Unzué, celeste por dous anos

O Celta confirma a fichaxe do técnico navarro Juan Carlos Unzué, segundo adestrador do Barça, que regresa a Vigo trala súa estadía na campaña 2013-14 como segundo de Luis Enrique. Debutará como técnico principal en Primeira con 50 anos.

Por gcdeportes | Vigo | 28/05/2017 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

Do Celta ao Barça e agora de regreso a Vigo. Juan Carlos Unzué é xa de xeito oficial o substituto do Toto Berizzo e dirixirá o equipo celeste nas dúas vindeiras campañas.

Juan Carlos Unzué dá instrucións nun adestramento co Barça.
Juan Carlos Unzué dá instrucións nun adestramento co Barça. | Fonte: @FCBarcelona

O adestrador navarro regresa ao banco celeste (será o seu debut como primeiro adestrador en Primeira con 50 anos) trala súa estadía en Vigo como segundo técnico de Luis Enrique na campaña 2013-14. Con Unzué regresan ao Celta Roberto Moreno, segundo adestrador; Rafel Pol, preparador físico, e Joaquín Valdés, psicólogo, todos eles integrantes do corpo técnico de Luis Enrique que, segundo o Celta, “propiciou o despegue do club en Primeira División”.

Juan Carlos Unzúe (Pamplona, 22 de abril de 1967) regresa a Vigo tras unha frutífera etapa de tres anos no FC Barcelona, onde con Luis Enrique sumou nove títulos nas tres últimas tempadas. O último foi a Copa este sábado tras vencer 3-1 ao Alavés, motivo polo que o anuncio da súa contratación, xa pechada, adiouse ata este domingo.

O técnico navarro compartiu banco e experiencias en can Barça con técnicos como Frank Rijkaard, Pep Guardiola ou Luis Enrique. Como primeiro técnico, tan só unha experiencia no Numancia de Segunda División (acabou 10º) na tempada 2010-11. O Celta anuncia a presentación do novo corpo técnico para os vindeiros días.

O coñecemento da casa e a aposta polo fútbol ofensivo serían os principais argumentos do presidente Carlos Mouriño para elexir de novo a un técnico con relación co FC Barcelona, como antes Hristo Stoichkov, Eusebio ou Luis Enrique.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta