O disputado voto da emigración

O anuncio público do principio de acordo acadado nunha subcomisión do Congreso dos Deputados sobre posíbeis cambios normativos a respeito do voto dos residentes ausentes, provocoume unha dupla sensación de sorpresa e satisfacción.

Por Xesús Veiga | | 25/04/2010

Comparte esta noticia

Despois de moitos anos de cuestionar a congruencia e a transparencia democráticas dos sufraxios emitidos polas persoas que forman parte do chamado CERA, constatei, con ledicia, que PP e PSOE tiñan reconsiderado as súas posicións tradicionais e propuñan unha reforma da lei electoral que concentraba o exercicio do voto dos residentes ausentes nas eleccións xerais mediante a creación dunha específica circunscrición no Senado e contemplaba unha metodoloxía de votación (urnas e solicitude de voto por correo) semellante á que rexe no caso do censo ordinario de residentes.

Pensei que nunca é tarde se a nova é tan boa como a que se publicaba nalgúns medios de comunicación.Coa regulación que se anunciaba non se repetiría un episodio como o que se viviu nas eleccións ao Parlamento de Galiza de 1989 cando Alfredo Suárez Canal perdeu o seu escano por mor dun sospeitoso –por elevado- número de votantes “exteriores” rexistrado exclusivamente na circunscrición ourensán.Tampouco podería ter lugar a perigosa situación que case se rexistra nos comicios do 1 de Marzo do pasado ano:o cambio na asignación dun deputado despois do reconto do CERA e a conseguinte modificación da maioría parlamentaria resultante.

O gozo durou pouco.Coma case sempre.Ante a reacción de varias asociacións de emigrantes –sobre todo, as mais vinculadas ao Partido Socialista- os dous partidos que gobernaron no Estado non semellan decididos a consagrar definitivamente o pacto inicial.Sementaron, entre a emigración, ventos de demagoxia e agora recollen treboadas de protestas de moitas persoas que acreditaron no interesado discurso de que o dereito a voto –e o seu adecuado uso- era a contrapartida que abría as portas ao dereito a recibir distintas prestacións (pensións, sanidade, servizos sociais) financiadas polos recursos das administracións públicas existentes no Estado español.

As organizacións de emigrantes non se fían dos partidos que ofrecían cheques asistenciais a cambio de votos e pensan que se as papeletas perden importancia decisoria as axudas dispostas polos gobernos peninsulares sufrirán unha diminución proporcional co paso do tempo.Non lles falta razón para ter esa prevención.A pedagoxía do PP e do PSOE ten sido nefasta.No canto de diferenciar os dereitos que se deben contemplar para as familias que padeceron o drama da emigración sequera fose como pago da singular débeda histórica contraída con elas, as dúas organizacións políticas dominantes optaron por vincular, de facto, a vixencia desas contrapartidas co recoñecemento xeralizado do dereito de voto, exercido, ademais, nunhas condicións de evidente falta de  limpeza democrática.

A liorta aínda non rematou.Xa veremos se trunfan, finalmente, os criterios favorábeis a unha rexeneración substancial dos procesos electorais na emigración ou se estamos condenados a seguir instalados na obscena mercantilización política desa masa de potenciais votantes que figura nas avultadas listas do CERA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.