Momentos de definición

Vale, dediquémonos todos a dicir o que queremos oír e que ninguén fale, nin pío!, do que inevitablemente hai que tratar: Encima temos unha crise económica cuxos riscos de colapso total xa están moi á vista.

Por Xoán Vázquez | New yersey, EE.UU | 24/04/2010

Comparte esta noticia

Mais nós nada, cegos, non sei se de avaricia, ignorancia ou ineptitude, de costas a realidade máis elemental: no meu non toca nin dios!, sigamos chuleándonos de ricos, gastando o que non temos; así nos vai.  

Aínda que no goberno do Estado houbera a suficiente loucura, que a hai, para endebedarse aínda máis -se é que cabe- e así continuar pagando polo que non podemos pagar, sen facer unha análise seria de como consolidar e mellorar os servizos e a atención á cidadanía  -que creo que deso se trata-,  a cotización da débeda nos mercados financeiros internacionais está a piques de nos esixir a  adopción de medidas sociais que ninguén quere mencionar -xas as mencionaremos-, e cuxas consecuencias é arrepiante só nelas pensar.  Non vou aburrir a ninguén mal-contando a xa tan abusada fabula da galiña dos ovos de ouro, abonde con dicir que a nosa ten a machada moi ao carón do pescozo: un 20% menos da poboación contribuíndo as arcas do Estado, non obstante, o gasto de Estado, viva Perón! Para cantos andaren esquecidos de como remata o conto, que agarden un chisquiño que axiña Grecia lle vai dar un repaso, e se quedaran puntos por aclarar, aí veñen Irlanda e Portugal. Non queda aí a cousa.

Non é preciso ter as credenciais dun Paul Krugman para darse conta que estamos a límites; abondaría con abrir os ollos, se houber vontade de ver o que hai diate. E, conste, os ollos ímolos abrir, iso está claro. O que non está tan claro é se os abriremos nun ámbito de razoamento, solidariedade e prudencia, ou se imos esperar a rebentar os fociños contra a nosa propia ineptitude; ou sexa, cando as letras do Tesouro estean por quilo ao prezo do papel de limpar o traseiro e teñamos que envorca os últimos reductos de dignidade aos pés da Unión Europea, coa esperanza de que nos solten catro migallas que nos axuden a saír dunha miseria, que aínda cando de conxuntura e natureza global, as máis das consecuencias están sendo claramente auto inducidas.
 
Pobre concepto da realidade quen pensar que cun 20% da cidadanía no paro (19,7% son as estimacións do Banco de España para o 2011)  aínda vive nun país que non está esbandallado. Non sendo isto nada novo, agás nos anos da gran desfeita do caos urbanístico da especulación salvaxe de corrupcións inmensurables, no que atinxe ao paro e a precariedade laboral sempre divagamos nos vieiros da mediocridade, e aínda aí na peor das compañas: nepotismo e endogamia. E, a consecuencia diso, asfixiante pobreza e  ignorancia. Para maior desgraza do noso país (enténdase Galicia), estes causantes confluíron na desfeita por antonomasia: a diáspora.  A pobreza superámola, a medias, e só a medias -que ninguén corra a repicar as campás anunciando as boas novas, pois en Ourense un 40%  da poboación aínda vive na pobreza (Cáritas dixit)-,  e tamén a ignorancia, a medias, tamén. O nepotismo e maila endogamia aí se quedaron, permanentemente incrustados no noso panorama. Cancros inextirpables. Non é coincidencia que España sexa o único estado da Unión Europea cun índice de paro que desborda os límites da razón; velaí a maldición do nepotismo; velaí a podremia da endogamia. Non hai outra explicación. Logo, é imprescindible mudar de dirección e buscar compañías máis acertadas. Mais os cambios necesarios e inevitables nos paradigmas e  modelos sociais, económicos e fiscais, son coma as doenzas máis temerarias: difíciles de aceptar, propensos a fomentar a fe nus milagres que nunca se han materializar, e, sobre todo, degradantes da integridade física e emocional; ou sexa, a primeira víctima é a obxectividade. Canto máis tardamos en lle meter o bisturí máis nos afastamos das posibilidades reais de as sobrevivir; para xa no peor dos casos, dominados polo comprensible medo e dúbida, deixarnos levar á inevitable debacle irreversible. E sabendo iso, como de feito o sabemos, e non actuar en consecuencia, como de feito non se está actuando, incidimos  nunha neglixencia  verdadeiramente irremisible
 
Ou actuamos ou perderemos o tempo de reflexión anhelando promesas inalcanzables e esquivando infernos ineludibles, progresivamente adentrándonos noutros cada vez máis viles e difíciles, seducíndonos cada un a continuar na senda da auto destrucción ata que nos atopemos perante o derradeiro, para xa alí todos axeonllar e morder na amarga realidade do esborralle colectivo, e erguernos perante un horizonte de desolación pobreza e decadencia: abonde con mirar o que está acontecendo en Grecia. Se nos deixamos levar pola soberbia a ineptitude e a mesquindade,  non caiba dúbida que ese é o futuro que nos agarda, se cadra  tamén o que merecemos.

Son estes momentos de definición: ou somos un Estado de Dereito, solidario e adherido aos valores socialdemócrata, ou unha xuntanza de mafias organizas; as dúas cousas ao mesmo tempo, imposible!  E aclaremos: progresista no é –nunca foi - sinónimo de suicida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/