O Breo, en semifinais

O Cafés Candelas gaña con moito sufrimento 73-71 a Palma no quinto partido e clasíficase para a seguinte rolda. O venres, de novo no Pazo e con vantaxe de campo, contra Burgos. Thomas Bropleh, o mellor con 23 puntos e 5 triplas nos lucenses.

Por gcdeportes | Lugo | 16/05/2017 | Actualizada ás 23:02

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Cafés Candelas Breogán 73:
Josep Franch (5), Rafa Huertas (9), Thomas Bropleh (23), Pep Ortega (2), Matt Stainbrook (2) –cinco inicial- Iván Cruz (8), Lobito Fernández (7), Salva Arco (2), Gilling (13) e Sergi Quintela (2).
Palma Air Europa 71: Mikel Uriz (22), Carles Biviá (19), Zengotitabengoa (3), Roger Fornás (12), Serrano (9) –cinco inicial- Grabauskas (3), Javier Medori (3) e Vicens (0).
Parciais: 19-16, 18-17 (37-33), 17-21 (54-54), 19-17 (73-71).
Árbitros: Germán Morales Ruiz e Esperanza Mendoza Holgado. Sen eliminados.
Incidencias: quinto partido dos cuartos de final do play-off de ascenso á ACB no Pazo Provincial dos Deportes ante máis de 4.000 espectadores.

Con moito sufrimento, de tan só dous puntos no quinto partido e sen anotar nos tres útimos minutos, pero o Cafés Candelas Breogán xa está en semifinais tras vencer 73-71 a Palma. Bropleh anotou unha tripla a 2.51 do final e os lucenses puxéronse 73-67. Non volveron anotar, con Bropleh de xeito sorprendente no banco. Os baleares achegáronse a 73-71, pero Rafa Huertas taponou unha entrada a canastra de Carles Biviá e Palma errou os dous últimos ataques. O Breo respirou aliviado tras tanta tensión acumulada, tras remontar un 1-2 con dúas vitorias consecutivas, unha en Palma e outra no Pazo. Burgos, moito máis descansado tras gañar 3-0 a súa eliminatoria contra Melilla, será o rival en semifinais, con vantaxe de campo para os lucenses. Venres e domingo arrincan as semifinais no Pazo.

Os xogadores lucenses celebran co Pazo o pase a semifinais.
Os xogadores lucenses celebran co Pazo o pase a semifinais. | Fonte: @CBBreogan

O Breo sobreviviu a corenta minutos en zona do rival, e a un impresionante 62% de acerto do Palma nas triplas (13/21). Carles Bivià, 5/9; Mikel Uriz, 3/3; e Roger Fornàs, 3/3. Os lucenses atascáronse por momentos fronte á pechada defensa rival (8/21 nas triplas), lastrados polas escasas prestacións de Salva Arco e Matt Stainbrook. Decisivos foron Thomas Bropleh, con 5 triplas para 23 puntos e 7 rebotes, e Jonathan Gilling, con 13 puntos. Case sempre por diante no marcador, cada vez que o Breo tentaba escapar no marcador, chegaba a tripla visitante.

Cun parcial de 8-0, tras triplas de Franch e Huertas, arrincou o partido. Palma respostou cun parcial de 0-10 e obrigou ao tempo de Natxo Lezcano con 11-15. Con outro 8-0 de parcial, Breo chegou 19-16 ao remate do primeiro cuarto. Bivià e Uriz sumaban de tres en tres, pero os lucenses mantíñanse arriba (32-29) tras cinco puntos de Gilling. Palma parou o partido con 34-29, e Bropleh pechou o segundo cuarto cunha tripla: 37-33.

Outra tripla, tres tiros libres sen erro, un 2+1… Bropleh anotou os 11 primeiros puntos do Breo na reanudación, pero dúas triplas de Carles Bivià e outra de Fornàs mantiñan o marcador igualado (48-47). Arco anotou a súa única canastra (50-47), pero as triplas de Fornás e Uriz puxeron por diante a Palma (52-54). Aos dez últimos minutos chegouse con 54-54.

Podían os nervios cos de Lezcano, que tivo que parar o partido con tan só minuto e corenta segundos disputados do último cuarto e 58-59 no marcador. Rafa Huertas desatascou o ataque lucense coa súa terceira tripla, catro puntos de Gilling e outra tripla de Bropleh, e Breogán acadaba unha pequena renda: 68-62. Xavi Sastre parou o partido, Stainbrook anotou a súa única canastra (70-64) e Bropleh respostou dende 6,75 á tripla de Medori (73-67). Non anotou máis o Breo, pero Palma tras achegarse ao 73-71 definitivo tampouco estivo acertado. O Breo esgotou a última posesión e a Palma non lle quedou tempo para máis. O Pazo respirou aliviado.

Rafa Huertas, autor de tres triplas, tira a canastra.
Rafa Huertas, autor de tres triplas, tira a canastra. | Fonte: @CBBreogan
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta