou 100 dólares en 2011, ano no que o PIB de Ecuador creceu un incrible 7,9% respecto ao ano anterior, en 2016 os prezos situáronse  por baixo dos 50 dólares, o que sumado aos efectos económicos do terremoto de abril, levou á economía ecuatoriana á recesión, cunha caida no PIB do 1,5%.
 
As eleccións locais celebradas en 2014 significaron xa para Alianza PAÍS unha xerra de auga fría. Perderon a mans de SUMA, capitaneada polo avogado Mauricio Rodas, a alcaldía de Quito, perderon tamén a alcaldía de Cuenca a mans do exalcalde Marcelo Cahera, e Jaime Nebot, líder do Partido Social Cristián, revalidou por quinta vez consecutiva a alcaldía de Guayaquil, centro económico do país e cidade mais poboada.
 
As malas cifras económicas, e as debilidades organizativas, sumábanse as múltiples acusacións, demasiadas veces veraces, de falta de respecto á liberdade de expresión, uso partidario das medios e institucións públicas e formas autoritarias por parte de Rafael Correa e o seu goberno. 
 
Nesta situación a candidatura de Lenin Moreno era, con grande diferenza, a mellor opción das posibles para Alianza. Vicepresidente con Rafael Correa, co que formou binomio electoral, entre 2007 e 2013, gozaba dun amplo recoñecemento social, polo impulso dado ás políticas de inclusión social de persoas con discapacidade. Unha vez deixado o cargo de vicepresidente foi nomeado enviado especial do secretario xeral das Nacións Unidas sobre discapacidade e accesibilidade, o que lle permitiu manterse lonxe da política nacional e dos casos de corrupción que se foron descubrindo, aínda que tamén lle valeu críticas xa que o cargo era financiado polo propio goberno ecuatoriano, co mesmo nivel que un embaixador. Lenin Moreno ten ao seu favor unha historia persoal de superación da adversidade e un carácter negociador e afable, valores que o diferencian do carácter volcánico de Correa, ao que perde demasiadas veces as súas saídas abruptas. A boa imaxe de Moreno, que coidou de preservar desmarcándose dalgunhas accións cuestionables do goberno,  xogou un factor fundamental na segunda e decisiva volta electoral, o denominado balotaje, xa que é difícil mobilizar contra Lenin Moreno: é un líder tranquilo, que non causa a nivel social unha animadversión radical, salvo nos segmentos da poboación mais conservadores e clasistas.
Guillermo Lasso non era un bo candidato. Lasso foi incapaz de librarse da etiqueta de representante da burguesía  conservadora guayaquileya, e do tufo de revanchismo que apenas conseguía ocultar. A suma dos votos acadados por CREO-SUMA na primeira volta presidencial foi do 28,09%, fronte ao 39,36% de Moreno (que de acadar o 40% e superar ao segunda candidato en 10 puntos sería elixido presidente), moi pouco mais que os resultados acadados, de forma conxunta, polo propio Glasso como candidato de CREO e Mauricio Rodas, como candidato de SUMA, en 2013 e aliados en 2017, cando se situaron nun 26,58%. Glasso mostrouse nos meses previos á cita electoral incapaz de sumar á súa candidatura o apoio do Partido Social Cristián, que presentou á Cynthia Viteri, que acadou o 16,32%, e menos aínda de Paco Moncayo, ex-xeneral, vinculado ao partido socialdemócrata Izquierda Democrática, e alcalde de Quito dous mandatos, entre o ano 2000 e o 2009, e que acadou un 6,71% dos votos na primeira volta, liderando unha candidatura tamén apoiada por Unidad Popular, esquerda radical, e Patchakuti, movimento de base indíxena.
 
Na segunda volta, á que pasan os dous candidatos mais votados na primeira, cinco dos oito candidatos ás presidenciais pediron o voto para Glasso, mentres só un, o médico evanxelista Iván Espinel, de Fuerza Cambio Social, que tiña acadado un 3,17% o pediu para Moreno.
A sorte parecía botada, pero a política, unha vez mais demostra que é algo mais complicada que as matemáticas, e non sempre 2 mais 2 veñen a ser 4. Ás veces 5 e ás veces apenas 3.
Os apoios a Glasso nalgún caso, que se volveu decisivo, distaron de ir mais alá dunha mera declaración: é o caso do apoio testemuñal outorgado por Jaime Nebot, a súa candidata Cynthia Viteri e o seu partido. A falta de entendemento real entre Nebot e Glasso queda totalmente retratado nas veladas criticas verquidas polo primeiro á estratexia postelectoral do segundo de seguir insistindo, sen probas, na acusación de fraude electoral. 
 
E certos apoios por parte dos partidos da ala esquerda da oposición a Correa e Alianza PAÍS mais que sumar acabaron restando ao confundir ao electorado tradicional de Glasso, de clases medias para arriba, tal e como afirmaba a catedrática de FLACSO e analista política Isabel Ramos en El Telégrafo nunhas declaracións publicadas o 11 de abril.
 
Lenin Moreno, e o seu vicepresidente Jorge Glas, que tamén foi vicepresidente con Correa na súa última etapa presidencial, teñen ante si retos difíciles. No económico as políticas desenvoltas durante os últimos anos precisan dunha revisión en profundidade, xa que non parece que se teña acadado un cambio real sostible das bases económicas do país, cada día mais endebedado e cada día mais en mans de decisións que se toman en Pequín, con pouca capacidade de influencia por parte dun país de apenas 16 millóns de habitantes. En canto á situación política logo dun proceso que tensou á sociedade son necesarias políticas de acercamento á oposición, tentando acadar consensos nos temas estratéxicos que permitan superar a delicada situación económica. Lenin Moreno terá que continuar coas políticas de reforma da administración pública para chegar aos niveis de institucionalidade que unha sociedade que quere ser desenvolta como a ecuatoriana precisa, e isto abarca dende a loita contra a corrupción, ás políticas de seguridade cidadán, ou avaliar a excesiva rotación en postos de responsabilidade no goberno e na administración nos diferentes niveis de decisión (como anécdota ilustrativa dicir que a carteira de Cultura tivo 10 titulares durante os mandatos de Rafael Correa).
 
A vitoria de Moreno garante que as reformas que o país necesita faranse con sensibilidade social, e sen aprofundar na desigualdade que xa sufre, mantendo aquelas políticas que se teñen demostrado necesarias. A vitoria de Moreno, a vitoria de Alianza PAÍS, como antes o Frente Amplio en Uruguai, pon en evidencia, tamén, que a esquerda latinoamericana ten outros modelos nos que mirarse, tremendamente lonxe na práctica, aínda que non sempre nos discursos, da deriva ditatorial do chavismo en Venezuela ou do caudillismo encarnado polo presidente boliviano Evo Morales.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.