Científicos galegos achan diferenzas entre Coca-Cola e Pepsi claves para a súa calidade

Investigadores das universidades de Vigo e Gante analizaron as propiedades dieléctricas destes refrescos e descubriron diferenzas no seu comportamento electromagnético. Estas probas poden ser importantes para corrixir defectos na produción e para ter un maior control da calidade deste tipo de bebidas tan populares. Íñigo Cuiñas, catedrático da UVigo, explica a GC os detalles deste experimento.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 31/05/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

As propiedades físicas dun alimento están relacionadas coa composición química do mesmo. Entre as propiedades fisicas destacan as dieléctricas: constante dieléctrica ou capacidade dun alimento para almacenar enerxía eléctrica e factor de perda dieléctrica ou capacidade dun alimento de disipar a enerxía eléctrica en forma de calor. No caso dos líquidos, a súa caracterización electromagnética pode ser de grande interés para as empresas que producen bebidas para o mercado, xa que proporciona información sobre a súa calidade. Partindo desta idea, un equipo de investigación formado por científicos do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e do laboratorio IDLab (Internet Technology and Data Science), do Departamento de Tecnoloxías da Información da Universidade de Gante (Béxica), analizaron a caracterización electromagnética das dúas bebidas de cola máis famosas do mundo e eternos rivais: Coca-Cola e Pepsi. E atoparon que "aínda que todas as variedades seguen a mesma tendencia, os resultados mostran claramente que existen diferenzas no comportamento electromagnético das dúas marcas e das súas diferentes variedades".

Coca-Cola vs Pepsi.
Coca-Cola vs Pepsi.

Os autores da investigación consideran relevantes os seus resultados, xa que, din, estas empresas mutinacionais "poderían usar este coñecemento para optimizar os seus procesos de produción", controlando a calidade do produto "en tempo real".

Un bo xeito de coñecer as características dun líquido, explican os responsables do experimento, é medir as súas propiedades dieléctricas. "Isto dános unha idea do que acontece coa enerxía electromagnética (é dicir, a onda electromagnética) que se propaga a través do líquido", clarifican. Deste xeito, pódense identificar anomalías e diferenzas substanciais entre dous produtos aparentemente moi semellantes.

No experimento analizaron as propiedades dieléctricas das diferentes variedades de produtos de Coca-Cola e Pepsi en latas: a cola normal, a light, a zero, a sen cafeína e a de limón. As medicións realizáronse a varias temperaturas entre 0 e 60 grados centígrados e en períodos posteriores á apertura das latas: 0, 6, 24 e 48 horas. O rango de frecuencia aplicado foi de 0 a 20 GHz en pasos de 200 Hz. O traballo experimental revelou que todas as variedades seguen a mesma tendencia decrecente a medida que aumenta a frecuencia, con valores iniciais e finais da constante dieléctrica cercanos aos da agua regular. Con todo, malia que todas as variedades seguen a mesma tendencia xeral, hai "diferenzas visibles".

"A única diferenza notable entre as marcas é que a altura dos picos é menor para Pepsi que para Coca-Cola. É posible que unha ou máis substancias na composición das bebidas faga que o líquido almacene máis enerxía a estas frecuencias", expoñen os autores do estudo.

Diferenzas dieléctricas entre Coca-Cola e Pepsi
Diferenzas dieléctricas entre Coca-Cola e Pepsi | Fonte: Gaspard et al., en Measurement 107 (2017) 111–119.

Os científicos consideran que estes experimentos "poden ser útiles para moitas empresas para apoiar o seu proceso de produción". Así, din, "poderían detectar defectos antes de que os líquidos deixen a empresa [cara ao mercado] e reducir así a perda de ingresos".

Os resultados do estudo publícanse agora na revista científica Measurement (volume 107, setembro 2017, páxinas 111–119) co título 'Electromagnetic characterization of cola drinks', asinado por Tim Gaspard e Jo Verhaevert, da Universidade de Gante, e Alejandro Cuevas, Isabel Expósito e Íñigo Cuiñas, da Universidade de Vigo. Con este útimo falamos para coñecer un pouco mellor este traballo.

"Un procedemento para detectar cambios na composición dun produto durante a fabricación sería de grande utilidade para o control da calidade".

- Como e por que se puxo en marcha este traballo de investigación en colaboración coa Universidade de Gante?

- A colaboración coa Universidade de Gante vén dalgúns anos atrás. O profesor Jo Verhaevert e máis eu compartimos despacho hai xa anos na Universidade de Lovaina, cando estabamos a facer as nosas teses de doutoramento. Anos despois, voltamos a contactar para intercambios de estudantes Erasmus, e nunha mobilidade deste tipo para facer o traballo de fin de grao, un estudante belga comezou o traballo de medida de características electromagnéticas de refrescos de cola, que despois ampliamos ata dar lugar ao artigo. 

- Por que é importante coñecer as características electromagnéticas da Coca-Cola e da Pepsi (e doutras bebidas)?

- Nun mundo no que o control de calidade cobra cada vez mais importancia, a posibilidade de atopar un procedemento para detectar cambios na composición dun produto durante a fabricación, e tendo en conta toda a produción e non só unha mostra aleatoria, sería de grande utilidade. O traballo de laboratorio de medida de características dieléctricas é o paso previo, a investigación básica, que tal vez poida dar lugar a unha aplicabilidade futura. A decisión de usar refrescos de cola vén pola súa variedade (os dous competidores principais teñen unha boa colección de diferentes produtos) e polas súas características: teñen burbullas, azucre, etc.

- No caso destas dúas marcas e das súas variedades, conclúen que todas as variedades seguen as mesmas tendencias (con valores cercanos aos da auga). Como se pode explicar isto ao público? 

En realidade só quere dicir que electromagneticamente teñen comportamentos similares, aínda que os seus sabores e compoñentes poidan ser moi diferentes.

"Obviamente, isto non vai representar un cambio nin nas marcas nin nos gustos do consumidor, pero pode ser unha aportación ao control da calidade".

- Con todo, matizan que si atoparon comportamentos diferentes entre as dúas marcas. Cales son esas diferenzas, que significan e que utilidade ten ese achádego?

- Comprobamos que as tendencias xerais son moi similares, isto é, o modo en que a constante dieléctrica do líquido varía ao longo da frecuencia, mentres que os valores exactos dos parámetros medidos son máis característicos de cada variedade. Isto pode ser de utilidade para detectar problemas de fabricación que dean lugar a variacións ao redor dos parámetros propios de cada bebida.

- Que supón esta investigación tanto para as marcas como para o consumo e para a propia comunidade científica?

- Supón un primeiro paso nun proceso que pode levar (ou non) ao deseño dun novo procedemento de control de calidade na fabricación. Isto incidiría colateralmente no consumidor e tamén nas marcas. Obviamente, non vai representar un cambio nin nas marcas nin nos gustos do consumidor, pero pode ser unha aportación ao control da calidade  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 incredulo

Pois agora que sigan co barrantes.

1 anonimo