“Prohibir o eucalipto é unha medida cosmética para congratular ao electorado urbano desinformado”

Cando a Manuel Marey se lle cita a intención da Xunta de limitar o eucalipto nalgúns concellos do interior a resposta móvese entre termos como “salvaxada, expropiación sen indemnización e golpe a Galiza rural”. Representante da Asociación de Produtores de Montes de Castroverde asume que defender esta árbore está mal visto nas cidades, pero nesta entrevista argumenta que non hai outra alternativa económica mellor. Profesor da USC e enxeñeiro de montes, denuncia “exceso de celo” por parte da Xunta e miopía en parte da opinión pública.

Por M.V. | Castroverde | 16/05/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Na súa opinión, hai unha alternativa económica para o monte galego alternativa aos ingresos que produce o eucalipto?

Manuel Marey, segundo pola dereita, nunha reunión de propietarios de montes
Manuel Marey, segundo pola dereita, nunha reunión de propietarios de montes

No momento actual como alternativa económica, entendida esta como rendabilidade por hectárea ano, con "garantía de compra ou posta ou mercado" unha vez que a produción chega á idade aproximada de corta que iguale o eucalipto, a resposta é non. Outras alternativas con destino a produción de madeira con destino a industria de primeira transformación non acadan a rendibilidade económica do eucalipto ademais de presentar problemas no seu proceso produtiv; dende o punto de vista xenético, pragas, enfermidades; e de mercado ou comercialización, como por exemplo prezos por unidade, descenso no consumo, etc.  Falo do pino pinaster, pino radiata, chopos, castiñeiro con destino madeira, etc. 

Daquela todo o monte ten que estar a eucalipto?

Isto non quere dicir que todo o monte teña que estar a eucalipto, nin que en todos os sitios (estacións forestais ou parcelas de propietarios, como se queira escoller) se poida producir eucalipto (tanto das especies globulus como nitens). A día de hoxe se manexan outras opcións como pode ser o castiñeiro para produción de castaña que poden ter a súa viabilidade en certas zonas e pendentes da evolución dun mercado da castaña todavía, na miña opinión, demasiado feble, pero que hai que mellorar e que si pode ser interesante no futuro en algunhas zonas, pero que non vai ser unha opción para substituír as plantacións forestais adicadas a producción de biomasa que despois a industria forestal actual e futura debe aproveitar para (celulosa-papel, tabla, taboleiros, madeira estructural, biocarburantes, etc.)

Os datos oficiais indican que en Galicia cada propietario ten unha media de sete parcelas de 0,25 hectáreas. Se planto eucalipto nesas terras, poderían estimar canto beneficio e en que tempo poderían obter aproximadamente?

Asemblea de propietarios de montes de Castroverde
Asemblea de propietarios de montes de Castroverde

Non dispoño dunha resposta para esa pregunta, creo que ninguén dispón. Esas preguntas que son moi comúns son difíciles, por non dicir imposibles de contestar, pero non só para o eucalipto, senón que para calquera especie forestal -con máis incerteza por ser a máis longo prazo- pero tamén agronómica. Que prezo van ter as patacas en setembro de 2017? E as uvas? Alguén o sabe? Tamén se aplica a cultivos de máis longo prazo para producir., na actualidade o exemplo do ‘boom’ do pistacho. E tamén gandeiras: a que prezo vai estar o leite en 2018? ou a carne? Como os van afectar os cambios nas políticas agrarias en EEUU?

Esta unha pregunta trampa na que se ampara a actual Xunta de Galicia para xustificar as súas decisións de cara a produción de eucalipto. Dende un punto de vista técnico, económico, social e tamén ambiental é inxustificable. O que ten que facer a Administración Autonómica e a forestal e incentivar a inversión no territorio, que está moi abandonado. Apoiar a industria transformadora para que se modernice e poida sacar o máximo rendemento en termos económicos e sociais , é dicir postos de traballo. o que pode producir o noso país. Non é admisible tratar de desincentivar para que a xente non invista no sector primario e no territorio coa idea de que así desaparecen os problemas.

Mantiveron hai nada unha reunión con ENCE. Por que se decidiron a manter unha xuntanza con esta empresa?  

ENCE é o primeiro operador de madeira de Galicia (entre ela a de eucalipto), polo tanto nos como asociación queremos e debemos ter a máis fluída e directa interlocución co sector forestal. Neste caso ENCE foi a primeira que amosou o seu interese en coñecernos. A nosa intención e ter reunións coas outras industrias e tamén con asociacións de madeiristas e rematantes, serradoiros, empresas de taboleiros e as súas asociacións sempre que eles nos queiran recibir. Nos queremos ser un actor importante na cadea de valor do monte galego. Creemos que debemos ter a máxima interlocución co resto de axentes do sector para avanzar da forma máis correcta.

Si, pero cales son as conclusións que sacan da súa reunión con ENCE?

ENCE constatounos o seu claro e decidido interese na especie Eucalyptus nitens, considera que vai ser unha especie con longo recorrido industrial, diferentes a do Euclyptus globulus pero cunha forte demanda no presente e no futuro. 

Por que?

Hai dous claros argumentos. Primeiro en Europa no 2030 (momento de corta aproximado das plantacións que se fagan este 2017 no nos concello) estímase unha demanda de madeira en Europa de máis de 300 millóns de toneladas, e aí a nosa madeira vai ter acollida. Segunda os seus procesos industriais, e os de outras empresas, teñen capacidade e flexibilidade para adaptarse o consumo de madeira de nitens. 

No seu comunicado posterior a xuntanza con ENCE, vostedes denuncian a "actuación belixerante" da Administración Forestal. A que se refiren en concreto?

En primeiro lugar á inseguridade xurídica e a ameaza que supón estar definindo un muro de prohibición que deixaría na ilegalidade as plantacións dos concellos de Castroverde, Baleira e Baralla nas cales levamos investido moito tempo, esforzo e diñeiro por parte de pequenos propietarios que o único que fixeron foi tratar de co seu traballo por en produción as súas fincas.

Segundo, o ‘ninguneo’ ao que se nos someteu, despois de ter pedido reunións cos responsables da Xunta para expoñerlles de forma correcta as nosas demandas lexítimas non tivemos resposta directa e si indirecta (a outras persoas) nas que se nos cualificaba de que o problema de aplicar o decreto eran "catro concellos de nada"· Posiblemente, para os dirixentes agrarios, rurais ou forestais deste país non teñan importancia, pero para moitos dos 700 asociados que representamos, despois das súas familias, esas fincas sexa o máis importante que teñan pois son herdanzas de seus pais ou compradas legalmente por xente traballadora.

Por último, o que podíamos cualificar como "exceso de celo" da gardería forestal nos nosos concellos, non comparable a outras zonas de Galicia coa mesma lexislación. Nos últimos tempos se vixía e se denuncia todo aquelo que vulnera a lexislación, estamos de acordo, pero tamén se producen moitos casos de denuncias nas cales non está nada claro que se vulnerase a Lei. Ditas denuncias teñen como obxecto principal non que se cumpra o lexislado, senón o escarnio, a desincentivación e desorganización de xente das nosas aldeas.

Que lles parece o plan da Xunta para limitar a plantación de eucalipto en concellos do interior como os seus? 

Unha salvaxada, unha inxustiza, unha expropiación sen indemnización, un golpe máis a Galiza rural, adoece de calquera tipo rigor técnico, científico, social, económico e tamén ambiental. Responde a un acto dunha Administración Forestal fracasada e lacazana que non ten ningún tipo de interese por que Galiza sexa o que pode ser unha verdadeira "potencia forestal". Que non ten ninguha sensibilidade cos propietarios forestais, que incrementa a conflitividade e o abandono en zonas xa de por si moi abandonadas e que o único que busca e congratularse ou facer unha medida "estética/cosmética" co electorado urbano desinformado.

Unha das queixas dos críticos coa situación actual é que a Lei xa prohibe plantar eucalipto en terras de labrado, agrícolas; pero é evidente que hai moitas hectáreas deste tipo nas que se plantou, irregularmente, eucalipto e, sen embargo, a Xunta non persegue activamente aos infractores. Cal é o seu punto de vista sobre esta cuestión?

Totalmente de acordo. Nos soamente avogamos e defendemos que o eucalipto se poida plantar nos terreos de monte (de árbores ou de mato) e sempre cumprindo o que establece o planeamanto urbanístico que regula a escala parcela tódalas actividades que se poidan levar a cabo. Nos estamos en contra de que se planten zonas de labradura. 

O problema está que a deixadez da Xunta noutras zonas de Galicia a temos que pagar nós as consecuencias. Que en concellos de Galicia haxa un 80% da súa superficie a eucalipto, non pode ser culpa dos propietarios de Castroverde, Baleira e Baralla, polo tanto nós non temos porque pagar as consecuencias). O problema, na Galicia interior, está no abandono, quedan poucas explotacións gandeiras e non dan mantidoa uso gandeiro tódalas antiguas zonas de cultivo, ese é o problema. Moitos dos nosos asociados son tamén gandeiros e son conscientes da súa situación de continuidade na gandeiría, igual que a da súa parroquia e do conxunto do concello.

En resumo, plantar eucalipto nos prados nos nosos concellos, non. No futuro, hai que adaptar a lexislación a evolución dos usos gandeiros, agrícolas e forestais en cada concello e buscar a mellor alternativa para todos.

O eucalipto non é moi popular entre amplos sectores da sociedade galega. Non lles dá medo que sendo vostedes un dous poucos que saen en público na súa defensa, vostedes asuman o papel de seren "os malos da película"?

Si, somos conscientes da situación, sabemos cal é a imaxe do eucalipto na nosa sociedade galega en especial na urbana, porque na rural é outra, incluído moitos gandeiros. Sabemos que o longo do tempo foron moitos os que o atacaron e poucos (as veces ningún) os que o defenderon. Para nós o eucalipto é un "recén chegado" sabemos que non é ningún maná, pero sabemos que pode ser unha oportunidade e que sabemos como producilo, sempre que nos deixen, e por iso o defendemos.

Como se senten logo?

Voulle por dous exemplos para ilustrar que é o que nos move. O primeiro ten que ver coas películas do Oeste (os indios eran os malos e os vaqueiros os bos), cando se analiza con máis detalle e transcurrido o tempo, os papeis cambiaron, os indios defendías as súas terras e os vaqueiros non eran tan heroes. 

O segundo exemplo é máis ilustrativo. Cando nunha reunión unha señora pensionista da agraria (640 €/mes + complemento por viuda en total uns 780 €/mes) coméntache que gracias a uns pinos e eucaliptos que vendeu puido axudarlle a súa filla (no paro) o seu xenro (camareiro) e os seus dous netos (un na universidade e outro en FP) pois cambia a perspectiva do que é e significa o eucalipto. Ou cando un gandeiro che di que para poder manter viva a explotación o ano 2016 (prezos mínimos do leite) foi gracias a finca de eucaliptos que plantara seu pai. Todo isto é o eucalipto, isto é o que nos anima a defender non o eucalipto senón a dignidade de poder producir nas nosas terras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 12 comentarios

12 Natalia

Pois iso menos eucalipto e mais sacho, que xa está ben de tanto monte sin xestionar, da igual o que se lle poña, o ideal e xestionalo para que non sea pasto do lume. Porque a madeira do eucalipto arde si pero tamen os toxos e as xestas, e o rural galego cada ano está mais abandonado, e con estas políticas, está claro que non vai mellorar

11 anonimo

Ecoloxistas de pacotilla na Mariña que consideran ó eucalipto o causante da fin do mundo calan cando ven esa enorme lagoa de lama vermella con sosa cáustica e máis outros tóxicos que ensancha Alcoa tódolos anos e as praias de San Cibrao e Lago aparece cobertas dese pó vermello coas descargas de bauxita, e o flúor que sae das súas chemineas. Pero os cartos e as boas nóminas conseguidas a base de cabritos e xamón calan moitas bocas ecoloxistas de pacotilla. Tamén coñezo a decisión que tomou o Principado de Asturias, prohibindo o nittens e acabouse. Este señor quere un quítate tí, que me poño eu, porque debe ter intereses en patentes de obtencións vexetais de nittens resistentes a baixas temperaturas. Incoherencias de non podemos saber o que custan as patacas o ano que ven, pero sí que en Europa haberá no 2030 moita demanda de productos do nittens.

10 Saulo

QUen lle paga a este señor Marey?

9 Marley

Foi o que eu repetin o xuiz: "nin raios sabía o que tiña prantado no monte. Só sabía que cada tempo tiña que mandar curtar as prantas, e isos cartos non declarados axudaban a economía familiar". Mais cá...o xuiz non quixo tragar...e iso que non cobro a agraria, nin complemento por viudedad. Aupoño que coma os indios a historía vaime absolver.

8 Pregunta

A tope con ENCE pois. E a que foi Procesiones apoiar o alcalde tránsfuga do goberno pepeiro de Miño? Agora entrou en Marea Podemos de IU CC.OO?