O presidente do TSXG admite que lle preocupa que se dubide da independencia xudicial, "unha obrigación constitucional"

Subliña que calquera xuíz que incumpra o seu deber de independencia "incorre en responsabilidade" e que hai mecanismos como a recusación

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2017 | Actualizada ás 19:02 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, admitiu que lle "preocupa" que a cidadanía poida ter dúbidas sobre a independencia xudicial e que ten esta preocupación non só polo cargo que ocupa, senón tamén "como xuíz e como persoa". Non en balde, lembrou que se trata "dunha obrigación constitucional".

Miguel Ángel Cadeas e Alfonso Rueda.
Miguel Ángel Cadeas e Alfonso Rueda. | Fonte: Europa Press

"O que sucede é que hai problemas que nos afectan aos xuíces e ao Poder Xudicial directamente e outros que nos afectan indirectamente, como pode ser o problema dos fiscais, que teñen o seu propio réxime", reflexionou, a preguntas dos medios en Santiago, antes de engadir que a "responsabilidade" de dilucidar calquera cuestión "é dos órganos que están para iso".

"No caso do Poder Xudicial, sería o CGPJ, ou se tivese algún matiz doutro tipo, está a xurisdición aí para resolvelo. Pero preocúpame o que afecta ao Poder Xudicial porque, dunha maneira ou outra, afecta o valor da Xustiza e este é un valor fundamental dos cidadáns", esgrimiu.

En todo caso, preguntado acerca de se hai un problema de independencia dos xuíces, o presidente do TSXG advertiu de que os xuíces teñen "a obrigación constitucional de ser independentes" e, de incumprila, incorrerían "en responsabilidade".

"Se algún xuíz abdica indebidamente da súa independencia ten unha responsabilidade disciplinaria e mesmo, no seu caso, penal", advertiu Cadenas.

ABSTENCIÓN E RECUSACIÓN

Preguntado acerca de se cre que a cidadanía entende que maxistrados recusados para xulgar casos que implican ao PP poidan volver ter unha responsabilidade similar, replicou que calquera xuíz, se hai unha causa de abstención, ten "a obrigación e o deber legal" de axustarse a ela.

Pola contra, apuntou que as partes, se o xuíz non se abstén de oficio, teñen un mecanismo de defensa que é "a recusación". "Hai que estar ao caso concreto", resolveu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta