Piden á UE que investigue a xestión dos fondos europeos de proxectos en Ourense

Izquierda Unida quere que se investigue o diñeiro que foi a parar a proxectos que dirixía o líder popular Rogelio Martínez González.

Por Galicia Confidencial | | 04/05/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

As irregularidades en varios proxectos europeos en Ourense van chegar á UE. A eurodeputada  de IU, Marina Albiol, preguntará á Comisión Europea (CE) se vai levar a cabo medidas para investigar a presunta malversación de diñeiro público investido en proxectos financiados con fondos Leader en Ourense. Tamén vai demandar que a UE contacte co Goberno español para esixir explicacións sobre estas irregularidades vinculadas á construción dunha planta de biomasa e cinco obradoiros de artesanía en Arnoia, proxectos que estaban baixo a planificación e xestión de Rogelio Martínez González, home de confianza de Alberto Núñez Feijóo e o entón alcalde desta localidade.

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o ex delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron en 2014 no barrio do Couto as obras do novo edificio xudicial
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o ex delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron en 2014 no barrio do Couto as obras do novo edificio xudicial

Foi no mes de abril cando o xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ribadavia (Ourense) ordenou a apertura de xuízo oral contra Rogelio Martínez González, así como dunha decena de técnicos e particulares vinculados ao Partido Popular que presuntamente executaron unha trama corrupta para obter diñeiro público de fondos europeos. Martínez González era, daquela, o presidente do Grupo de Acción Local CEIVAM, encargado da xestión dos fondos Leader na comarca.

Ante a posibilidade de estar “diante dun patrón xeneralizado” de modelo de conduta, Marina Albiol preguntará á Comisión se “ten constancia das irregularidades cometidas no proceso de concesión de fondos e execución dos proxectos aos que lles asignaron os fondos Leader”. Ademais, a eurodeputada de IU incidirá en “que mecanismos ten a Comisión Europea para o control e seguimento sobre a concesión, execución e posterior funcionamento de infraestruturas construídas con fondos europeos e se foron activados para o caso citado”.  

“Dende Esquerda Unida consideramos que a Comisión Europea debería ter formas de control eficientes para asegurar que o diñeiro público da cidadanía non vai parar a petos privados, unha práctica corrupta que parece responder ao modus operandi do PP, partido envolto en casos de corrupcións”, indica esta formación nun comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta