Como a Xunta e as empresas privadas controlan a información dos sinistros en Galicia

O accidente de Angrois supuxo un antes e un despois na difusión de información sobre accidentes, lumes e catástrofes. Actualmente, empresas e Xunta “fiscalizan” e “peneiran” os datos que lle chegan aos medios de comunicación. Os bombeiros piden maior “transparencia” á hora de informar.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 16/05/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O 24 de xullo de 2013 tivo lugar en Angrois o accidente ferroviario máis tráxico de Galicia. 80 persoas morrían  por un sinistro que aínda segue sendo investigado nos tribunais, tras ordenar Bruxelas a súa reapertura. Aquel incidente supuxo un antes e un despois no acceso a información de accidentes e sinistros.

Protesta dos bombeiros
Protesta dos bombeiros | Fonte: unidadcivicaporlarepublica.com

A través do sistema 'Remoto 112', os distintos profesionais dos corpos de emerxencias de Galicia informaron en tempo real da tráxica situación. Un bo exemplo para a sociedade que nese momento demandaba toda a información posible, pero non tanto para as administracións. De feito, a partir de entón, a Xunta ideou un novo sistema de “control da información” que privou a bombeiros e persoal de emerxencias da posibilidade de informar en tempo real de graves sucesos que acontecían no país.

Unha situación que se viu cos grandes lumes que afectaron a Galicia no 2015 e que só se puideron coñecer a través de grupos de Facebook ou de whatssap e que chegaron en, moi contadas ocasións, ao conxunto da cidadanía galega.

Precisamente, o cambio do modelo informativo despois do accidente de Angrois supuxo un control da información por parte da Xunta e das empresas privadas que xestionan determinados servizos públicos, como os parques comarcais de bombeiros ou o 112. “Antes podíamos mandar información en tempo real”, lembra Xabier Villar, voceiro da Mesa Intersindical de bombeiros de Galicia. “Retiraron o sistema anterior porque dixeron que estaban traballando nunha versión nova que tardou un ano e cando chegou viña cunha cláusula de confidencialidade que nos botou atrás a todos”, indica.

Esta “claúsula de confidencialidade” implica que os bombeiros son os responsables da información que xeran e que, ante calquera denuncia, sobre eles pode recair unha responsabilidade civil ou penal. “Eles buscaban controlar a información, saber quen a daba e, ao final, utilizando esa trécola da protección dos datos conseguírono”, suliña en declaracións a Galicia Confidencial.

Manifestación dos bombeiros contra a privatización
Manifestación dos bombeiros contra a privatización | Fonte: CIG

Unha situación que se volve a repetir cun “procedemento de comunicación” que a empresa Veicar, adxudicataria de varios parques comarcais de bombeiros e servizos de emerxencia con diferentes Gobernos galegos desde a época de Manuel Fraga, quere poñer en marcha nas súas instalacións de Ourense. Actualmente emprega a 220 bombeiros que están xestionados de xeito público pero que traballan para distintas administracións, desde Xunta ata deputacións. 

Protocolo de Veicar en caso de información

Curiosamente, este novo “protocolo” de actuación foi remitido o pasado 10 de marzo, uns días despois de que Galicia Confidencial publicara unha información sobre material abandonado e mercado con fondos europeos nun dos parques que xestiona, o de Verín. 

O documento apunta que os xefes de servizo, de quendas ou bombeiros non poden informar á prensa, nin tampouco o persoal de limpeza. Só se poderán enviar comunicados de intervencións con carácter grave e non se poderá aludir a situacións laborais tal e como recolle o documento completo ao que se pode acceder aquí.

“En las mismas –notas de comunicación-- no habrá ninguna muestra de subjetividad, ni se harán referencias a datos no probados, ni posibles causas hipotéticas, se mantendrá siempre una imagen de calma, y se evitará realizar comentarios que puedan crear discrepancias”, recolle o documento. Ademais, advirte de que están “expresamente prohibidas” manifestacións “de corte laboral” ou que supoñan críticas aos procedementos”. 

A empresa fai responsable do que se poña nese comunicado ao encargado do mesmo, que, probablemente, sexa o xefe do parque de bombeiros respectivo ou o xefe da quenda do día. Estes comunicados serán remitidos a un listado de medios facilitado polos xefes dos parques que inclúen, a priori, só medios comarcais, entre os que destacan, no caso de Ourense, La Región, La Voz e Faro de Vigo.

“Copia” doutros protocolos

Sobre esta circular interna, a empresa apunta que non ten que ver con ningún tipo de información concreta e que se fixo así xa con outros parques de bombeiros. De feito, a circular remitida a Ourense a comezos de marzo, é “unha copia” doutros protocolos que xa funcionan noutros consorcios provinciais, nomeadamente, no de Lugo.

Fontes da dirección consultadas por Galicia Confidencial indican que o borrador é “un procedemento, documento vivo que se pode ir mellorando”. “Inscribíronse os medios que pasaron os xefes de cada parque como habituais, pero xa se fixeron algunhas ampliacións na lista. Non hai ningún veto a ningún medio. Ao contrario cantos máis medios mellor para o servizo. O que se quere evitar é que eses comunicados pasen a foros públicos ou que non teñen que ver con medios”, engade. 

Outras fontes da empresa consultadas indican que os bombeiros non poden dar a súa opinión sobre as incidencias que atenden porque “non están autorizados a dar información”. Iso dependerá, segundo o protocolo, dos xefes de cada parque, ou, no mellor dos casos, dos xefes de cada quenda. “Eles poden atender chamadas do 112 pero non informar aos medios porque eles mesmos tamén dixeron que non era o seu traballo”, suliñan.

Control da información

O protocolo de Veicar non é máis que outro sistema para “controlar” a información. Así o cre Xabier Villar que asegura que “é o mesmo que xa se viu despois do Alvia e agora co 112”. “Aquí o que interesa é que se vexa que todo funciona de marabilla”, sinala.

Non é a primeira vez que protocolos deste tipo son realizados por esta e outras empresas noutros parques. O obxectivo é “controlar” a información.  “A nós nos piden que fagamos esa nota para logo estar fiscalizada pola empresa e logo pola administración e que logo os demais compañeiros non falen cos medios. E logo a responsabilidade é de quen a fai”, sinala.

De feito, Villar recoñece que este tipo de “protocolos” están conseguindo o seu efecto porque moitos bombeiros evitan xa dar información aos medios. Os parques que xestiona Veicar en Ourense están, agora, en plena negociación do convenio colectivo. Os sindicatos pediron que se retirara ese protocolo “pero a empresa non está pola labor”.

E como poder saltar esa “censura”?

O voceiro da Mesa Intersindical dos Bombeiros de Galicia ten clara que unha información “transparente” e xestionada desde o 112 sería o mellor xeito de que a sociedade estivera informada do que acontece sen ningún tipo de “censuras”. “Así se podería coñecer cando ten lugar un aviso de emerxencias, o tempo de resposta, o servizo que se realiza...”, apunta. “E todo se pode facer salvando, obviamente, os datos persoais”. 

“O importante é que ese sistema sexa transparente e claro”, insiste. Se Xunta e empresas privadas accederan a que esta información non fora “controlada”, entón podería ser persoal propio e formado para iso o que se encargara de distribuíla. “E unha vez superadas esas reticencias pois xa podería ser calquera bombeiro cumprindo, obviamente, certos protocolos”, conclúe. 

Parque de bombeiros comarcal de Santiago a medio rematar nunha imaxe do Google Street View
Parque de bombeiros comarcal de Santiago a medio rematar nunha imaxe do Google Street View
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Enxeñeiro informático

Como di o voceiro o lóxico sería informar desde o 112. Só ten que comezar a funcionar ben dunha P**A vez a chapuza de A Estrada e deixar de ser un negocio privatizar (pagados con cartos públicos) os servizos de seguridade e rescate porque isto xa é o colmo. A ver canto tardan en privatizar a policía.