Berizzo marcha do Celta

O adestrador arxentino confirma a súa saída do club celeste e mañá despedirase da afección no último partido de Liga ante a Real Sociedade. Juan Carlos Unzué, segundo de Luis Enrique no Barça, principal candidato a substituílo. "Fixen moita forza por quedar", recoñece Berizzo.

Por gcdeportes | Vigo | 20/05/2017 | Actualizada ás 12:29

Comparte esta noticia

A decisión xa estaba tomada hai días, pero o Toto Berizzo fíxoa oficial este sábado, véspera do último partido de Liga fronte á Real Sociedade en Balaídos. Remata deste xeito unha etapa frutífera de tres anos, unha das mellores do club celeste, no que o equipo chegou a dúas semifinais consecutivas na Copa e, por primeira vez en 94 anos da súa historia, ás semifinais da Europa League, onde caeu co Manchester United.

O futuro de Eduardo Berizzo podería estar no Sevilla, mentres que Juan Carlos Unzué, segundo de Luis Enrique no FC Barcelona, sería o mellor colocado para facerse cargo do banco celeste a vindeira campaña.

Berizzo aplaude á afección celeste.
Berizzo aplaude á afección celeste. | Fonte: @RCCelta

"Fixen moita forza por quedar. Comporteime con honestidade profesional. Non teño ningún plan B, nin tiven nin terei. Toda a miña enerxía estaba posta en continuar aquí porque é un lugar que adoro. Agora, a casa”, dixo o adestrador celeste, que non quixo desvelar as causas da non renovación. “O contido das conversas é privado”, sentenciou.

“Se vexo que son valorado, encatariame seguir aquí”, dixo hai unha semana Eduardo Berizzo. O consello de administración presidido por Carlos Mouriño non atendeu ás peticións do técnico arxentino, tanto en cuestións económicas coma, sobre todo, nas deportivas, racháronse as conversas entre as dúas partes o pasado mércores e o Toto Berizzo anunciou este sábado a súa marcha do Celta.

Ao mesmo tempo que o Toto Berizzo anunciaba en rolda de prensa a súa decisión, o club celeste confirmaba a nova no seu twitter: "Berizzo no seguirá en el RC Celta. Eterna gratitud por su entrega, implicación y pasión. #GrazasToto!"

Berizzo, que foi expulsado, volveu reservar os titulares para o decisivo partido en Manchester.
Berizzo, que foi expulsado, volveu reservar os titulares para o decisivo partido en Manchester. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta