A titánica resistencia dos medios en galego a pesar do ambiente hostil da Xunta

A Asociación de Medios en Galego lamenta a discriminación do Goberno de Feijóo fronte aos medios que usan o español, que reciben centos de milleiros de euros por usar tan só un 5% de espazo para a lingua galega.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/05/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Un día do galego para os medios en español. Niso se ten convertido o 17 de maio para os principais medios de Galicia escritos en español. E iso é o que denuncia a Asociación de Medios en Galego (Amega); o uso de datas simbólicas para que as grandes familias mediaticas do país presuman da súa galeguidade con portadas en galego. Aínda que sexa só unha ao ano. Un xesto moi ben pagado pola Xunta que destina “migallas” para os medios en galego dos millóns de euros que reparte en concepto de publicidade institucional. E este 17 de maio non é unha excepción.

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua
Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua | Fonte: queremosgalego.com

A Xunta publicou o último día hábil do pasado ano a resolución das súas subvencións aos medios para promocionar a lingua galega que sumou 201.000 euros nos que usan exclusivamente o galego fronte aos 1,6 millóns dos que o fan en español. Esta diferencia de importe prodúcese malia que en teoría as dúas liñas de subvención comparten un fin: apoiar a difusión de noticias en galego.

Cuantiosas subvencións por publicar un 5% en galego

Para cobrar as subvencións, aos medios escritos en castelán chégalles con ceder á lingua propia un 8% do seu espazo total, que en moitas ocasión non se cumpre, xa que algúns deles nin superan o 5%. Ademais, tamén poden recibir axudas polas súas edicións dixitais.

A convocatoria de axudas para medios en galego crea unha serie de barreiras pola que na práctica case toda a prensa dixital e emisoras de Radio e TV en galego queda excluída. A diferencia é que só se conceden a medios con edicións en papel. Resultado: a prensa dixital en galego suma pouco máis 3.400 euros de axudas. 

Pola contra, a prensa en español supera amplamente o millón de euros por, supostamente, escribir en galego. E esas axudas son á marxe doutras axudas millonarias que perciben en base a distintos convenios co goberno galego durante todo o ano.

A Amega tamén denuncia que a “estas dirixidas subvencións únese a política arbitraria da publicidade institucional para estas datas” e critica que o PP, pese a telo prometido en varias ocasións, négase a aprobar unha Lei de Publicidade Institucional.

As verbas de Feijóo

“Nós non queremos esmorecer. Nós non estamos esmorecendo. Galicia vén de lonxe e vai para lonxe, e nesa longa andaina nosa polos séculos, o idioma dános forzas e axúdanos a lembrar o que somos. Ese idioma é un monumento colectivo, sempre inacabado e onde todos teñen cabida". Eran as verbas institucionais do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo hai uns anos no discurso oficial do Dia das Letras.

Unhas verbas máis contundentes expresaba moito antes o homenaxeado deste ano nas Letras Galegas, Carlos Casares.  “Escribo cunha clara conciencia política frente ao castelán, que é a lingua imposta. Esto téñoo moi claro. O bilingüismo non o acepto, ao máis podo disculpalo, e non sempre. Aínda non atopei a ninguén que me poidera demostrar que o bilingüismo é politicamente válido. A lingua dos galegos é o galego e eu, dende o meu oficio de escritor, estóu a defender esa lingua con todas as miñas forzas e todos os meus coñecementos”, suliñaba.

Pero a pesar diso, o bilingüismo –agora trilingüismo coa presenza do inglés--, segue a ser a batuta máxica coa que a Xunta quere solucionar o problema lingüístico. E a pesar da falta de axudas institucionais e o favoritismo institucional dos medios en español, os medios en galego tampouco van esmorecer. “Non queremos esmorecer. E seguiremos a nosa andaina, coa axuda ou sen a axuda do Goberno galego que, a pesar de que por lei debe apoiar aos medios escritos na lingua do país, de facto discrimínaos”, conclúe o comunicado da Amega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta