Así afecta o po do Sáhara a Galicia

O noroeste peninsular é a zona menos afectada polas intrusións deste fenómeno. Ademais, A Coruña recibe menos po sahariano que Milán, malia estar 2.000 quilómetros máis preto de Marrocos. Un estudo relaciona o po sahariano en suspensión con taxas de mortalidade.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/05/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Galicia é a zona da Península Ibérica menos afectada polo po do Sáhara, un fenómeno con implicacións tanto en enfermidades respiratorias como no estudo da atmosfera ou o cambio climático. As tormentas de area chegadas do norte de África non só afectan á luz solar ou as temperaturas, tamén influén en diversas enfermidades, e non só as respiratorias, senón en todas as que se poden transmitir a través do po. Por iso é importante medir, analizar e monitorizar a frecuencia deste fenómeno e o seu impacto na saúde pública. Científicos do Departamento de Epidemiologia y Bioestadistica da Escuela Nacional de Sanidad do Instituto de Salud Carlos III, do Instituto Dom Luiz da Faculdade de Ciências da Universidade de Lisboa e do Departamento de Medio Ambiente do Centro de Investigaciones Energéticas, Medioambientales y Tecnológicas (CIEMAT) veñen de presentar un estudo sobre as intrusións de po sahariano en España e o seu impacto na saúde.

Nube de po sahariano vista desde o espazo
Nube de po sahariano vista desde o espazo | Fonte: Tim Peake dende a Estación Espacial Internacional.

Para o estudo, os investigadores compararon os días con intrusións de po e os días sen intrusións e agruparon os resultados por nove grandes áreas: Norte, Nordés, Noroeste, Centro, Suroeste, Sueste, Levante, Illas Baleares e Canarias. Así, para cada área obtiveron os valores diarios de mortalidade dos días nos que houbo intrusións de po e para aqueles nos que non, xunto coa porcentaxe de días nos que se deron intrusións con respecto ao número total de días analizados, entre os anos 2004-2009.

A zona noroccidental de España é a que mostra unha menor porcentaxe de días con intrusións de po sahariano, cun 9,6%; fronte ao 30,1% do sueste.

A frecuencia de aparición foi maior nas rexións máis meridionais da España continental, con valores do 30,1% no sueste e do 25,3% no suroeste, seguidos por Canarias cunha frecuencia de 22,4% días con intrusións. A zona noroccidental, a máis afastada do Sahara, foi a que rexistrou a menor porcentaxe de días con intrusións, cun 9,6%; esta zona inclúe as catro provincias galegas máis a provincia de León.

Un achado notable foi que as rexións Centro, Sueste e Suroeste, onde as intrusións de po foron máis frecuentes nos meses de verán, "son as únicas nas que existe unha asociación estatisticamente significativa coa mortalidade", mentres que "a excepción dáse na rexión Noroeste", aportan os científicos.

En xeral, os días con intrusións de po do Sahara son máis frecuentes no resto do ano que nos meses de verán, agás nas rexións Centro, Suroeste e Sueste de España. E as concentracións de partículas en suspensión son máis altas no resto do ano que nos meses de verán, agás no nordés e no suroeste.

Os científicos tamén observaron que a maioría das rexións analizadas revelan un marcado ciclo estacional, con máximos claros durante os meses de verán e mínimos no inverno, en particular os sectores meridional e central (Sueste, Levante, Suroeste) e menos claro en dous dos tres sectores do norte (Noroeste e Norte). As Illas Baleares presentan unha maior estación de intrusións, entre abril e outubro, mentres que o arquipélago canario presenta unha evolución estacional bastante diferente con máis eventos durante a metade de inverno e menos no verán.

MENOS PO NA CORUÑA QUE EN MILÁN

Os autores do estudo decidiron seleccionar unha soa provincia para cada rexión analizada, elixindo aquelas que proporcionaron calidade dos datos das partículas en suspensión e valores de mortalidade diaria suficientemente altos para permitir obter resultados estatisticamente representativos. Entre as capitais provinciais elixidas atópase, na zona noroeste elixiron A Coruña. Así, os científicos observaron varios patróns de comportamento diferentes.

O máis salientable é que A Coruña mostrou patróns moi similares aos de Las Palmas de Gran Canaria, sendo dúas cidades que non mostraron asociación entre a mortalidade e as partículas en suspensión nos días sen intrusións, pero que mostraron tal asociación en días con intrusións.

En Milán, situada a 2.800 km de Marrocos, a proporción de días con intrusións de po sahariano é do 11,7%, mentres que na Coruña, a 870 km, é de 9,6%.

Entre as cidades que non mostraron asociación entre mortalidade e partículas en suspensión, independentemente do feito de que puidese ou non haber unha intrusión de po sahariano, atópase, por exemplo, Palma de Mallorca; mentres que entre as que, alternativamente, mostraron unha asociación entre a mortalidade diaria e as partículas en suspensión en días sen intrusións pero non en días con intrusións está Bilbao.

Por outro lado, as cidades que mostraron unha asociación evidente entre partículas en suspensión e mortalidade diaria en días con e sen intrusións están Madrid, Málaga e Sevilla.

A análise dos datos, explican os autores do estudo, indican que os lugares máis próximos (sueste 30,1%) teñen unha maior frecuencia de días con intrusións de po que os que se atopan máis afastados (noroeste 9,6%). Con todo, este non é o único factor que inflúe na frecuencia dos días con intrusións de po sahariano. Tamén o son as situacións sinópticas e as traxectorias de masa de aire, como se describe neste estudo, decisivas á hora de xerar ou non intrusións de po sahariano. De feito, isto explicaría, segundo os autores do estudo, por que a proporción de días con intrusións de po sahariano en Milán (Italia), unha cidade situada a 2.800 km de Marrocos, é do 11,7%, mentres que na Coruña, situada a só 870 km de Marrocos, é do 9,6%.

Os resultados do estudo son recollidos no estudo 'Saharan dust intrusions in Spain: Health impacts and associated synoptic conditions', publicado no último número da revista científica Environmental Research.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta