Prazas gratuítas para participar nun Obradoiro de téxtil da artista Sara Coleman

Os interesados teñen dende o 8 ata o 13 de maio para enviar un correo a info.centrad@deputacionlugo.org, indicando o nome, dirección, profesión e teléfono.

Por GC Tendencias | Lugo | 05/05/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O Goberno da Deputación de Lugo ofrece 12 prazas para participar no Obradoiro de experimentación textil, impartido pola artista Sara Coleman, que se celebrará o 20 e 21 de maio no Centro de Artesanía e Deseño. O Executivo Provincial achega, totalmente gratis, esta formación que no mercado ten un custo de 300 euros por persoa.

Exposición de Sara Coleman na capela de Santa María de Lugo
Exposición de Sara Coleman na capela de Santa María de Lugo | Fonte: Deputación de Lugo

Os interesados poden realizar a súa inscrición dende o 8 ata o 13 de maio en info.centrad@deputacionlugo.org, indicando o nome, dirección, profesión e teléfono. A  selección de participantes realizarase por rigoroso orde de solicitude. Este “workshop” complementa á mostra URPHÄNOMEN da artista, que está exposta ata o 28 de maio na Capela de Santa María.

Este obradoiro de experimentación textil está dirixido a creativos de calquera das ramas relacionadas coa arte e o deseño: deseñadores de moda, interioristas, escaparatistas, escenógrafos, artistas e artesáns que queiran desenvolver o seu traballo por medio de técnicas textis. Durante as dúas xornadas, os participantes poderán profundizar nas relacións entre a arte, o deseño e a arquitectura, e xerar unha nova visión no textil, sinalándoo como material creativo e sensitivo que abre un novo campo para a experimentación de técnicas e procesos, onde o textil se sitúa como nexo fundamental.

Exposición

A Capela de Santa María acolle a exposición URPHÄNOMEN de Sara Coleman, na que afonda nas relacións que se establecen entre corpo, materia e espazo; entendendo a arquitectura como proxección do corpo e o téxtil como interface, esta obra recolle as relacións que se dan entre o “hábito” e o “hábitat”. Xorde así un xogo no que a arquitectura convértese en corpo e o corpo en arquitectura, nunha simbiose corporal-arquitectónica, onde o material téxtil sitúase como membrana, como epidermis.

O horario da mostra é de luns a venres de 10:30 a 14:00 horas, e de 17:00 a 20:00 horas. Sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas.

Sara Martínez “Coleman”

Sara Martínez, máis coñecida por Sara Coleman, é técnica superior en Artes Plásticas e Estilismo de Indumentaria, Másters en Xestión de Moda, Experta Universitaria en Formación, Cultura e Xestión de Moda, e Ilustración Experimental na Central Saint Martins. Técnica en Patronaxe e Escalado Industrial, Deseñadora de Vestiario para Artes Escénicas e Grado en Belas Artes pola Universidade de Vigo.

Tags: LUGO MODA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta